A sección Sinais reúne nesta edición unha trintena de obras de cineastas novos que, na maioría dos casos, apostan polo formato analóxico. Inclúe tres sesións dedicadas a artistas da península ibérica, unha nova edición de Sinais Latinoamérica, comisariada pola peruana Ivonne Sheen, e Sinais Desbordamentos, coa performance do colectivo vasco Tekno Fantasy.

Unha das novidades máis destacadas desta edición do (S8) é a ampliación de Sinais, sección onde se reúne o mellor da creación cinematográfica contemporánea da península ibérica. Nesta ocasión haberá 21 películas galegas e españolas repartidas en tres programas. A estas tres sesións súmase de novo, tras o éxito do pasado ano, Sinais Latinoamérica, con 7 filmes de países como México, Chile e Bolivia. Tamén dedicamos un espazo ao cinema en vivo con Sinais Desbordamentos, protagonizado polo colectivo vasco Tekno Fantasy.
Esta ampliación do programa de Sinais, cun total de 29 pezas seleccionadas, é unha proba de que tras dezaseis anos, o (S8) xa non é só o lugar onde se atopa o cinema internacional de vangarda; o propio festival impulsou e nutriu unha escena experimental contemporánea moi diversa. Trátase en moitos casos de creadores que pasaron pola sección Paraíso do festival, as xornadas profesionais INPUT ou as residencias artísticas BAICC. É así como cumprimos cun dos nosos propósitos: xerar comunidade ao redor do cinema de vangarda nun contexto non competitivo.
TERRITORIO, POSTA EN ESCENA E ARQUEOLOXÍA, OS TRES EIXES DE SINAIS
A programación do (S8) articúlase en torno ao corpus fílmico dunha persoa, por encima das súas obras individuais. Con todo, en cada edición cobran máis importancia os traballos recentes de autores novos reunidos na sección Sinais. Son obras realizadas nos últimos dous anos, a maioría rodadas en formatos exclusivamente analóxicos ou combinados con ferramentas dixitais, o que demostra o momento de vitalidade que experimenta o fílmico.



Áncora (2025), Cristina Souto| Al mirar a lo lejos (2024), Marta Lara | Servidumbres de la luz (2024), Pablo Useros y Deneb Martos
SINAIS 1. Neste programa inclúense películas ideadas ao redor do territorio. É o caso de Montaña Abaixo, de Carlos M. Peñalver, sobre Vila Nova de Tazem, en Portugal, acosada polo lume; ou Ulía, de Laura Moreno Bueno, un xogo de capas resultante de gravar obsesivamente o mesmo monte. Noutros casos, esta exploración do territorio conduce ao persoal, como en Áncora (2025), de Cristina Souto Pita, ou windowway (2025), de Jorge Suárez-Quiñones Rivas.
Estes estudos naturais persistentes tamén se atopan en Servidumbres de la luz (2025), de Pablo Useros e Deneb Martos, e Al mirar a lo lejos (2024), de Marta Lara. A primeira está filmada en Ribeira de Alge, Portugal, resultando unha película-nube cun rexistro atmosférico e emocional da contorna cotiá. Marta Lara propón un xogo coa liña do horizonte capturada en Lanzarote, proxectada cos cadros de 8 mm sen cortar. Pechará este primeiro programa Viento (2024), de Sofía Acosta Varea e Anaís Córdova-Páez, na que persoas migrantes crean un relato común sobre o recordo do vento.



Cara a cara a cara (2025), Colectivo LAV | LAXUS (2025), Pablo Arenas| PBF #01, Madrid (2024) Borja Rodríguez
SINAIS 2. O segundo programa reúne obras que usan a posta en escena como un recurso que vai máis aló do narrativo. Poden construír realidades paralelas, como sucede en Solposto, de Iago Lourido ou The Last Sorrow of a Defeated Wizard, de FLESH.WEBM (Lidia Rodríguez González). Tamén manipular imaxes atopadas, como fai Pere Ginard en Creo que dije «Sí» (2025); ou crear retratos nos que se mesture a presenza física e a espiritualidade, como fai Borja Rodríguez nas dúas pezas que presenta, PBF #1, Madrid (2024) e Bologna, 24 de junio (2024).
En Una noche y pocos recuerdos (2024), Natalia Rabaneda arma unha coreografía de evocacións e superposicións para examinar a fraxilidade do recordo. Cara a cara a cara (2025) é unha película colectiva nada de LAV e que aplica de forma enxeñosa a técnica fotográfica das reservas para revelar o invisible entre corpos, capas e máscaras. LAV foi tamén o espazo de creación onde se activou a película LAXUS (2025), de Pablo Arenas, quen emprega a performance na propia filmación recreando as pinceladas dun artista.



