
Todos os detalles da XVI Mostra Internacional de Cinema Periférico foron presentados nun acto celebrado este 19 de maio na Domus da Coruña polos seus codirectores, Ana Domínguez e Ángel Rueda. Alí desvelaron a imaxe deste ano, dedicada aos volcáns, invocando a natureza como verdadeira forza da creación, rexeneradora de vida e dun futuro fértil. De feito, a sesión inaugural da Mostra será un percorrido por películas icónicas de EUA, Xapón, Austria, Italia e Francia realizadas entre 1923 e 2023 e que teñen os volcáns como inspiración.
Na presentación, Rueda lembrou que a Mostra deste ano coincide co sesenta aniversario do Super 8, que describiu non só como un formato doméstico, se non como «unha forma de pensar e unha das grandes revolucións do cinema». Respecto da programación, puxo en valor a gran presenza de cineastas consagrados da escena de vangarda internacional e tamén a cantidade de filmes que se estrean nesta edición e que foron impulsados dende a propia Mostra: «Levamos máis de nove anos organizando laboratorios de creación, apoiando a xente nova e contribuíndo a ese caldo de cultivo para que o volcán que inspira a imaxe desta edición cobre vida».

No acto, os directores do festival estiveron acompañados polo concelleiro de Cultura e Turismo do Concello da Coruña, Gonzalo Castro, o director xeral da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, e a deputada provincial da Deputación da Coruña, Avia Veira. Tamén asistiu a directora da Fundación Luis Seoane, Carmen Jiménez, e Marcos Pérez, director dos Museos Científicos da Coruña.
Jacobo Sutil resaltou na súa intervención a diversidade dos festivais galegos a nivel de formatos, temáticas e presenza territorial, así como a madurez do sector audiovisual galego. Sobre o (S8), destacou que «posiciona A Coruña e Galicia como referente no cine de vangarda a nivel internacional». A deputada provincial Avia Veira celebrou que a Mostra sempre atopa un novo lugar por onde medrar, presentando unha programación cada vez máis ambiciosa e «dando voz ao talento galego, que ve no formato do (S8) o seu xeito de deixar pegada». Tamén subliñou a conexión da Mostra coa cidade, convertida durante o festival no centro do mundo, «porque a periferia e a centralidade son cuestións de perspectiva».
O concelleiro de Cultura e Turismo do Concello da Coruña, Gonzalo Castro, pechou as intervencións felicitando ao festival pola imaxe escollida para este ano, que representa a explosión creativa que hai ao redor do (S8), «unha iniciativa cultural que busca transformar a realidade desde a perspectiva da creación artística e da reflexión crítica, facendo confluír tradición e modernidade».

Ademais de repasar a programación deste (S8), o acto concluíu co anuncio da apertura do prazo de presentación de proxectos candidatos para as residencias artísticas BAICC 2025/26, promovidas por eSe8_LAB e Acción Cultural Española (AC/E) en colaboración co LIFT, o Liaison of Independent Filmmakers of Toronto. BAICC é a única residencia internacional de creación cinematográfica en funcionamento en España desde 2017.
O obxectivo destas residencias é impulsar un cinema máis artístico e autoral, que abra novas vías a cineastas nacidos ou residentes en España, brindándolles a posibilidade de desenvolver un proxecto nunha contorna internacional exclusiva. O traballo resultante terá a súa estrea mundial durante a próxima edición do (S8), para despois continuar o seu percorrido por festivais e centros de arte de todo o mundo. Ademais, este 2025, a presenza destas obras producidas pola Mostra verase amplificada cunha xira internacional. O próximo outono, varios dos cineastas beneficiarios e moitas das obras realizadas proxectaranse nas cidades de Toronto, Vancouver, Halifax, Winnipeg e Montreal. Este BAICC Canadian Tour está apoiado por AC/E, o LIFT e o Canadian Council for the Arts.

Na presentación fíxose pública a imaxe desta edición, inspirada nos volcáns
O (S8) Mostra Internacional de Cinema Periférico está organizado pola Asociación Cultural eSe8 e conta co patrocinio da Concellaría de Cultura e Turismo do Concello da Coruña e o apoio da Axencia Galega das Industrias Culturais da Xunta de Galicia (Agadic), a Deputación da Coruña, o Instituto de la Cinematografía y de las Artes Audiovisuales (ICAA), Acción Cultural Española (AC/E) e a Fundación Luis Seoane. As sedes son as habituais: Filmoteca de Galicia, Sala de Exposicións Palexco, Fundación Luis Seoane e a Domus.