NARCISA HIRSCH

PROGRAMA 1 | SUITE PATAGÓNICA

Filmoteca de Galicia | Venres 31 maio | 18:00 horas | Entrada libre a todas as sedes ata completar capacidade. Non será posible acceder ás salas unha vez empezada a proxección.

 

 

PRADERA
Narcisa Hirsch, Tomás Rautenstrauch | 2019 | Arxentina | Super 8 a HD | 3 min

As mans de Narcisa Hirsch, nonaxenaria, abren un cartucho de Super 8 máis para cargar unha cámara. No que parecería un ritual de traspaso dun legado, a avoa e o seu neto, Tomás Rautenstrauch, contemplan unha película dunha pradaría que aos poucos vai tomando o cadro.

 

BARILOCHE. FOTOS BYN  
Narcisa Hirsch | Arxentina | Super 8 | 3 min

Un rolo de Super 8 recentemente atopado, no que vemos fotos en branco e negro (varios recordos de infancia e familiares, algunhas estampas que farán a súa aparición noutras películas de Narcisa), mesturadas con fragmentos da paisaxe de Bariloche. Quizais os descartes do pasado conformen as películas do futuro.

 

POTRERO
Narcisa Hirsch | 1973 | Arxentina | Super 8 | 10 min

Durante o transcurso dun ano enteiro, Narcisa deixou unha cámara sobre un trípode, debaixo do beirado dunha corte, onde un home de campo gardaba as vacas. Nos veráns e invernos Narcisa adoitaba pasar tempo alí, pois tiña unha casa veciña dese poldreiro. Ela deixoulle instrucións ao campesiño para que accionase a cámara de Super 8 durante os períodos en que ela estaba ausente. A película empeza no inverno e remata no inverno do ano seguinte. (Filmoteca Narcisa Hirsch)

 

DIARIOS PATAGÓNICOS 2
Narcisa Hirsch | 1973 | Arxentina | Super 8 | 11 min

Diario fílmico do verán de 1972. Unha viaxe desde Bariloche á costa do Atlántico. Vense imaxes da filmación da película Patagonia. (Filmoteca Narcisa Hirsch)

 

PATAGONIA
Narcisa Hirsch | 1977 | Arxentina | Super 8 a HD | 10 min

A cámara percorre os pasteiros patagóns, logo rostros nun vello almacén e fotos en transparencia sobre escenas patagonas. Todo é filtrado por unha luz ámbar. (Filmoteca Narcisa Hirsch)

 

ULISES
Narcisa Hirsch | 1979 | Arxentina | Super 8 a HD | 7 min

Diario fílmico do verán de 1972. Unha viaxe desde Bariloche á costa do Atlántico. Vense imaxes da filmación da película Patagonia. (Filmoteca Narcisa Hirsch)

 

PATAGONIA (versión corta)
Narcisa Hirsch | 1973 | Arxentina | 16 mm a HD | 9 min

Diario fílmico do verán de 1972. Unha viaxe desde Bariloche á costa do Atlántico. Vense imaxes da filmación da película Patagonia. (Filmoteca Narcisa Hirsch)

 

PARA VIRGINIA
Narcisa Hirsch | 1984 | Arxentina | Super 8 a HD | 14 min

Unha homenaxe a Virginia, unha rapaza de 23 anos oriúnda de Bariloche que se suicidou en Eivisa. Extractos das súas cartas, escritas nos muros, aparecen na película como leitmotiv. (Filmoteca Narcisa Hirsch)

 

