CAMERA OBSCURA: VAL DEL OMAR
Todos os contidos online desta edición poderanse ver en aberto e de xeito gratuito na nosa web (www.s8cinema.com) do 28 de maio ao 6 de xuño de 2021 (ambos os dous incluídos).
De 1972 a 1981, Robert Gardner conduciu un programa na televisión pública de Boston que co paso do tempo se transformaría nunha serie de culto e nun referente para a comunidade do cinema experimental: Screening Room. Por el pasaron os cineastas de vangarda máis relevantes do seu tempo, a quen Gardner entrevistaba en profundidade ademais de dar aos telespectadores a oportunidade de coñecer a súa obra incluíndo no programa algunhas das súas pezas. En 2020, pensando en novas formas de expandir e difundir o cinema experimental (empurrados polos tempos que corren, mais tamén propulsados polas facilidades que nos dan a tecnoloxía e internet), o (S8) inspírase no mítico programa de Gardner (tendo tamén en mente o Cinéastes de notre temps de Janine Bazan e André S. Labarthe) para crear Camera Obscura, un programa emitido en streaming nun formato renovado e adaptado ao noso tempo, cunha estética peculiar e unha clara vocación creativa. Nel coñeceremos a fondo os procesos de traballo dun grupo de cineastas e ao mesmo tempo gozaremos dunha pequena mostra das súas pezas. O nome do programa, Camera Obscura, alude a ese enxeño luminoso que impulsou a pintura e imaxinou o cinema séculos antes da súa creación, un dispositivo a través do cal un raio de luz procedente do exterior proxecta imaxes en movemento no interior dun cubículo escuro. Así, o (S8) quere ser ese raio de luz que viaxa polas ondas para proxectarse en calquera cuarto imaxinable do mundo.
Un dos períodos máis fascinantes da biografía de José Val del Omar é o que se desenvolve nos setenta, nos últimos anos da súa vida, cando se instalou a tempo completo no seu laboratorio PLAT (siglas que corresponden a Picto-Luminosa-Audio-Táctil). Alí dedicouse a traballar nas súas innovacións técnicas, concentradas na súa famosa “truca”. No PLAT, Val del Omar levou a cabo todo tipo de experimentos: efectos en 3D con luz tremelocente, experiencias con diakinas (sistemas de diapositivas) preparadas, probas con dispositivos ópticos da súa propia invención e imaxes xeradas con láser, entre outras cousas. Foi unha época na que conseguiu conectar coas novas xeracións, aliñado como estaba co espírito visionario do seu tempo. Neste Camera Obscura poñemos o foco sobre este frutífero período a través de entrevistas con varios expertos, imaxes inéditas do laboratorio cos seus enxeños en funcionamento e algúns rexistros das súas “experiencias PLAT” en super 8, unha das coleccións máis valiosas do cinema experimental español.