O (S8) da Coruña clausurou a súa 15ª edición reafirmando a súa posición como o festival de cinema de Galicia con maior proxección internacional

Xuñ 18, 2024 | Destacados, Novas

● Unha edición récord que exhibiu máis de 140 pezas de 20 nacionalidades, 31 delas estreas mundiais e un 80% feitas por creadoras 

● A presenza de figuras lendarias do experimental como Morgan Fisher e Margaret Honda ou a retrospectiva da pioneira Narcisa Hirsch conviviron no programa coas propostas das cineastas novos 

● A nova vangarda latinoamericana promovida por mulleres brilla no festival, que incluíu a premiere da longa ¡Ya México no existirá más! da mexicana Annalisa D. Quagliata

Vídeo-resumo completo do (S8) XV Mostra Internacional de Cinema Periférico da Coruña, 2024

O (S8) da Coruña clausurou a 15ª edición reafirmando a súa posición como o festival de cinema de Galicia con maior proxección internacional. “É fascinante ver como unha nova xeración de cineastas abraza de novo o celuloide para construír o seu cinema xunto a figuras de referencia mundial das décadas dos sesenta e setenta do século pasado. É, entre outras, unha das grandes satisfaccións desta edición do (S8) ”. Os directores Ana Domínguez e Ángel Rueda fan esta valoración tras pechar unha edición, a décimo quinta, do (S8) Mostra de Cinema Periférico, que volveu encher as salas da Filmoteca de Galicia e do Palexco de público ávido de cinema artesanal. A capacidade de creación artística volveu a unir a cineastas e a público de diferentes xeracións, e o cinema analóxico estableceu pontes entre todos eles. O (S8) despedíase o domingo 9 de xuño, pero que continúa expandida e con novas propostas como un taller de cinema analóxico na Costa da Morte este verán. Más de 140 pezas, 20 países representados, 31 estreas absolutas, 60 cineastas convidados na cidade da Coruña, 18 pezas feitas en Galicia e 8.215 participantes que pasaron polos espazos acondicionados pola Mostra para desenvolver todas as súas actividades, ao longo dos 10 días que durou o festival. Así foi o 15º (S8) Mostra de Cinema Periférico.

Ringleiras de xente nova para os programas de Morgan Fisher na Filmoteca de Galicia, espectadores chegados expresamente á cidade para ver como o proxector de 70 mm da Domus da Coruña se puña  en marcha con Spectrum Reverse Spectrum de Margaret Honda ou a descuberta para moitos dos asistentes da fascinante filmografía da arxentina Narcisa Hirsch, recentemente falecida. Para os directores do festival, esa é unha das valoracións máis positivas desta Mostra. Os referentes do cinema experimental marcaron grandes momentos nesta edición do (S8) Mostra de Cinema Periférico, que se desenvolveu do 31 de maio ao 9 de xuño. Sen dúbida tratábase dunha oportunidade única en Europa para gozar dos programas dedicados a lendas do cinema experimental. A Mostra é un referente mundial de cinema de vangarda e desde a organización destácase o gran impacto e promoción que supón para a cidade da Coruña, ao que se desprazou este ano 2024 público de Andalucía, Cataluña, Valencia, Madrid, Asturias, Castela e León ou País Vasco, e de fóra de España, de países como Bélxica, Francia, Alemaña, Portugal ou Canadá. 

Lendas que conviven e conectan coa comunidade artística emerxente, tal como subliñan os directores do (S8). Unha edición con protagonismo absoluto das mulleres creadoras. As máis novas atopámolas nos dous programas de “Sinais” e tamén na nova sección “Sinais Latinoamérica”, comisariada por Ivonne Sheen Mogollón. De México chegaba a noticia da súa primeira presidenta na historia e tamén chegaba a Galicia a cineasta underground Annalisa D. Quagliata, que escolleu o (S8) para estrear a súa longa ¡Ya México no existirá más! o martes 4 de xuño na Filmoteca de Galicia. 