NARCISA HIRSCH

RETRATO DUNHA ARTISTA COMO SER HUMANO

Dicir que Narcisa Hirsch (Alemaña, 1928-Bariloche, 2024) é unha das artistas máis importantes de América Latina, e do mundo, é algo tan certo como incompleto, un clixé deste sistema de xerarquías e de medidas de xenialidade de lóxica patriarcal. Fan falta máis palabras para a describir con xustiza. Narcisa Hirsch foi unha persoa dunha creatividade desbordante: iniciouse como pintora, logo foise polos vieiros revolucionarios da arte dos sesenta para recalar no happening e, partindo do rexistro deses happenings, empezou a facer cinema. O seu encontro co cine experimental norteamericano abriuna a novas aventuras formais propias do medio e durante os setenta fixo varias películas históricas dentro da potente escena do cinema experimental arxentino. A partir de finais dos setenta e dos oitenta entrégase a un cinema de formas líricas próximo ao mitolóxico e filosófico por momentos, tamén experimenta coa ficción e, despois duns anos de pausa, retoma o cinema a través dos medios do vídeo. Á marxe do resumo curricular, hai máis cousas que se poden dicir de Narcisa e que van un paso máis alá da súa traxectoria como artista, ampliando o campo á súa esencia como ser humano. Foi un elemento aglutinador importante da escena de Buenos Aires. Non só cos seus coetáneos da arte (Marie Louise Alemann, Walther Mejía) e da xeración, algo máis nova, do cinema experimental (Claudio Caldini, Jorge Honik, Horacio Vallereggio, Silvestre Byron) arredor do Instituto Goethe e do Instituto Di Tella. Tamén, xa na súa terceira idade, foino das novas xeracións (Azucena Losana, Pablo Marín, Pablo Mazzolo, Tomás Rautenstrauch, Federico Windhausen, Benjamín Ellenberger). Ademais desta vocación de crear comunidade, tiña, así mesmo, una curiosidade inesgotable e unha apertura carente de prexuízos ao que a rodeaba. Toda a súa obra está atravesada pola alegría e polo xogo e, por veces, por un sentido do humor manifesto, e sempre na vontade de experimentar coa forma, de probalo todo e de entregarse a cada cousa que facía. Achegarse á figura de Narcisa Hirsch é ver alguén que pareceu vivir plenamente, que aproveitou todo o que tivo e que, ademais, se atreveu a facelo todo sendo muller nun mundo de homes. Achegarse ás súas películas é ver a artista e tamén o ser humano, en convivencia indisoluble e xenerosa. 

Xa ampla e rica considerando o que coñeciamos, a obra de Narcisa Hirsch adquiriu unha dimensión nova co traballo de preservación, dixitalización e acceso levado a cabo pola Filmoteca Narcisa Hirsch (comandada polo seu neto Tomás Rautenstrauch), co cal tamén saíron á luz os seus diarios e cine-cartas, ademais doutros apuntamentos e bosquexos; todas películas nun principio non pensadas para proxeccións públicas. Obras que, alén do seu interese biográfico, entroncan directamente co cinema diarístico herdeiro de Mekas e, no caso das cine-cartas, cun cinema persoal abordado desde unha perspectiva poucas veces vista, apegada á vulnerabilidade e á apertura, á exposición da complexidade dos sentimentos humanos e dos lazos afectivos. Á hora de organizar unha retrospectiva do seu traballo (aquí priorizamos os traballos en soporte fílmico), era importante sacar á luz esa faceta, tentando incorporala de xeito orgánico a todo o (gran) resto. 

O primeiro programa que lle dedicamos titúlase «Suite patagónica», como unha forma de chamar a atención sobre o importante rol que A Patagonia e a súa vasta paisaxe ten na súa obra. Situada ao sur da Arxentina, A Patagonia é unha rexión extensa e en parte salvaxe, composta de impresionantes vales, montañas, estepas, lagos e praias, e cuxa cidade máis visible é Bariloche. Hirsch, que dividía o seu tempo entre Buenos Aires, Bariloche e as súas viaxes polo estranxeiro, sente unha pulsión natural por filmar A Patagonia que se diversifica de moitos xeitos. A sesión ábrese con dous traballos que apuntan a unha filiación afectiva co lugar: Pradera, feita con Tomás Rautenstrauch, na que observa desde a súa casa en Buenos Aires a paisaxe patagona xunto ao seu neto, de tal forma que abre un portal entre os dous lugares aos que nos transporta. O rolo de Super 8 titulado Bariloche. Fotos BYN intercala fotografías e lembranzas familiares con esa mesma paisaxe. A maxestade da terra na súa amplitude xa se nos presenta en Potrero, a maneira de Narcisa de ver A Patagonia mesmo non estando alí. Despois de observar o lugar e de entender os lazos familiares, pasamos a presenciar o modo de vida de Narcisa, o dinamismo e a creatividade do día a día nos Diarios patagónicos 2. Patagonia e Ulises preséntannos visións alucinadas da paisaxe, que serve como lenzo para unha estampa psicodélica feita cinema. Patagonia (versión corta) dá paso a un rexistro máis próximo ao etnográfico, sen perder de vista a experimentación formal. Finalmente, Para Virginia é unha cine-carta a unha muller ausente na que percorremos as rúas de Bariloche (cos famosos graffiti de Narcisa, neste caso extractos das cartas de Virginia), para terminar nunha representación performática do espírito feminino que entronca co seguinte programa. 

