O (S8) CELEBROU O PRIMEIRO TALLER DE CINE ANALÓXICO NA COSTA DA MORTE IMPARTIDO POR ÁLVARO FELDMAN

Out 13, 2024 | Destacados, Novas

Coincidindo coa presentación do XV (S8) convocáronse 7 prazas para este taller que se desenvolveu ao longo de 7 días, entre o 28 de xullo e o 3 de agosto de 2024 na cofradía de pescadores de Corme. As prazas cubríronse con participantes procedentes de Galicia (4), Asturias (1), Cantabria (1) e até da Irlanda (1).

O taller abordou a elaboración artesanal de películas en 16 mm e Super 8, de maneira colectiva e ao mesmo tempo de forma independente e autónoma. Introducíuse aos asistentes ás ferramentas e posibilidades técnicas e estéticas do celuloide. Cada un dos e das participantes puxo en práctica cada un dos pasos do proceso: dende a posta a punto e manexo das cámaras Bolex de 16mm e de Super 8, a experimentación con diferentes técnicas e velocidades de filmación de día e de noite, ata o revelado e secado das películas, pasando polo enfiado nas espirais dos tanques de revelado. Todo o proceso foi enteiramente acompañado e supervisado polo docente. Unha experiencia única na que puideron facer películas coas súas propias mans.

Esta acción creativa tivo lugar nunha contorna natural inigualable que favoreceu a concentración, o intercambio de ideas e o contacto máis directo entre a arte e a sociedade. Ademais, como parte da actividade, leváronse a cabo dúas excursións polos lugares máis emblemáticos da zona, guiados polo actor e escritor Suso Lista.

Á conclusión do taller realizóuse unha proxección pública para a veciñanza de Corme, protagonistas do filmado durante eses días na vila e a súa contorna. Unha film-performance levada a cabo polos autores/as, que deste xeito foron quen de experimentar o último paso do proceso creativo. Toda a iniciativa foi aplaudida e celebrada, así como comunicada pola prensa local e autonómica. Sen dúbida, unha actividade a repetir nos vindeiros anos.

O taller estivo impartido por Álvaro Feldman, cineasta, artista visual e fundador de ACME Obscura, un dos poucos laboratorios en España dedicados ao cine fotoquímico.  A súa práctica explora as posibilidades do traballo co material fílmico. Realizou proxectos como o laboratorio Fuera de Campo en Sevilla, foi profesor en LAV, en Madrid, e as súas películas exhibíronse no Anthology Film Archives (Nueva York, EEUU), eo (S8) Mostra Internacional de Cinema Periférico (A Coruña, España), o festival Experiments in Cinema (Albuquerque, Novo México, EEUU) o exf f. – tage des experimentellen films Frankfurt (Alemaña), no programa online do Instituto Cervantes “Arrebato en celuloide” en Xcéntric-CCCB (Barcelona), en Tramallol (Sevilla) ou o Palacio del Almirante (Granada).En 2023, o seu proxecto Torontontero, foi o seleccionado na 7ª convocatoria das residencias BAICC para ser desenvolto no Liaison of Independent Filmmakers (LIFT) de Canadá e, posteriormente, presentado ese mesmo ano no (S8) Mostra de Cinema Periférico. Entre as súas películas destacan La tarara (2021), Soleares para el Popeye (2022), Diorama (2022), Torontontero (2023) e Aka y Rita (2023).

Esta primeira edición do Taller de cine analóxico en Corme forma parte de eSe8_LAB, o noso espazo de formación, impulso, apoio, investigación e desenvolvemento de proyectos cinematográficose e contou co financiamento de Agadic- Axencia Galega das Industrias Culturais a través da súa liña de axudas a Laboratorios, incubadoras e residencias de proxectos audiovisuais.

PUBLICACIÓNS RECENTES