AZUCENA LOSANAPercorrer as películas de Azucena Losana é atoparse con moitas caras e lugares, tempos e texturas. Como quen busca facerse unha antropoloxía propia, Losana fabrica sinfonías de cidade de peto, retratos a escala humana, concentra multitudes frenéticas dentro de fotogramas de super 8, vai trazando coa súa cámara as liñas dunha vida chea de experiencias e encontros. Un estudo das xentes do presente que ten tamén a súa contrapartida na exploración do pasado, a través dunha escavación infinita na que vai desenterrando películas orfas, domésticas, descartes comerciais de todos os xéneros, nunha sorte de arqueoloxía da civilización de antonte. Documentos que reutiliza e reinterpreta dende fai anos, construíndo unha obra que pasea con soltura do cine á performance, pasando pola instalación, o collage, a fotografía e o debuxo.
Azucena Losana naceu en México en 1977, e dende fai once anos vive e traballa en Bos Aires. O seu traballo como artista mestúrase coa súa actividade (pasada e presente) en diversos colectivos: en México, en Trinchera Ensamble e no LEC, e en Arxentina con DNI e Circuito CiN!CO, con quen tamén organiza proxeccións. Traballou no mítico laboratorio de cine analóxico Arco Iris de Bos Aires, e dende fai uns anos tamén se adentrou no traballo de arquivo e preservación. Dende os seus tempos no Trinchera Ensamble, ao que se asociou en 2004, foi construíndo un corpus artístico do que aquí ofrecemos unha mostra en formato de proxección de películas e de breves performances.PROGRAMAAT YOUR HEELS
Azucena Losana, República Checa, Arxentina, 2017, 16 mm a vídeo, 3 min.
Nun soño recorrente vou seguindo as pistas do seu percorrido, sempre pisándolle os talóns. (Azucena Losana)KARL-MARX-ALLEE
Azucena Losana, Alemaña, Arxentina, 2015, super 8, 4 min.
Superposición das monumentais estruturas da arquitectura comunista de Berlín Oriental. (A.L.)NEÓN
Azucena Losana, Arxentina, 2016, super 8, 4 min.
Este é o retrato de César, o herdeiro da luz de neon que reinou nas marquesiñas de Bos Aires e que agora resístese á obsolescencia. (A.L.)SIESTA
Azucena Losana, Chile, Arxentina, 2018, super 8 a vídeo, 3 min.
Pola tarde en Valparaíso, entre as 15.00 e as 17.00 horas, todos os cerros quedan case inmóbiles. (A.L.)INTERMISSION (RETRATO DE DANIEL VICINO)
Azucena Losana, Arxentina, 2014, super 8, 4 min.
Este é o retrato de Daniel Vicino, un dos personaxes máis emblemáticos do cine en Arxentina: inventor, técnico, coleccionista, amante dos fierros, pero sobre todo, do cine. (A.L.)EL GUARACHES
Azucena Losana, México, Arxentina, 2013, super 8, 4 min.
“El guaraches” é o alcume do propietario desta mezcalería tradicional en Cuicatlán, Oaxaca, México. Da súa colección de botellas artesanais feitas á man por familias oaxaqueñas, escollín dúas da colección “porno” para levar. (A.L.)SP
Azucena Losana, Brasil, Arxentina, 2015, super 8, 3 min.
A máis grande, máis poboada e máis vertixinosa cidade en Sudamérica… Mentres que os cariocas parecen aves tropicais, os paulistas son como formigas frenéticas… As distancias son máis grandes e eles sempre teñen présa. Sempre viaxando entre punto a e b. Unha viaxe frenética a través deste belo monstro brasileiro que non pode evitar moverse en ritmos irregulares. (A.L.)PAB (PARTIDO APOCALÍPTICO BRADERUNNERISTA)
Azucena Losana, México, Arxentina, 2014, super 8, 5 min.
O Partido Apocalíptico Bladerunnerista predica a crenza de que o mundo rematou o século pasado. A humanidade alcanzou os niveis máximos de velocidade ata que se pechou o bucle. Porén, ninguén se percatou da fin porque nunca chegou a destrución total que se agardaba como sinal. Polo tanto, todo o que entendemos como presente… é tan só inercia. (A.L.)TIERRAS DEL MAR
Azucena Losana, Chile, Arxentina, 2018, 8 mm e super 8, 6 min.
Leonel Vasquez construíu, xunto aos carpinteiros e pescadores da costa de Valparaíso, Chile, un bote/instalación sonora seguindo a tradición case extinta dos botes artesanais de madeira que aínda navegan estas augas. A través dos parlantes de madeira a bordo é posible escoitar as voces dos pescadores artesanais narrando en primeira persoa os problemas aos que se enfrontan todos os días para sobrevivir ante a burocracia e a pesca industrial. (A.L.)GARDEL
Azucena Losana, Arxentina, 2018, 16 mm, 3 min.
Intervención con letraset e montaxe sobre copia de proxección do filme Cuesta Abajo de Louis J. Gasnier, 1934. (A.L.)DEVELAR
Azucena Losana, Arxentina, 2016, performance en super 8, 7 min.
Loops de filmes nos que se superpón a súa densidade cromática e as texturas logradas en experimentos do revelado fotoquímico. (A.L.)
Sonorizada en directo por Alexandre Losada e Luis Garrido.JINETES
Azucena Losana, Arxentina, 2013, performance en super 8, 4 min.
O material fílmico de varias cabalgatas familiares é axeitado para unha performance como materia lumínica que se superpón, se expande, suma e resta as súas cores e formas. (A.L.)
Sonorizada en directo por Alexandre Losada e Luis Garrido.COLIBRÍ
Azucena Losana, Arxentina, 2013, performance en super 8, 7 min.
Para esta performance realízase unha ecualización de audio en vivo. Modifícanse os niveis de son para emular as ás batendo dun colibrí dunha película muda e encontrada. O son é provocado polos micrófonos de contacto conectados ao proxector que executa a película a unha velocidade de 5 cadros por segundo para amosar en detalle a degradación do celuloide. (A.L.)