MADI PILLERUnha das cousas que caracterizan o traballo de Madi Piller é a continua experimentación cos procesos do cine, explotando todas as posibilidades que o medio ofrece en todas as súas formas e tamaños. A procura constante de técnicas, de modos de facer, de formas de extraer da película novas clases de imaxes nunca vistas domina o seu traballo, que transita por dúas vertentes que se entrecruzan: por un lado, a máis abstracta, a que se basea no puro pracer visual e no traballo formal, ben actuando directamente sobre o celuloide, ben por medio das manipulacións de toda clase ou do revelado, ou ben na mesa de animación, con distintos materiais e técnicas, ou simplemente deixándose levar polo puro impulso de filmar. A outra, especialmente presente nos seus traballos máis recentes, bebe dunha profunda exploración da memoria e das raíces na procura da súa propia identidade, en películas nas que o persoal se mestura co colectivo e o político. Esta selección, necesariamente parcial e incompleta xa que a súa obra acumula máis de 40 referencias entre películas e instalacións dende finais dos anos 90, percorre algúns dos aspectos e intereses da súa obra. Na súa constante experimentación cos formatos analóxicos, Madi Piller desenvolveu unha inesgotable imaxinación que é revisada e reinventada para cada película, sen límites á hora de pensar en novas formas de xerar imaxes (e de novos propósitos para xeralas), pois o filme , neste caso máis que nunca, xustifica os medios.PROGRAMAINTO THE LIGHT: THE FILM RESISTANCE
Madi Piller, Austria, Canadá, 2016, 35mm a vídeo, 4 min.
Unha película feita a partir de esporas de fungos que foron medrando nunha película de 35mm durante unha década, que logo foron copiadas nunha película en branco e negro de alto contraste que logo foi coloreada á man. Unha impresión cósmica, unha explosión de partículas relucentes e círculos estriados. Feita durante unha residencia en MQ21 en Viena. Música de Stephen Voglsinger, gravada en vivo na Sternstudio Gallery, en Viena, durante unha filme performance en abril de 2016. (Mike Hoolboom)FILM ON FILM
Madi Piller, Canadá, 2014, super 8, 4 min.
Estruturas caleidoscópicas abstractas de cores resplandecentes se reflicten e se funden nun iris circular, filmadas en super 8. As imaxes foron preparadas pintando directamente sobre película de 35mm fotograma a fotograma. Estes fotogramas copiáronse opticamente e o material resultante revelouse artesanalmente e manipulouse. Estas imaxes foron logo traspostas a láminas de acetato antes de ser reanimadas en super 8 usando os seus reflexos sobre un cristal. Música orixinal de Rick Hyslop. (M.H.)7200 FRAMES UNDER THE SUN
Madi Piller, Canadá, 2011, dobre proxección en super 8, 3 min.
A película componse de dous rolos en super 8, cada un de cincuenta pés, montados en cámara. Un dos rolos anima a paisaxe con movementos en progresións metódicas, imaxes cambiantes que pestanexan mostrando a flora do norte de Ontario. O segundo rolo fixa a súa mirada persistente sobre formacións rochosas de resonancias fósiles e formas sensuais que visualmente insinúan a súa conexión primitiva co avance e retirada dos glaciares que foron cruciais para a súa formación. (M.H.)BACCHANAL
Madi Piller, Canadá, 2014, super 8, 15 min.
Un particular rexistro de Caribana, o maior festival de rúa en Norteamérica, unha celebración anual da cultura caribeña que ten lugar cada agosto en Toronto dende 1967. Comezando como unha celebración das cores e formas da decoración e os traxes en clave abstracta, o filme vaise rendendo ás danzas e aos rostros, para acabar uníndose ao twerking colectivo.GRAFITTI
Madi Piller, Canadá, 2003, 16mm, 2 min.
Reflexos de edificios na auga. Orixinalmente filmada en super 8, a película foi logo copiada opticamente en material de 16mm, para despois ser pintada á man e a continuación novamente copiada. A arquitectura flúe, respira. (M.H.)THE SHIFTING SANDS
Madi Piller, Canadá, 2018, 16mm, 10 min.
O documental de Jacques Madvo Israel: Land of Destiny (1977), é levado cara a abstracción en The Shifting Sands. A película de Piller afirma a intersección de historia e identificación coa terra a través da loita persoal do pai da cineasta, un mozo refuxiado xudeu que chegou ao Mandato Británico de Palestina en Israel en 1946. Alto contraste nas imaxes recurrentes da guerra de 1948, que estalou xusto despois do establecemento dun estado xudeu en Ertz Israel (posteriormente coñecido como Estado de Israel), interactúa coas observacións de Madvo sobre a sociedade israelí despois dos primeiros trinta anos da súa existencia. A película xustapón imaxes nunha temporalidade fracturada que suscita unha reflexión sobre a aceptación da formación dun estado xudeu. O traballo está dentro do pensamento filosófico de Martin Buber e da historia recente de Israel. As areas movedizas poden tanto borrar como revelar as empresas humanas. (M.H.)UNTITLED, 1925 (TRILOGY)
Madi Piller, Canadá, 2018, 16mm a vídeo, 26 min.
Untitled, 1925 é unha suite en tres partes a través da que a cineasta Madi Piller
volve sobre os pasos do seu avó, Isaac Banarer, na súa viaxe dende a súa natal Romanía ao Perú. Un percorrido que non é só unha recreación física, unha visita a unha ruta mapeada, senón unha confrontación coa natureza da identidade en si mesma. […] Con esta suite, Piller afronta a súa identidade, non en termos de sangue ou sensibilidade, senón como resultado dunha complexa migración, unha identidade modulada entre civilizacións, cada unha coas súas propias e profundas raíces e legados. (Stephen Broomer)NOT MOLDOVA, 1937
Madi Piller, Canadá, 2019, 16mm a vídeo, 13 min.
Noutro xiro virtuoso, a artista volve a Moldavia, que era a terra dos seus avós antes de ser expulsados xunto con todos os seus camaradas xudeus, moitos deles asasinados. Fragmentos de testemuños dos superviventes mestúranse con fotografías e obxectos de arquivo e con celebracións do presente (que se esqueceu nestes ritos cívicos da memoria?). Paisaxes naturais de soño esténdense sobre os mortos, os cemiterios abandonados e as súas pedras marcan os lugares onde a cultura e a comunidade acontecían. Este é un acto sinóptico de duelo, pero tamén un xeito de convocar o presente, un feitizo dos miles de xeitos nos que as traizóns de veciños e amigos depositaron unha marca indeleble nos xudeus que viviron pacificamente entre eles durante xeracións, recentemente atrapados polo terror da opresión e da avaricia do estado. (M.H.)