SINAIS
PROGRAMA 3
Sala (S8) Porto | Sábado 4 de xuño | 16 horas | Entrada libre a todas as sedes ata completar o aforo. Non será posible acceder ás salas unha vez empezada a proxección.
SIGHT
Claudio Sodi | España | 2022 | 16mm | 10 min.
Aspiración forte e prolongada seguida dunha expiración profunda e ás veces acompañada dun suave xemido. Sight proxéctase e existe só mentres a luz do proxector sexa captada pola tira de película, dentro do negro espazo, o ollo adáptase a ver a luz atrapada polo medio. Unha pausa breve que nos convida a reflexionar sobre a ilusión do tempo e memoria no cine. (Claudio Sodi)
NOTAS SOBRE A VIOLENCIA (WORK IN PROGRESS)
Marta Valverde | Galicia | 2022 | Vídeo | 10 min.
Que é subsistir? Onde está o límite entre traballo e ocio? Cales son as violencias que atravesan o noso corpo? Como se constrúe o erótico? Como se constrúe unha obra de arte? Que teñen en común unha artista e unha prostituta? É posible construírmonos fóra do que os homes pensan? Que significa ser artista? Que relación teñen a dor e o pracer? Como xestionamos a culpa? (Marta Valverde)
PROXECTO X
Sol Mussa | Galicia | 2022 | Vídeo | 5 min.
A merda desaparece tan invisible e inodoramente nas tripas de Santiago que parece que nunca tivera existido. Agora esixe que se lle libere da súa escura cloaca e saír á luz. (Sol Mussa)
LOS APELLIDOS
Tamara Goberna García | Galicia | 2021 | Vídeo | 6 min.
Reflexión e análise sobre a experiencia subxectiva en primeira persoa do concepto de despersonalización, amosando a sensación temporal e en bucle de perderse e atoparse, de “estar por momentos nun soño”. Co uso das diferentes máscaras, alteracións da imaxe e do son, e sen o emprego da palabra explícita, conséguese a disolución do suxeito no espazo da pantalla e na realidade que a rodea. Trátase, en esencia, dun percorrido polos diferentes estados mentais e un cuestionamento existencialista da verdade. (Tamara Goberna García)
METRO
Maria Pipla | España | 2021 | Vídeo | 17 min.
Metro parte da metraxe que atopo nunha antiga cámara familiar de comezos dos 2000. Alguén da miña familia gravou accidentalmente esta viaxe en metro e, máis tarde, seguimos filmando sobre a cinta de vídeo. Por azar, as imaxes do traxecto conviven coas nosas celebracións e momentos cotiáns, e sorpréndeme que non as borráramos, acolléndoas como lembranza familiar. Obra en colaboración con Martí Albert Blanco. (Maria Pipla)
EL OTRO DÍA SOÑÉ QUE SE ME CAÍAN LOS DIENTES
Claudia Negro | España | 2020 | Vídeo | 15 min.
Nazaré dixo que a partir do 12 de xaneiro de 2020 se ía producir un gran cambio a nivel mundial precedido por unha crise, debido á conxunción entre Saturno e Plutón, que cae en Capricornio. Pregúntome se estarei tendo soños a modo de presaxio ou se acaso os cambios non son constantes. Pero eu saio de festa, que é o que aprendín. (Claudia Negro)
SINAIS
EXPERIMENTANDO O EXPERIMENTAL
A arte visual do presente e do futuro, a que levan a cabo as novas cineastas das novas xeracións, xa non atende aos parámetros do cinema experimental ou de vangarda orixinal, senón que os cuestiona e os rompe. Vivimos na era da sobreexcitación, do instante, da fusión. O novo cine traspasa fronteiras en segundos, está en constante cambio e intercambio.
É por iso que, dende o (S8), entendemos que a nosa sección SINAIS en curto, debía atender a esta realidade. Esta sección, antigamente dedicada a cineastas galegas, ábrese por primeira vez este ano ao ámbito nacional, buscando así o diálogo entre as pezas máis novas e interesantes realizadas no Estado español. Ao facer isto comprobamos como estas artistas conviven, comunícanse e compleméntanse, creando de xeito natural un discurso e modo de facer marcado pola rapidez e pola constante renovación e investigación.
O derradeiro bloque de Sinais convértese non máis actual e rupturista. Unha selección de obras cun gran peso xeracional nas que o emprego do vídeo ábrese paso. Comezamos cunha peza que brilla, literalmente. O cineasta mexicano Claudio Sodi presenta Sight, unha especie de visión, de xemido, de suspiro reflectante en 16mm. Notas sobre a violencia chega da man de Marta Valverde: un work in progress sobre a actual relación entre a dor e o pracer, sobre a xestión da culpa. Sol Mussa volve ao (S8) acompañada de Proxecto X, unha obra na que a galega dá un paso máis na súa carreira, presentándonos neste caso a xestión de residuos de Santiago de Compostela. Pixel, luz verde e moita merda agochada por procesar. Los apellidos preséntase como una búsqueda, un bucle, un soño. Tamara Goberna aborda o concepto da despersonalización nesta peza autorreferencial tremendamente performática ateigada de flashs e interrogantes. Maria Pipla traballa coas cámaras da súa familia. Un día, nunha delas, atopa unha viaxe de metro gravada por erro na que posteriormente filmaron por enriba. Así nace Metro, unha casualidade excepcional que mostra con maxia e tenrura o cotián. A artista Claudia Negro marabilla e fire coa súa obra El otro día soñé que se me caían los dientes. Un retrato xeracional totalmente frontal que aborda a vida como angustia, como desfrute e como reto. Unha viaxe polo cine máis millenial: de ordenador, de ansia, de verdade. (Aldara Pagán)