ALEXANDRE LAROSE

PROGRAMA 1

Sala (S8) Porto | Xoves 2 de xuño | 18 horas | Entrada libre a todas as sedes ata completar o aforo. Non será posible acceder ás salas unha vez empezada a proxección.

I.
Alexandre Larose | Canadá | 2022 | 35mm | 15 min

Primeira parte da serie scènes de ménage, na que a figura que se pon no cadro é o pai do propio Larose, Jacques Larose. Filmada en Super 8 e en 16mm, posteriormente ampliada a 35mm, e alternando cor e branco e negro. A acción é simple; o resultado do traballo coas capas, complexo: un home abre unha fiestra cara a unha paisaxe arborada. As cores outonais dan paso en fundido encadeado ao branco e negro, o exterior e o interior confúndense, as partículas da película deslízanse pola pantalla atomizando a luz do real.

BROUILLARD #1
Alexandre Larose | Canadá | 2009 | 35mm | 5 min

BROUILLARD #5-13-2-12-6
Alexandre Larose | Canadá | 2011-2013 | 35mm | 7 min

BROUILLARD #15
Alexandre Larose | Canadá | 2013 | 35mm | 10 min

A serie brouillard fundaméntase sobre o traxecto a pé de Larose, cámara ao ombro, desde a casa dos seus pais ata o lago próximo. Un camiño repetido en capas sucesivas que se superpoñen, filmadas cunha abertura de diafragma mínima en película reversible de 35mm. As pequenas variacións do camiño, unhas sobre outras, dan, ao amorearse, unha paisaxe de aparencia puntillista/impresionista, que semella disolverse e recompoñerse e polo que ás veces cruzan sombras fantasmais de persoas que pasan. Un proceso mecánico e fotoquímico suxeito ao azar vibrante da locomoción humana. 

LE VESTIBULE
Alexandre Larose | Canadá | 2015 | 35mm | 2 min

LA CUISINE
Alexandre Larose | Canadá | 2015 | 35mm | 2 min

AU CANADIAN TIRE
Alexandre Larose | Canadá | 2015 | 35mm | 2 min

Un trío de estudos da serie scènes de ménage, protagonizado por Jacques Larose e Marie Claude Ferland, pais do cineasta. Accións domésticas que cobran unha nova dimensión grazas ao tratamento en capas sucesivas de Larose. Os movementos repetidos e automáticos que se reiteran en espazos como a cociña e o vestíbulo, a sucesión de accións de subir ao coche e saír da casa son captados pola cámara en sobreimpresións múltiples, cuxos pequenos desfases producen unha realidade desdobrada e multidimensional. 

III.
Alexandre Larose | Canadá | 2022 | 35mm | 15 min

Nesta terceira parte das scènes de ménage, o traballo co movemento e as superposicións na cámara intensifícase. As figuras aproxímanse á cámara e afástanse dela, unha man que se desliza ou unha cabeza que se xira adquiren unha calidade suave e volátil. Larose artella un relato con diferentes secuencias nas que os interiores domésticos se alternan coa vexetación do exterior, nunha película que semella emerxer das profundidades da emulsión fotoquímica e que xoga por momentos coa súa granulosa textura.  

ALEXANDRE LAROSE

O ETERNO RETORNO

A idea do eterno retorno deixa de lado a concepción lineal do tempo: a que di que a vida é unha sucesión de momentos, pasado, presente e futuro, en avance implacable e aniquilador. O eterno retorno fala do valor do instante máis alá de ser un simple tránsito: cada instante é único e eterno, é o sentido completo de toda existencia e unha afirmación da vida. Unha concepción filosófica que parecería estar no corazón do cinema do canadense Alexandre Larose, no que a concentración de todos os instantes nun e a insistencia nos xestos, camiños e motivos son esenciais. As variacións sobre un mesmo motivo e o traballo serial constitúen a espiña dorsal dunha obra que conxuga certo rigor científico cuns resultados dunha plasticidade e un poder de evocación impactantes. Unha exploración do medio do cinema fotoquímico e as súas posibilidades que, como os instantes que captura nas súas películas, non semella ter fin. E que vai alén dunha simple concepción formal ou plástica para afundir as súas raíces no persoal: desde a memoria aos soños, á cotiandade e o significativo tránsito polos lugares familiares que determinan a nosa vida. 

Nado en Lebel-sur-Quévillon (Quebec), Larose inicialmente licenciouse en Enxeñaría Mecánica, para logo virar cara a unha formación no cinema. O seu background científico en certo modo inflúe no seu traballo como cineasta, baixo o que subxace unha metodoloxía rigorosa de proba e erro que se traduce nunha serie de evolucións sobre o mesmo motivo a partir dun entendemento profundo dos fenómenos que o compoñen. Larose tamén menciona a música como unha das patas que sosteñen a súa práctica: a súa experiencia á batería determina, así, o uso de padróns rítmicos e repeticións que conforman un todo maior. 

