SINAIS

PROGRAMA 2

Sala (S8) Porto | Venres 3 de xuño | 16 horas | Entrada libre a todas as sedes ata completar o aforo. Non será posible acceder ás salas unha vez empezada a proxección.

A CINQUITO, CON DERECHO A TOCAR
NUCBEADE | Galicia | 2021 | Super 8 a vídeo | 15 min.

Días previos ás festas patronais, traballadores de distintos sectores elaboran algúns dos elementos que formarán parte das barracas de “fenómenos humanos” desta tempada. Nelas exhíbense, desde mediados do século XIX, a persoas con corporalidades non normativas. Esta película, que se filma nalgún momento da primavera de 1980 pero se perde nun colapso de tempos pretéritos e futuros, reflexiona sobre a normalización da violencia a partir da construción da otredade neste contexto de barraca de feira; ao tempo que rastrea os vestixios que esta espectacularización deixou no réxime de mirada contemporáneo. (NUCBEADE)

DESCARTES
Concha Barquero, Alejandro Alvarado | España | 2021 | Vídeo | 21 min.

En 2016 visitamos Filmoteca Española para buscar información sobre o documental Rocío, que fora censurado a principios da década de 1980. Entre os materiais depositados nos seus almacéns atopábanse 260 roios de negativo de 16mm. Eran descartes da montaxe, a metraxe que quedou fóra da versión final. As imaxes esquecidas dunha película prohibida cobran vida na pantalla despois de 40 anos. (Concha Barquero, Alejandro Alvarado)

VIDEOGRAMAS #4
Jaione Camborda | Galicia | 2022 | Super 8 a vídeo | 2 min.

Proposta da cineasta para “Videogramas’. A propósito de Compostela”, iniciativa de NUMAX ao abeiro do Fondo Xacobeo 21 da Xunta de Galicia. Jaione Camborda, armada cunha super 8, ofrece unha aproximación moi persoal ao rural da capital galega.

TRANSPORTATION PROCEDURES FOR LOVERS
Helena Estrela | España | 2021 | Super 8 a vídeo | 9 min.

Un collage de varios ejercicios de correspondencia que se llevaron a cabo durante la cuarentena del COVID-19. Inspirándonos en manuales de primeros auxilios e historias de envíos inusuales, nos lanzamos a una irónica investigación sobre nuevas formas de transportar nuestros cuerpos más cerca de los de nuestros seres queridos. (Helena Estrela)

LA TARARA
Álvaro Feldman | España | 2021 | Super 8 | 14 min.

Esta película é un xogo de nenos, tamén o diario dun verán, un agasallo entre amigos, unha carta de amor, un retrato familiar, unha canción… Filmada en super 8 durante o verán de 2021 en Sevilla xunto a Sindi Borja e Manuel Popeye, a película non é unha peza pechada senón un proceso que continúa ata a data. (Álvaro Feldman)

SINAIS

EXPERIMENTANDO O EXPERIMENTAL

A arte visual do presente e do futuro, a que levan a cabo as novas cineastas das novas xeracións, xa non atende aos parámetros do cinema experimental ou de vangarda orixinal, senón que os cuestiona e os rompe. Vivimos na era da sobreexcitación, do instante, da fusión. O novo cine traspasa fronteiras en segundos, está en constante cambio e intercambio. 

É por iso que, dende o (S8), entendemos que a nosa sección SINAIS en curto, debía atender a esta realidade. Esta sección, antigamente dedicada a cineastas galegas, ábrese por primeira vez este ano ao ámbito nacional, buscando así o diálogo entre as pezas máis novas e interesantes realizadas no Estado español. Ao facer isto comprobamos como estas artistas conviven, comunícanse e compleméntanse, creando de xeito natural un discurso e modo de facer marcado pola rapidez e pola constante renovación e investigación.

O segundo bloque de SINAIS alberga obras de carácter máis documental, nos que aspectos como o amor e a violencia son tratados dende diferentes prismas, nada convencionais. A cinquito, con derecho a tocar, de NUCBEADE (Quiela Nuc, Andrea Beade), encárgase de abrir a sesión. Un filme que fala sobre a barraca, o agravio, a normatividade, a normalización da violencia e a construción da mirada. Por outra banda, en Descartes, Concha Barquero e Alejandro Alvarado rescatan a metraxe censurada  en 1980 do documental Rocío. As imaxes esquecidas dunha película prohibida cobran vida na pantalla despois de 40 anos. Jaione Camborda é unha experta en atopar a beleza no mínimo, no sinxelo. Volve ao Super 8 neste Videograma  animal protagonizado por dous bois que inundan o plano e conquistan cos seus xestos, coas súas miradas. Transportations Procedures For Lovers é un paseo da man que Helena Estrela nos fai á súa intimidade.  Un cúmulo de instantes, de sensacións, de pensamentos. Unha reflexión sobre cales son os mellores métodos para achegarse aos que amamos. O bloque 2 de SINAIS remata con La Tarara, de Álvaro Feldman, unha peza que chega á alma. Esta obra, filmada en Super 8, recolle, cunha montaxe que nos invita ao baile, algo tan sinxelo pero tan real como o amor en todos os seus estados. (Aldara Pagán)