ABERTA A INSCRICIÓN PARA O TALLER DE CINE ANALÓXICO EN CORME CON DENEB MARTOS

Mai 2, 2025 | Destacados, Novas

A primeira edición do taller de Corme encheu as súas prazas. Fotos: eSe8_LAB

Por segundo ano consecutivo eSe8_LAB organiza un taller no mes de xullo dedicado ao cine analóxico e impartido nesta ocasión pola artista visual Deneb Martos. Baixo o título «Cine e fotografía sen cámara: do orgánico ao mecánico», reunirá a un grupo de sete participantes durante unha semana na vila mariñeira de Corme, na Costa da Morte, nunha experiencia transformadora e de creación colectiva co celuloide como protagonista.

DETALLES

Convocatoria: 7 prazas.
Duración: 7 días.
Do 07 ao 13 de xullo de 2025.
Inscrición: Ata o 16 de xuño de 2025.
Coste: 800€. Inclúe aloxamento, manutención, laboratorio e todos os materiais necesarios (equipos, película, químicos, etcétera).

Cunha semana de duración, este obradoiro é unha prolongación da proposta educativa do (S8) que neste caso desprázase á Costa da Morte de Galicia para realizar unha formación única explorando o amplo e fascinante territorio do cinema e da fotografía sen cámara. Impartido por Deneb Martos, proporá dinámicas para ir máis aló da aprendizaxe técnica, facilitando o traballo colectivo, a escoita e mais a conexión co territorio.

Unha inmersión práctica e poética nas posibilidades dos soportes fotosensibles

Durante o obradoiro achegarémonos ás técnicas históricas e contemporáneas do cine sen cámara, con especial atención a dous núcleos de traballo: a técnica do flat print no cuarto escuro e mais a creación con raiogramas de auga na noite, á beira do mar. Explorarase tamén o cruce entre alquimia e creación visual practicando con quimigramas coloreados, fitogramas e reveladores sostibles preparados a partir de plantas recollidas na contorna

Traballarase con papel fotográfico e película en 35mm e 16mm, facendo ademais un percorrido polas obras de cineastas que teñen intervido o celuloide con diferentes técnicas. O taller inclúe o uso de proxectores analóxicos para as veladas compartidas para visualizar tanto os procesos como os resultados, nunha oportunidade de visibilizar a transformación do orgánico en mecánico a través da luz.

Detalle dun fotograma creado por Martos, coordinadora do taller.

CORME – COSTA DA MORTE (A CORUÑA)

O taller de cine analóxico en Corme forma parte de eSe8_LAB, o  noso espazo dedicado á formación, impulso, apoio, investigación e desenvolvemento de proxectos cinematográficos e que conta co apoio da Axencia Galega das Industrias Culturais da Xunta de Galicia. Na súa primeira edición cubriu todas as súas prazas, incluíndo asistencia internacional, sendo moi ben valorado por  todos os participantes que destacaron, ademais do aspecto formativo, o atractivo da localización escollida.

Un escenario natural e cultural único para unha experiencia conectada ao territorio

Corme é unha vila mariñeira no corazón da Costa da Morte, un espazo á beira do Atlántico onde se concentra toda a forza e estímulo da Galicia mariñeira. Con acantilados como Punta Roncudo, batido de forma inclemente polas ondadas, danse aquí os mellores percebes do mundo e as cruces brancas que arrodean o seu faro lembran aos percebeiros que perderon a vida aos seus pés.

Aquí, a costa é caprichosa e adéntrase cara o continente deixando paso ao estuario do Anllóns que forma a ríaque abriga a poblacións como a de Corme, onde destacan as casas mariñeiras pintadas de cores. Nas súas inmediacións atópase a  enigmática Pedra da Serpe e tamén podemos gozar das praias de Balarés e Soesto, perfectas para relaxarse xunto a unha lingua de area de máis de 2 km, paraíso de colimbos, gansos, garzas e patos.

Corme é unha contorna natural única na beira do Atlántico

INSCRICIÓN E PRAZO

Envíanos a túa solicitude a info@s8cinema.com especificando no asunto: «Taller Cine Corme 2025». Debes indicarnos o teu nome completo, número de teléfono, unha pequena biografía e un breve texto (máximo 200 palabras) explicando o teu interese no obradoiro.

O prazo de envío das solicitudes está aberto entre o venres 2 de maio e o luns 16 de xuño ás 23.59 horas (GMT+1). As inscricións aceptaranse por orde de chegada e serán confirmadas en canto se formalice o pago do custe do taller cos datos proporcionados. Serán reservadas durante un prazo de 48 horas dende o envío dos datos de abono.

Esta experiencia forma parte de eSe8_LAB, o espazo do (S8) dedicado á formación, impulso, apoio, investigación e desenvolvemento de proxectos cinematográficos e conta co apoio da Axencia Galega das Industrias Culturais da Xunta de Galicia.

Deneb Martos, alquimista, artista visual e creadora

DENEB MARTOS

Alquimista, artista visual e creadora, Martos está especializada en fotografía e cine sen cámara, a través de técnicas tradicionais e sostibles. A súa obra ten estado en citas como FILMADRID, Festival KONTAKTE’17 (Berlín), Festival MUTA (Lima) ou Punto de Vista (Pamplona) ademais de no propio (S8) co que colabora dende hai anos.

Martos fundou e foi responsable do LABO DE FOTO da Casa Encendida de Madrid durante unha década e actualmente coordina LAV, Laboratorio Audiovisual de Creación y Práctica Contemporánea. Colabora con institucións culturaies como a Fundación Cerezales FCAYC, o Guggenheim de Bilbao, Filmoteca Española e o Cine Estudio de Bellas Artes de Madrid.

PUBLICACIÓNS RECENTES