ENCONTRO PROFESIONAL
OBSERVATORIO
Sábado 3 de Outubro | 12:00 h | s8cinema.com
Sábado 3 de Outubro | 12:00 h | SALA (S8) PALEXCO | Reserva aquí a túa entrada gratuíta
Nesta edición dual, o Observatorio, organizado en colaboración con CREA, Asociación Galega de Profesionais da Dirección e Realización, acollerá un encontro sectorial para tratar a situación actual da curtametraxe da man dunha serie de axentes implicados neste sector no noso país. Nesta xuntanza discutiremos as diferentes fases da vida dunha curtametraxe: desde a súa produción e distribución, ata a súa promoción internacional. Analizaranse as diferentes liñas de axudas á produción cinematográfica e falaremos das políticas de difusión e internacionalización da curtametraxe española fóra das nosas fronteiras. Ademais, e dacordo coa liña de traballo do (S8), faremos especial fincapé na situación da curtametraxe experimental neste escenario. Esta xornada reunirá tanto a cineastas, produtores e distribuidores, como a representantes das institucións competentes estatais e autonómicas da industria da curtametraxe, coa finalidade de xerar unha oportunidade de promover novas colaboracións e estudar estratexias ante os novos retos, sumando forzas.
Esta xornada constará de dous bloques: no primeiro, participarán a Directora do ICAA, Beatriz Navas, e Tito Rodríguez, Director de Políticas de Márketing do ICAA, que falarán da liña de axudas ao experimental e da distribución, respectivamente; Dolores Meijomín, Coordinadora de Política Audiovisual de AGADIC, que falará de Shorts from Galicia, e Jorge Rivero, programador e figura fundamental na promoción e difusión da curtametraxe no noso país, que presentará á nova directiva da Coordinadora del Cortometraje Español.
O segundo bloque abrirase con Proxecta Constrúe, espazo da coordinadora de festivais de Galicia Proxecta, coa presenza de Manolo González, que falará da situación actual da curtametraxe a través do seu proxecto Chanfaina Lab, pertencente á coordinadora galega. E, para rematar, Mara Lladó, Xerente do Catalunya Film Festivals e Ana Domínguez, directora de (S8) Mostra de Cinema Periférico, falarán das respectivas coordinadoras, a catalá e a galega, como impulsoras da recente creación de Pantalla, Federación Estatal de Coordinadoras de Festivales de Cine y Contenido Audiovisuales.
Todas as actividades serán retransmitidas en streaming.