CHARLOTTE PRYCERecuperar o asombro e a emoción dos primeiros naturalistas, que coas súas notas e os seus debuxos clasificaban as marabillas dunha flora e dunha fauna aínda por descubrir, aínda entre as néboas do mito. Vivir o nacemento dunha aliaxe química de propiedades fabulosas, a medio camiño entre a ciencia e a maxia. Como entre a ciencia e a maxia está o cine e os aparatos para a ilusión que o precederon, e que emprega Charlotte Pryce producindo coas súas películas e performances todas esas sensacións antes descritas, ás que se suma a impoñente impresión de fantasmagoría que deberon vivir aqueles espectadores de finais do século XIX cando presenciaron por primeira vez unha proxección cinematográfica. Unha rareza nestes tempos de omnipresencia da imaxe en movemento, nos que levamos dentro do peto un aparato onde pode estar contido o mundo enteiro, e que, porén, non nos produce xa nin unha cuarta parte do asombro que Pryce pode conseguir usando un aparato inventado no século XVII e outro que conta xa máis de cen anos.PROGRAMA 1X
Charlotte Pryce, EE. UU., 1988, 16mm, 6 min.
Un canto fúnebre, unha danza. Un retrato da quietude e o silencio interrompido pola urxencia da tristeza. A película está composta por un collage de pinturas do Renacemento nórdico combinadas con imaxes pintadas á man, reveladas artesanalmente e opticamente manipuladas. (Charlotte Pryce)A STUDY IN NATURAL MAGIC
Charlotte Pryce, EE. UU., 2013, 16mm, 3 min.
Contemplade o conxuro do alquimista: a transmutación da luz en substancia. Un avistamento de ouro. (C.P.)PRIMA MATERIA
Charlotte Pryce, EE. UU., 2015, 16mm, 3 min.
Delicados fíos de enerxía forman espirais e se transforman en misteriosas células microscópicas de po dourado: son as partículas luminosas do soño do alquimista. Prima Materia está inspirada polo asombro evocador do escrito de Lucrecio De rerum natura. É unha homenaxe aos primeiros e tentativos rexistros fotográficos que revelaron a extraordinaria natureza dos fenómenos ocultos un paso máis alá do límite da visión humana. (C.P.)PWDRE SER: THE ROT OF STARS
Charlotte Pryce, EE. UU., 2019, 16mm a vídeo, 7 min.
A película retrata un encontro cunha misteriosa substancia lumínica-eléctrica. Inspirada a partes iguais polos reportes de experiencias visionarias do medievo e por unha fotografía do século XIX do invisible, Pwdre Ser conxuga as fotografías Kirlian coas imaxes reveladas artesanalmente. Pwdre Ser é a palabra galesa para designar unha substancia mítica observada por moitos dende o ano 1400. (C.P.)THE TEARS OF A MUDLARK
Charlotte Pryce, EE. UU., 2018, performance con lanternas máxicas, 20 min.
A inspiración de The Tears of a Mudlark viu dunha fotografía tomada entre os anos 30 e 40 de dúas biólogas que descubriran os restos dunha praga de saltóns conxelados nun glaciar. Atopei a foto na colección fotográfica da Biblioteca Pública de Los Angeles, xunto con outras fotos antigas de LA. Levaba un tempo pensando en facer unha peza sobre os estratos —as capas que se van depositando unhas sobre as outras— quizais porque iso mesmo era o que eu estaba facendo fotoquimicamente en moitas das miñas películas. Entón comecei a pensar na extracción de petróleo en LA e no seu legado de contaminación en relación coa historia que quería contar, que trataba tamén sobre exhumar unha ilusión e tratar de sacala á luz coa lanterna máxica ao mesmo tempo. (C.P.)

PROGRAMA 2

CONCERNING FLIGHT: FIVE ILLUMINATIONS IN MINIATURE
Charlotte Pryce, EE. UU., 2004, 16mm, 8 min.
Cinco pequenas películas en unha, cinco ilustracións en miniatura arredor do misterio do voo dos insectos. En orde de proxección: Fino aliento-temblor, Paisaje con la caída de ícaro, Despegue del jardín, La aparición de la luciérnaga e Guardianes del laberinto.DISCOVERIES ON THE FOREST FLOOR 1-3
Charlotte Pryce, EE. UU., 2007, 16mm, 4 min.
Tres estudos de plantas observadas e imaxinadas, descubertas botánicas no interior do fotograma. O título do filme está inspirado nun xénero pictórico do século XVII, que consistía en pintar plantas colocándoas no seu contorno “real”, no chan do bosque, no canto dun xarrón.THE PARABLE OF THE TULIP PAINTER AND THE FLY
Charlotte Pryce, EE. UU., 2008, 16mm, 4 min.
Unha flor embriagadora; un insecto metafórico; un anhelo que se estira a través dos séculos. A película é unha procura filosófica imbuída en cores luminosas e unha luz escintilante. Tras cultivar o belo tulipán caín baixo o seu feitizo ––unha aflición compartida cun artista doutro tempo e outro lugar. Nesa beleza suntuosa e temporal cruzamos os nosos camiños, compartindo o temor (un recordatorio: a mosca) da brevidade da vida. (C.P.)CURIOUS LIGHT
Charlotte Pryce, EE. UU., 2011, 16mm, 4 min.
Un manuscrito iluminado: ilustracións que se agochan nas fibras do papel: unha luz fugaz disólvese na emulsión da película: revisitamos unha historia esquiva. (C.P.)LOOKING GLASS INSECTS
Charlotte Pryce, EE. UU., 2013, 16mm, 4 min.
A película toma o título do capítulo tres de A través del espejo e das ilustracións clásicas orixinais de Tenniel. Recreándose no acto e xogo da observación, atopa unha metáfora visual do proceso cinemático nas conmutacións da historia orixinal, e fai uso dunha lupa a modo dexogo de palabras óptico ––apuntando aos instrumentos usados tanto por entomólogos como por cineastas. Incluso os insectos da historia esvaecen, como as imaxes que aparecen na lupa da película foxen cara a escuridade cando se inclinan para reflectir ao mundo “natural” máis alá del libro. (C.P.)W.H. HUDSON’S REMARKABLE ARGENTINE ORNITHOLOGY
Charlotte Pryce, EE. UU., 2013, performance con lanternas máxicas, 15 min.
Nesta performance con lanternas máxicas, Pryce parte das coloridas e magníficas ilustracións ornitolóxicas recollidas polo naturalista arxentino William Henry Hudson a finais do século XIX, evocando a fauna da súa terra natal dende o seu desterro inglés. Introducímonos nunha conferencia ilustrada nunha chuviosa tarde londinense que nos transporta ás exóticas paraxes da Pampa e as súas lendarias aves, nunha resoante experiencia que roza o sobrenatural.