CAMERA OBSCURA: VALENTINA ALVARADO MATOS

Venres 2 de Outubro | 20:30 h | s8cinema.com

De 1972 a 1981, na televisión pública de Boston, Robert Gardner conduciu un programa que, co paso do tempo, se transformaría nunha serie de culto e nun referente para a comunidade do cinema experimental: Screening Room. Por el pasaron os cineastas de vangarda máis relevantes do seu tempo, que eran entrevistados en profundidade por Gardner. O presentador daba aos telespectadores a oportunidade de coñecer a súa obra en fondura, polo que incluía no programa algunha das pezas destes cineastas. En 2020, pensando en novas formas de expandir e difundir o cinema experimental (empurrados polos tempos que corren, pero tamén propulsados polas facilidades que nos dá a tecnoloxía e internet), o (S8) inspírase no mítico programa de Gardner (tendo tamén en mente o Cinéastes de notre temps de Janine Bazan e André S. Labarthe) para crear Camera Obscura, un programa emitido en streaming nun formato renovado e adaptado aos nosos tempos, realizado cunha estética peculiar e cunha clara vocación creativa. Nel coñeceremos a fondo os procesos de traballo dun grupo de cineastas ao mesmo tempo que gozaremos dunha pequena mostra das súas pezas. O nome do programa, Camera Obscura, alude a ese enxeño luminoso que impulsou a pintura e imaxinou o cinema séculos antes da súa creación, dispositivo a través do cal un raio de luz procedente do exterior proxecta imaxes en movemento no interior dun cubículo escuro. Así, o (S8) quere ser ese raio de luz que viaxa polas ondas para proxectarse en calquera cuarto imaxinable no mundo.

A diáspora, a saudade das paisaxes. Unha revisión constante da propia identidade. Collage, materiais táctiles. Rexistro de procesos: o proceso é a obra. A palabra escrita, xogos de palabras. Estas son algunhas das constantes nos filmes da venezolana residente en Barcelona, Valentina Alvarado Matos. A cineasta soubo construír en poucos anos un persoalísimo imaxinario de seu, ademais dun xeito singular de traballar co cinema ligado ás formas de facer das artes plásticas. Nunha continuación lóxica da súa labor co collage, a pintura e a cerámica, Alvarado utiliza o super 8 e o 16 mm para construír miniaturas cuxa sinxeleza aparente dá de si propia potentes imaxes cheas de significado. O seu traballo (con especial fincapé na obra xerada na residencia BAICC, un esforzo conxunto do (S8), o LIFT de Toronto e AC/E) será a mira desta entrega de Camera Obscura.