O percorrido que suxerimos pola súa filmografía divídese en dous bloques. Un deles aborda as súas primeiras pezas, xunto co que se convertería no seu primeiro gran proxecto serial: Ville Marie, arredor do primeiro rañaceos construído na cidade de Montreal. A sesión ábrese con 930 (2006), que parte dun recordo de infancia: aos dez anos, durante un campamento de verán, Larose cruzou o túnel ferroviario protagonista do filme. Doce anos despois regresou á localización coa idea de filmar ese túnel xunto ao seu amigo Ludovic Boily. Con el concibiu unha dolly na que a cámara, especialmente deseñada para poder filmar ese paso, ía sobre as vías do tren. Mesmo así, parte da metraxe foi filmada coa cámara na man por mor do mal estado das vías. Unha filmación perigosa, pois aínda circulaban trens polo túnel, e que produciu apenas 150 pés de metraxe en 16mm: non máis de dous minutos e medio. A través do uso da optical printer e a copia por contacto, Larose empeza a retraballar a metraxe e a multiplicala nun proceso de proba, erro e aprendizaxe. O resultado é unha película que vira a imaxe real cara á abstracción, co uso dun contrastadísimo branco e negro e da inversión positivo-negativo fotograma a fotograma, e que tamén evoca en ocasións os tests de Rorschach grazas a unha simetría buscada deliberadamente. Larose entra así nunha xenealoxía de cineastas que camiña cara á abstracción de motivos desde a reelaboración posterior coa imaxe na optical printer, nun labor xenerativo e estrutural como o dos pioneiros da London Film-makers’ Co-op (Crosswaite, Eatherley, Le Grice) ou cineastas como J. J. Murphy ou Dana Plays, entre outros. 

A simetría de 930 remite ao movemento concéntrico de Artifices (2007), película na que a cámara de Super 8 xira arredor do eixo da súa lente, xerando ronseis de luz grazas ás exposicións de longa duración. De novo é preciso construír un dispositivo, para o cal Larose volve colaborar con Ludovic Boily, no que tamén se converterá nun traballo serial. 

Ville Marie supón a inmersión definitiva nesta forma de obrar, nunha serie na que cada variación representa un novo paso evolutivo a partir da anterior. Como diciamos, o punto de partida é Place Ville Marie, edificio construído en Montreal en 1962. A fascinación de Larose pola súa arquitectura (é un edificio cruciforme, cunha estrutura de aluminio brillante e fiestras negras) dentro do marco da gran cidade superpúxose cun soño recorrente no que o cineasta caía desde o alto dun rañaceos, mirando cara arriba. Como conta Larose, Ville Marie empeza en 2005 cunha serie de exercicios de pixelización nos cales simulaba movementos ascendentes e descendentes, construídos fotograma a fotograma, en xogo coa xeometría do edificio. De aí parte La Grande Dame (étude) (2011); la Grande Dame é o alcume do edificio entre os habitantes de Montreal. Ao mesmo tempo comeza a experimentar, de novo da man de Boily, con dispositivos cos cales poder facer caer unha cámara desde o edificio e que esta se manteña mirando cara arriba durante a caída. Larose elixe para isto unha cámara de Super 8, non só pola súa lixeireza, senón polo feito de que o cartucho de Super 8 é estanco á luz e, mesmo no caso de que a cámara se destruíse, as imaxes perdurarían. Ville Marie – A (2009) nace do emprego deste dispositivo en diferentes edificios da cidade (ningún, curiosamente, é o Place Ville Marie, pois Larose non conseguiu os permisos necesarios). A película traballa as imaxes en distintas seccións, pasadas pola peneira do alto contraste e do uso de filtros de cores, abstraendo a imaxe. Tamén aquí se inicia o camiño da multiplicación das imaxes en forma de mosaico. Finalmente, e coa colaboración do enxeñeiro aerodinámico Idriss Ammara na construción dun novo dispositivo de caída, logra filmar no emblemático edificio. De aí derivan películas como Ville Marie – B (chute #9b) e Ville Marie – B (mosaïque #3), ambas as dúas de 2013, nas cales intensifica algúns dos motivos que empezara a empregar, como o do mosaico, e tamén o labor por capas coa optical printer. O propio uso deste dispositivo e a deterioración da metraxe a medida que é utilizada e reutilizada engade tamén alteracións e novos efectos a unha obra que se constrúe a base da insistencia e do repensar nos motivos, movementos e composicións do material orixinal, sen deixar de lado o azar do acontecido durante o proceso. O labor serial con Ville Marie remata nunha instalación a catro pantallas, esta vez en dixital. 

Rue de la Montagne (2012) funciona en certo modo como unha peza bisagra cara aos seus dous seguintes proxectos seriais, baseados na sobreimpresión, pero esta vez feitos na cámara. Así empeza a serie brouillard, na que experimenta con múltiples exposicións (que chegan en ocasións a ser varias decenas) dun mesmo traxecto. Larose percorre o mesmo camiño coa cámara na man: desde unha casa de verán ata un pequeno peirao nun lago. Trátase da casa de seus pais á beira do lago Saint-Charles, no Quebec. As sucesivas sobreimpresións encabálganse unhas sobre as outras, o mesmo camiño repetido mais sempre coas pequenas variacións do movemento orgánico, que xeran unha serie de ronseis, unha luz que semella atomizada, creando unha sorte de cadro impresionista en movemento. Un xesto con non poucas implicacións sensoriais e emocionais, a concentración de moitos instantes nun só. 

Larose traballa actualmente na serie scènes de ménage, na que retoma a idea de brouillard aplicada a xestos cotiáns. Esta vez non é a cámara a que se move, senón o que hai diante dela. Os «modelos» son os seus propios familiares, en especial o seu pai, a realizaren accións cotiás. A concentración no corpo humano e os seus xestos e na repetición rutineira e automática engade novas dimensións á sofisticada trama de capas característica de Larose. Pezas como le vestibule (2015), la cuisine (2015) e au Canadian Tire (2014) expresan esta idea, que se vai refinando na súa progresión en películas como I. e III. (2022). Películas que adquiren case unha dimensión existencial e filosófica que apela á vida, ao paso do tempo e ás rutinas e que remiten de maneira poderosa a ese instante vital en eterno retorno, un presente concentrado, infinito, que nos atrapa na impresionante exposición fotoquímica que constrúe, capa a capa e variación a variación, Alexandre Larose.

Elena Duque.