Baixo o nome (con aceno humorístico) «Mulleres e homes e viceversa», o segundo programa reúne algúns dos seus traballos máis centrados no lírico e no simbolismo, películas que, de xeitos máis ou menos velados, aluden ás condicións feminina e masculina. Desde as enigmáticas luces e sombras de Señales de vida, unha película que evoca unha ameaza oculta por momentos, pasamos á particular visión do mito da amazona de Hirsch en Ama-Zona. La noche bengalí, feita xunto ao alemán Werner Nekes na súa visita a Buenos Aires, parece indicar a imposibilidade de encontro entre o home e a muller no mundo exterior, en contraste coa calidez do encontro íntimo. A-Dios é unha película que examina a masculinidade e os seus tropos de conquista e submisión a través de potentes imaxes e citas, nunha película na que cabe o erotismo e tamén a violencia. Finalmente, Pink Freud, nun rexistro máis lixeiro, mira con irreverencia a psicoloxía freudiana e as implicacións arredor da maternidade e, se se quere, dos dereitos reprodutivos, filmando no seu estudio unha muller durmida e un home que baleira un saco cheo de pequenos bebés de plástico (facendo unha chiscadela tamén a un dos happenings rueiros de Hirsch, Muñecos, no que lles entregaba eses mesmos bonequiños aos transeúntes dicíndolles: «Have a baby»). 

O terceiro programa está dedicado aos diarios e cine-cartas e toma o seu título dunha das películas que o conforman: «Poucos son os que coñecen o segredo do amor». Aquí temos desde unha carta á súa filla Andrea polo seu vixésimo primeiro aniversario a varias películas nas que debulla a súa relación amorosa con Rafael Maino, cunha sinceridade e unha sensualidade singulares, en vitais colaxes de imaxes por veces acompañadas da súa voz. Cabe aquí tamén o diario titulado Capricornio 1978, unha colección de rolos de Super 8 especialmente delicados e apegados ás texturas, á observación do detalle e ao milagre da vida (e da morte). 

O ciclo remata co programa «O obradoiro da artista», no que se concentran algúns dos traballos máis coñecidos de Hirsch e tamén máis próximos á arte contemporánea: os relacionados co happening e co cinema estrutural, todos eles ligados dunha forma ou doutra ao seu obradoiro de Buenos Aires. Nun exercicio de idas e vidas temporais, o programa empeza presentándonos o espazo en Taller, película que pon en marcha a imaxinación do fóra de campo: un plano fixo nun recanto do obradoiro que contén o obradoiro enteiro grazas á descrición que oímos en off. Retrato de una artista como ser humano preséntanos unha sorte de pequena e lúdica biografía artística na que presenciamos o making of de happenings como Marabunta ou películas como Canciones napolitanas, para a continuación pasarmos a ver esas mesmas obras, ademais dun rexistro do happening Edgardo. O sentimento de comunidade que se respira nese obradoiro habitado de Narcisa percorre todas estas películas, igual que Testamento y vida interior, onde filma de novo o seu estudio e se ve a si mesma nun cadaleito levado polos seus amigos e amigas desde as rúas de Buenos Aires ás neves da Patagonia. Pecha o programa Come Out, a súa obra clave, unha réplica á descuberta que supuxo para ela Wavelength, de Michael Snow. Un zoom de afastamento (que camiña ao par da obra sonora de Steve Reich que a acompaña, baseada na repetición cada vez máis acelerada dunha frase) que funciona como un espello con respecto ao zoom de achegamento de Pradera co que abriamos o ciclo. 

Saímos de volta ao mundo despois de Narcisa, mais xa non somos as mesmas.

Elena Duque