DEBORAH S. PHILLIPS

FEITO A MAN

Xoves 3 de xuño | 19:00 h | Filmoteca de Galicia | Reserva aquí a túa entrada gratuíta

Ao achegármonos ás películas de Deborah S. Phillips, é importante contemplalas dende unha perspectiva que desborde os límites do puramente cinematográfico. Isto é, pensando en Phillips como unha artista plástica que conta o cine coma un dos seus medios de expresión, igual que ocorre coa pintura, o collage, as acuarelas, a litografía, as dispositivas, a performance ou as instalacións. Así é como ela mesma explica o seu proceso a Francisco Algarín na entrevista publicada en Lumière, a modo de anécdota sobre unha das súas proxeccións: “Resulta que había unha persoa que adoita escribir sobre cinema experimental. Cando expliquei que me gusta fabricar imaxes, e que ás veces estas poden ser películas, pero non sempre, e que a meirande parte do tempo traballo co papel como soporte, ademais de gustarme moito a litografía, o home sentiuse decepcionado”. Porque a cor e mailo xesto son dous piares do cine de Phillips, sendo as súas películas calidoscópicos collages nos que o traballo coas mans se converte en central en varios sentidos.

Deborah S. Phillips leva dende os 80, logo, creando coas súas mans sobre diferentes superficies e con distintos materiais, que non se reducen a acuarelas e pigmentos. Nas súas coloridas obras de delicada abstracción tamén entran en xogo distintos comestibles e bebidas, pintura de unllas, obxectos atopados, materiais translúcidos, calquera cousa imaxinable. E tamén outro tipo de materiais menos tanxibles, pero igualmente presentes: cheiros, sons, sensacións táctiles, o interese pola arte e a cultura de Oriente, polos idiomas e os alfabetos. Cada plano das súas películas condensa unha profusa mestura de elementos axitados por unha inesgotable enerxía creativa, e polo encontro con espíritos afíns.

Neste sentido, en Braunschweig formou parte do colectivo de artistas Laboratorium entre 1988 e 2001, e foi alí, colaborando con outros, onde xurdiron a oportunidade e a idea de facer películas coa cámara Bolex de 16mm, que se convertería no seu instrumento de traballo ao que máis tarde se engadiría a cámara de animación de fabricación alemá marca Crass. Así xurdiu Untitled Colourmation en 1992, unha continuación do seu labor na pintura: a súa primeira película en solitario e o comezo dun torrente creativo que tratamos de comprimir neste programa que lle dedicamos. En 2007 fundou en Berlín a galería Kunstverein Neukölin, que ten acollido diversas proxeccións e performances, e tamén é parte do laboratorio autoxestionado Labor Berlin.

O primeiro programa centrarase nas súas películas en 35mm, que coinciden co seu período en Braunschweig e que se organizan en torno á idea de viaxe, de descubrimento e mestura das diferentes culturas a través dos seus símbolos: patróns, caracteres, ritmos e palabras. O programa abre con A Printed Film, unha película en torno ao alfabeto hebreo durante a cal Phillips improvisa coa súa propia voz; séguea Geographie, que parte dos mapas e mais da palabra escrita e falada para plasmar a xeografía persoal e vital da autora; a continuación veremos Santoor, unha película que toma o seu nome dun instrumento indio, e na que retrata a Nandkishor Muley (alias Nandu), o bailarín e músico que o toca. Un collage no que a interpretación de Nandu se mestura con ornamentos diversos, e que resulta un preámbulo perfecto á súa película máis monumental: Mosaïc. Trátase dun abraiante estudo dos patróns que se suceden ao longo das culturas que a levou por Turquía, Uzbekistán, Marrocos, España, Irán e Exipto. Unha sorte de película antropolóxica abstracta na que os motivos visuais de artesoados, baldosas, lámpadas, alfombras e mosaicos fúndense cos motivos rítmicos da banda sonora, que combina o experimental co legado cultural da música de Oriente Próximo. Time lapses e desnaturalizados movementos de cámara realizados a través da animación conflúen grazas á “truca”, a cámara Crass, que tamén recolle imaxes tomadas orixinalmente en super 8, 16mm e fotografía fixa nun collage desbordante.

PROGRAMA 1

A PRINTED FILM | Deborah S. Phillips, Alemaña, 1994, 35mm, 2 min.

Unha película feita sen cámara, usando tipos de imprenta sobre fita de 35mm, con son performativo realizado en directo por Phillips.

GEOGRAPHIE | Deborah S. Phillips, Alemaña, 2000, 35mm, 2 min.

Cando me preguntan de onde son é un pouco complicado de explicar. As manchas de pintura sobre película son os meus continentes, o meu fogar. (Deborah S. Phillips)

SANTOOR | Deborah S. Phillips, Alemaña, 1997 – 1998, 35mm, 13 min.

Nandkishor Muley ten pasado por épocas nas que o seu fogar non era un lugar, senón un atoparse entre uns lugares e outros co seu instrumento, o santur. Unha oda á vida alén das fronteiras. (Deborah S. Phillip)

 

MOSAÏC | Deborah S. Phillips, Alemaña, 2001, 35mm, 45 min.

En Mosaïc os motivos decorativos e arquitectónicos islámicos e xudeus fúndense en imaxes, debuxos e fotos de lugares interculturais: Samarcanda, Bukhara, Fez, Casablanca, Andalucía, Isfahán, O Cairo, Istambul… Mosaïc comeza con cúpulas que xiran, basculando a continuación en rotacións verticais e desembocando en xogos de luz que incitan ao repouso; as sombras escorregan lentamente polas imaxes, os motivos evocan a súa orixe xeográfica. Finalmente as imaxes atópanse, formando mosaicos en movemento. A figuración está prohibida no xudaísmo e mais no islamismo, de xeito que a arte non figurativa da caligrafía, a xeometría e os motivos botánicos xoga un papel esencial, ilustrando a converxencia de dúas culturas veciñas e das súas tradicións. Proxecto artístico pola paz, as palabras franquean as fronteiras e recordan a súa coexistencia pasada, a película expresa a esperanza dun renacer, algún día… (Deborah S. Phillips)