Canadá é un dos territorios de maior actividade e historial no cinema experimental e tivo enorme peso na programación desta décimo quinta Mostra de Cinema Periférico da Coruña. O 30 aniversario da Film Farm de Phil Hoffman, a escena actual do cinema de vangarda canadense da man de the8fest, festival veterano dedicado exclusivamente ao cinema feito en super 8, e dirixido pola cineasta exipcia-canadense Robin Riad, ou a presenza na Coruña da chileno-canadense Franci Durán, cuxas películas pecharon o domingo 9 o festival, conformaron unha representación de luxo para a vangarda de Canadá. O alumnado de Belas Artes de Salamanca e Pontevedra tivo a fortuna de beneficiarse , tamén a última xornada do festival dun obradoiro impartido pola embaixada canadense no (S8) no que artesanía e ecoloxía foron eixos de acción. 

Recoñecida xa en Europa tras o seu paso pola Berlinale coa longa Ste. Anne, cuxa proxección no (S8) abarrotou a sala da Fimoteca de Galicia o sábado 8 de xuño -como xa pasara o mércores 5 de xuño coas súas pezas curtas-, a presenza de Rhayne Vermette na Coruña fascinou ao público do festival. Emoción, identidade, raices, idiosincrasia. Vermette, de 42 anos e ultimando a súa segunda longametraxe, contou ao público do (S8) como vai construíndo a lume lento a súa carreira como cineasta, na que o respecto ás súas orixes -pertence ao pobo indíxena Métis de Canadá- e o sentido igualitario do traballo marcan o seu modo de entender o cinema. 

As noites do (S8) chámanse Desbordamientos 

A programación do (S8), que comezaba na súa primeira fin de semana, no museo Domus, co Seminario “Film Undone”, comisariado por Philip Widmann (Alemaña), e no que participaron Katie Kirkland (Estados Unidos), Léa Morin (Francia), Tara Najd Ahmadi (Irán), Concha Barquero e Alejandro Alvarado (España), intensificou a súa actividade a partir do xoves 6 de xuño.

A actividade deste segundo tramo da Mostra, con propostas en horarios matutino, vespertino e nocturno, e coa apertura da sala (S8) no Palexco da Coruña, culmina nas noites no patio da Fundación Luis Seoane. Os “Desbordamientos”, a sección do festival dedicada ao cinema expandido, acolleron este ano ao colectivo saruxceci (ou o que é o mesmo, Saru Miras e Ceci Romero ), Nicole Remy e Agnès Hayden (o xoves 6, o “Desbordamiento” máis novo da edición) a Lynn Loo (o venres 7) e a Gaëlle Rouard (o sábado 8 de xuño). Coa complicidade de Cervexas Alhambra, os “Desbordamientos” volveron a crear un espazo nocturno e único para gozar ao aire libre de toda a enerxía e evocación das film performances. 

Conexión coa cidade, con Galicia e coa creación emerxente 

Máis de 400 rapazas e rapaces de centros da cidade participaron nas catro xornadas escolares previas ao comezo do festival. “Viven de costas á maioría das programacións culturais da cidade e na Mostra queremos conectarnos con eles, facelos parte do proxecto”, explica a produtora e investigadora Cristina da Torre, que coordina esta iniciativa. Sesións que desbordan en curiosidade destes novísimos espectadores que descobren toda a parte material do cinema con proxeccións analóxicas e nas que se prima a exhibición de creacións feitas en Galicia. 

A conexión coa contorna é outra das patas do (S8) que, nesta edición, ademais fixo brillar o equipamento das salas da cidade, especialmente ao resucitar o proxector de 70 mm do museo Domus para a obra da estadounidense Margaret Honda. Pero máis aló, desde a organización do festival destácase a presenza da creación galega na programación, con 18 pezas asinadas por autoras e autores galegos. Así na sección “Sinais”, que pon o foco nos novos creadores, atopabamos a Iago Lourido, a Yasmina Farhani Luaces, ou ao vigués Pablo Agma, recente gañador das bolsas ao desenvolvemento ese8_LAB, organizadas polo propio (S8). Ao que habería que sumar os proxectos que viñeron da man dos estudantes da Facultade de Belas Artes de Pontevedra (Universidade de Vigo) dentro da sección “Paraíso”, facendo do (S8) motor e impulso dunha nova xeración de cineastas en Galicia. 

