DIANNA BARRIE & RICHARD TUOHY

DESBORDAMIENTOS

Patio da Fundación Luis Seoane | Sábado 4 de xuño | 23 horas | Entrada libre a todas as sedes ata completar o aforo | Live streaming AQUÍ

Unha pata importante dos traballos dos australianos Dianna Barrie e Richard Tuohy é o cinema expandido: film performances nas que entran en xogo outros factores que tamén atinxen ao funcionamento do aparello cinematográfico, ás súas posibilidades visuais e sonoras e á organicidade da intervención en vivo (cunha participación humana e mecánica suxeita sempre a certo azar). Esta «triloxía» de performances que presentamos descóbrenos unha serie de «suites» en 16 mm para seren interpretadas a dous ou tres proxectores, nas que uns padróns xeométricos sinxelos impresionados na película se recombinan en densas composicións sonoras e visuais.

DOT MATRIX
Dianna Barrie, Richard Tuohy | 2013 | Australia | 2 × 16 mm | 16 min

Nesta film performance a dous proxectores, o que vemos son as imaxes superpostas de dúas películas compostas enteiramente de puntos. Ambas están feitas a modo de «rayogramas» colocando follas de ilustracións manga sobre película virxe e expoñéndoa (impresionando así os puntos da trama de medios tons). A superposición das imaxes proxectadas (ás que se engadiron fotogramas en negro, creando un efecto estroboscópico) e dos seus sons (producidos polo paso da imaxe punteada polo lector de son óptico dos proxectores) xera, desta forma, unha experiencia visual e sonora única. 

INSIDE THE MACHINE
Dianna Barrie, Richard Tuohy | 2017 | Australia | 3 × 16 mm | 12 min

Film performance con tres proxectores de 16 mm, que proxectan liñas que mudan de tamaño e frecuencia a medida que o zoom da cámara se achega ou se afasta. Con esas liñas, a máquina xera son: a voz da máquina. Entre o campo de raias emerxen as mans dos operadores, producindo novos padróns de liñas.

CYCLONE TRACERY
Dianna Barrie, Richard Tuohy | 2018 | Australia | 2 × 16 mm | 15 min

Na Noiteboa de 1974, a cidade de Darwin, no norte tropical de Australia, foi devastada polo ciclón Tracy. Nesta peza de cinema expandido, unha única película, composta de círculos concéntricos, é cargada en dous proxectores simultaneamente, en dupla capa. A través desta aproximación, a imaxe cuadruplicada dos círculos transfórmase en padróns alterados de interferencias pulsátiles e arremuiñadas e sons abafantes de violencia tropical.