MIRE: ARGENTIQUE DE NANTES

DESBORDAMIENTOS

Fundación Luis Seoane | Sábado 7 de xuño | 23:00 horas | Entrada libre a todas as sedes ata completar capacidade. Non será posible acceder ás salas unha vez empezada a proxección.

Mire é unha asociación dedicada ao cinema experimental que funciona en Nantes (Francia) desde 1993, e un dos laboratorios autoxestionados por artistas máis lonxevos de Europa. Alén de promover a creación de cinema experimental, Mire organiza eventos, proxeccións, obradoiros e, desde 2018, o festival Prisme – Argentique du futur. Unha delegación de Mire visítanos na Coruña, traendo consigo algúns dos traballos máis estimulantes que saíron de alí nos últimos anos: abrimos cun programa de películas de Aurélie Percevault e Antoine Ledroit, seguido pola performance Smokeshow, de Aurélie Percevault e Pierre Pierre Pierre. 

Aurélie Percevault (Francia) é membro do núcleo (duro) de Mire (Nantes, Francia), asociación dedicada ao cinema experimental que xestiona un laboratorio cinematográfico compartido e é organizadora do festival Prisme. O traballo de Percevault, coordinadora de proxectos, facilitadora de obradoiros, comisaria e cineasta, céntrase nas nocións do visible e o invisible e o perigo latente, prestando especial atención á dimensión ritual da proxección. 

Antoine Ledroit vive á beira do esteiro do Loira, onde o río conflúe co océano Atlántico. Traballa principalmente como proxeccionista nun cine e para festivais cinematográficos e é, desde hai tempo, membro de Mire, asociación dedicada ao cinema experimental. Filma en Super 8 e en 16 mm que revela no laboratorio cinematográfico autoxestionado de Mire; por veces fai películas, mais, como cineasta, vai amodo. Tamén organiza programas de cinema experimental e proxeccións ambulantes na súa cidade natal. 

Pierre Pierre Pierre (PPP) é un artista de son autodidacta interesado na electrónica e situacións disfuncionais que xoga con artigos electrónicos feitos á man, aparellos de alta fidelidade normais e baratos e software de codificación de síntese de audio. (Ex)membro de Cable#, festival de música experimental, e de Mire, colectivo e entidade de cinema experimental, ambos de Nantes (Francia). Na actualidade xestiona 50hz, que organiza eventos de artes experimentais en distintos lugares. 

AURÉLIE PERCEVAULT E ANTOINE LEDROIT 

CONFLUENCIAS E BIFURCACIÓNS

Antoine Ledroit e Aurélie Percevault teñen unha mesma sensibilidade na súa relación coa imaxe. 

Ambos, amigos desde hai (moito) tempo, deron da man os seus primeiros pasos no mundo do cinema experimental en Mire (Nantes), onde descubriron películas que causaron neles unha transformación, onde tomaron as súas primeiras imaxes e onde atoparon outro eido en que tiñan afinidade. Este programa ofrece a ocasión de botar a vista atrás, a anos anteriores, empezando por filmes que realizaron como dúo para logo pasar a traballos individuais, sempre baixo o selo de certa complicidade. Distintos motivos, ao principio incipientes, vanse reafirmando. Un apego á luz, xestos festivos, cuestións relativas ao espazo e tempo, unha presenza humana furtiva, que serven de contrapunto á potencia dunhas magníficas paisaxes. Impresións sobre película, nalgún punto situado entre os soños de eternidade e o recoñecemento da nosa propia finitude. 

(«Iso é o único que hai? / Se o único que hai son os meus amigos, / daquela sigamos bailando.» —Peggy Lee) 

Inzwischen
Aurélie Percevault | 2012 | Francia | Super 8 | 3 min

Entremedias, entretanto. Yendo y viniendo. Idas y vueltas al punto Entremedias, namentres. Indo e vindo. Idas e voltas ao punto de fuga. de fuga.

Sillages #3
Aurélie Percevault, Antoine Ledroit | 2010-2025 | Francia | Super 8, 16 mm | 8 min (obra en curso)

Reminiscencias dunha bucólica e fantasmal viaxe polas estradas de Finlandia. 

Sillages #2 
Aurélie Percevault, Antoine Ledroit | 2014 | Francia | 16 mm | 5 min 

Un filme de estrada sen coches. Fotogramas de cámara web pasados a Super 8 e logo a 16 mm. Momentos fugaces estes, condensación e repetición do pasado, captados e esquecidos.

Les Herbes folles 
Antoine Ledroit | 2018 | Francia | 16 mm | 4 min 

Da beira da estrada á película. As herbas veñen de visita ao laboratorio. 

À quelle distance tombe la foudre?
Aurélie Percevault | 2022 | Francia | 16 mm | 4 min 

«A escuridade chega cando a luz falla.» (Derek Jarman citando a Aristóteles en Chroma: A Book of Colour)

Ao matinarmos sobre o perigo, oímolo achegarse. Nunha tormenta hai lóstregos (a luz), tronos (o son). A distancia entre o lóstrego e o trono determina a distancia á que está o perigo. A película componse de fotogramas dispersos de luz —captados ás carreiras durante unha tormenta—, unha cabeceira negra e moita, moita cinta. Cada cinta activa o regulador de bucle do proxector, un son que é sinónimo de perigo en potencia para calquera oído ben adestrado. Esta única copia, pola súa fraxilidade, dánase con cada pasada. Un día deixará de ser posible seguir proxectándoa.

L’effet Bolduc 
Aurélie Percevault | 2021 | Francia | 16 mm | 3 min 

Un bolduc é unha fita decorativa que se emprega en envoltorios de regalos e que ten a propiedade de se rizar cando se lle pasan unhas tesoiras abertas. Toma o seu nome da cidade que a viu nacer, ’s-Hertogenbosch, ou Bois-le-Duc en francés, denominación que a partir do século XVII se transformou en bolduc. A película de 16 mm non se retorce baixo o efecto das tesoiras, mais as capas de emulsión de cor, coas rabuñaduras, revelan un baile de variacións azuladas. 

«Igual que a fita decorativa da cal deriva o seu nome, a película serpea, desprégase e retórcese nunha arroiada de sons e cores dotados dunha suavidade azulada.» (Festival Les Inattendus, XIII edición, 2022)

Les Horizons 
Antoine Ledroit | 2024 | Francia | 16 mm | 9 min 

Con independencia do que nos ocorrese, os horizontes estaban alí. 
Con independencia do que nos ocorra, os horizontes están aí. 
Con independencia do que nos vaia ocorrer, os horizontes estarán aí. 

AURÉLIE PERCEVAULT E PIERRE PIERRE PIERRE

SMOKESHOW

Sesión colectiva con pantalla de fume. É a pantalla a que arde ou son os altofalantes? Unha vixilia arredor do lume, un rito cinéfilo no cal do fume xurdirán pantasmas en 16 mm e retallos da cultura pop… O medio tanxible, revelado pola superficie desmaterializada. Xirando arredor do lume para atoparmos o punto de vista axeitado, onde as liñas de luz se organizan para formar imaxes furtivas, observamos as súas perpetuas recombinacións. Despois da faísca e antes das cinzas…, o lume. Sen lentes protectores.

SMOKESHOW
Aurélie Percevault, Pierre Pierre Pierre | Francia | Proxección en 16 mm, codificación de son en directo, lume, fume | 30 min