Colosal #8 (2025), Olmo Cuña | Furada negra (2024), Berio Molina | This is not a political film (2025), Pablo Useros
SINAIS 3. Desenterrar sociedades pretéritas e unha certa idea da arqueoloxía é o concepto que articula o terceiro dos programas de Sinais. Blanca García, en How to make magic (2024), invoca os rastros de persoas que atravesaron o bosque inglés que retrata. Berio Molina, en Furada Negra (2024), explora o concepto de escavación captando os sons de covas. Unha peza arqueolóxica concreta situada en Vallecas é o punto de partida de Colosal #8 (2025), de Olmo Cuña, e os vestixios de películas atopadas en 16 mm son a base da película Fragments of (2025), de Elena Calvo.
This is not a political film (2025), de Pablo Useros, é un retrato deformado da actualidade, esquivando a súa condición política, pero exposto como legado para o futuro. Pyongyang Live é a segunda peza que presentará FLESH.WEBM (Lidia Rodríguez González) en Sinais e na que presenta unha confluencia imposible de tempos e lugares cuestionando a autenticidade do propio documento.



A desalambrar (2024), Martín Baus | Bisagras (2024), Luis Arnías | Por dentro somos color (2024), Elena Pardo
SINAIS LATINOAMÉRICA, UN XARDÍN DE PELÍCULAS SEN FRONTEIRAS
No (S8) consideramos esta edición a consolidación da nosa conexión coa vangarda cinematográfica de América Latina. Así, ademais dos focos dedicados ás grandes figuras do cinema experimental do continente, repetimos con Sinais Latinoamérica, inaugurada en 2024. A sección está comisariada de novo pola artista e investigadora peruana Ivonne Sheen, quen seleccionou sete películas nas que recoñece a chamada da terra como temática afín.
Entre elas atópase Bisagras (2024), de Luis Arnías, unha coprodución entre EUA, Senegal e Brasil, rodada en 16 mm e que explora a persistencia da conciencia negra; ou puroandar (2025), de Luciana Decker, tamén en 16 mm e coproducida entre EUA e Bolivia, na que indaga sobre actos ancestrais e esenciais. A maioría das películas desta sección están realizadas en analóxico, mesmo con películas reutilizadas, como é o caso A desalambrar (2024), de Martín Baus, quen remove capas e sedimentos para atopar as voces e ritmos da revolución agraria chilena.
Por dentro somos color (2024), de Elena Pardo, é un téxtil-filme rodado en Teotitlán do Valle, México, no que entretece os coñecementos profundos do poder sandador e da extracción de cores das plantas. Marcela Cuevas, tamén mexicana, propón en Electuario: plantas para el duelo (2024) un traballo coa materia do cinema como catarse matérica e corporal relacionada co enterro das cinzas da súa nai e o loito.
A película Lessons on flight (2024), de Cecilia Araneda, examina os patróns de voo do colibrí coroa de lume de costas verdes. Foi filmada en branco e negro de 16 mm nunha zona rural de Chile, procesada con olivas e coloreada a man. Marrona Libre (2024), de Natalí Mamani y Rodrigo Sousa, é un videoclip da artista de orixe mapuche Brisa Flow, rodado en analóxico e dixital na cidade de São Paulo, onde vive unha gran comunidade de migrantes de Bolivia.
O UNIVERSO VISUAL E SONORO DE TEKNO FANTASY
Dentro da cinematografía experimental, cada vez son máis habituais as propostas que requiren dunha execución en directo, intervindo sobre a proxección e converténdoa nunha película efémera e única en cada sesión. Por iso, Sinais xa conta co seu propio espazo en Desbordamentos, o programa de film performance que cada ano é o grande atractivo da Mostra.
Nesta ocasión, o colectivo vasco Tekno Fantasy, composto por Laura Ibáñez López, Camila Reyes e Iker González, presentará LA BELLEZA EN LOS RAYOS DE LUZ FRACTURADOS (2025). Esta performance, desenvolvida no laboratorio de Medialab en Tabakalera (Donostia), é unha invitación para entrar nun universo visual e sonoro coa intervención de diferentes dispositivos ópticos e traxes deseñados para o evento.

O (S8) Mostra Internacional de Cinema Periférico celébrase na Coruña entre o 3 e o 8 de xuño de 2025. As sedes son as habituais: Filmoteca de Galicia, Sala de Exposiciones Palexco, Fundación Luis Seoane e a Domus. Está organizado pola Asociación Cultural eSe8 e conta co patrocinio da Concellaría de Cultura e Turismo do Concello da Coruña e o apoio da Axencia Galega das Industrias Culturais da Xunta de Galicia (Agadic), a Deputación da Coruña, o Instituto de la Cinematografía y de las Artes Audiovisuales (ICAA), Acción Cultural Española (AC/E) e a Fundación Luis Seoane.