O (S8) esténdese máis aló de xuño: Xpresa, taller en Corme no verán e convocatorias abertas 

O (S8) mantén as súas portas abertas e a primeira da accións expandidas é o taller Xpresa que todos os anos está dirixido a persoas de capacidades diversas ou en risco de exclusión social, impartido por cineastas de recoñecida traxectoria, e que forma parte do Programa Cultura Accesible e Inclusiva da Fundación Emalcsa. Participan membros da Asociación Galega de Asperger (ASPERGA) e a Fundación Adultos Discapacitados da Coruña (ADCOR), ás que este ano se sumará o Centro de Menores San Xosé de Calasanz. En 2024, será Franci Durán a cineasta encargada de impartir o taller os días 14, 15 e 17 de xuño.

E se hai máis conexións destacadas neste 15º (S8) que se estende máis aló de xuño, unha delas é o anuncio do obradoiro de cinema analóxico que se celebrará en Corme (Costa da Morte) do 28 de xullo ao 3 de agosto, impartido por Álvaro Feldman. Non agachan Ana Domínguez e Ángel Rueda, directores da Mostra, a súa admiración por proxectos como a Film Farm de Ontario (Canadá) e promoven en 2024, con intención de quedar, un taller para a elaboración artesanal de películas en súper 8 e 16 mm, de maneira colectiva e ao mesmo tempo de forma independente e autónoma. A sede do taller será a Confraría de Pescadores de Corme e, como parte da actividade, levarase a cabo unha excursión polos lugares máis emblemáticos da zona, guiados polo actor e escritor Suso Lista. Só se convócan  7 prazas e o prazo para solicitalas remata o 30 de xuño. 

Ata o domingo 14 de xullo tamén está aberta a convocatoria para participar nas Residencias Artísticas Internacionais de Creación Cinematográfica – BAICC. Unhas residencias que xorden da colaboración entre o (S8), Acción Cultural Española (AC/E) e LIFT-Liaison of Independent Filmmakers of Toronto. Ademais, o (S8) deixa a súa programación aberta en formato en liña, coa sección Ultreia et Suseia, unha colección de programas monográficos dalgunhas das voces máis destacadas do cinema galego hoxe en día e que en 2024 incorpora o dedicado a María Ruído.

Apoios e agradecementos

A 15ª edición do (S8) Mostra Internacional de Cinema Periférico da Coruña está organizada pola Asociación Cultural eSe8, que agradece o apoio institucional do Concello da Coruña, o Consorcio de Turismo e Congresos, a Deputación da Coruña, a Axencia Galega das Industrias Culturais da Xunta de Galicia, o Instituto de la Cinematografía y de las Artes Audiovisuales (ICAA), e a Fundación Luis Seoane.

Ademais, grazas ao Programa de Acción Cultural Española (AC/E) para a Internacionalización da Cultura Española (PICE), estiveron na Coruña: Tomás Rautenstrauch, responsable da Fundación Narcisa Hirsch e a programadora Cecilia Barrionuevo (Arxentina), as cineastas Annalisa Quagliata (México) e Rhayne Vermette (Canadá), Philip Widmann (Alemaña), comisario do seminario “Film Undone”, as investigadoras Katie Kirkland (Estados Unidos) e Léa Morin (Francia),  poñentes en dito seminario, a artista Lynn Loo (Reino Unido), a  peruana residente en Alemaña, Ivone Sheen Mogollón, responsable da nova sección “Sinais Latinoamérica”, e Oana Ghera (Romanía), titora de INPUT, espazo de desenvolvemento de proxectos cinematográficos impulsado polo festival galego.

No seu compromiso co facer sen présa e co apoio a artistas e creadores desde un punto de vista máis achegado, persoal e creativo, Cervezas Alhambra volveu a colaborar co festival que forma parte de Momentos Alhambra. Un ano máis, durante a sección “Desbordamientos” puidéronse maridar as súas variedades coas mellores propostas artísticas e culturais. Pero ademais este ano a marca cervexeira estendeu a súa colaboración co (S8) creando un espazo no centro da cidade durante catro noites do festival, que serviu de punto de encontro para cineastas, artistas e críticos acreditados no (S8).

PUBLICACIÓNS RECENTES