- O festival consolida a súa sección Paraíso, que concentra ás máis novas do cinema experimental a través dun encontro de alumnas e docentes de facultades de Belas Artes, neste caso a Universidade de Vigo e a Universidade de Salamanca.
- En INPUT, o espazo de asesoramento de proxectos cinematográficos en desenvolvemento que o festival leva a cabo xunto á Fundación Luis Seoane, as programadoras Lur Olaizola, Vanja Milena e Concha Barquero titorizarán os proxectos de Sofía Blanco, Rafael Guijarro e Claudia Negro.
O (S8) Mostra Internacional de Cinema Periférico da Coruña, que se celebrará entre os próximos 27 de maio e 5 de xuño en sedes como o Porto da Coruña, Palexco, a Domus e a Fundación Luis Seoane, continúa facendo públicos máis contidos da súa programación.
Tal e como xa confirmou o seu director, Ángel Rueda, “a Mostra empeza unha nova etapa reconfigurando algunhas das súas seccións e abríndose ao traballo novos creadores e creadoras, utilizando o cinema como ferramenta para o impulso destas novas xeracións e convertendo o (S8) nun espazo para a formación, a reflexión e a utilización do cinema como canle de transmisión.”
Seguindo isto, a organización preséntanos hoxe unha sección Sinais totalmente renovada, poñendo o foco en cineastas do ámbito galego, estatal e internacional e prestando atención a case unha vintena de creadores e creadoras que cuestionan e rompen os parámetros do cinema experimental ou da vangarda orixinal.
O mesmo sucede coa consolidación de Paraíso, o espazo que concentra o futuro do cinema experimental a través dun encontro de alumnas e docentes de Belas Artes. A pasada edición contamos coa complicidade das Facultades de Belas Artes de Vigo e de Cuenca, e nesta teremos a unha nova fornada da de Vigo, guiada pola cineasta Xisela Franco, e coa da Universidade de Salamanca da man de Laura Gómez Vaquero.
Ademais, o (S8) continúa exercendo como impulsor de proxectos cinematográficos en desenvolvemento en INPUT, un espazo de titorización e asesoría que leva a cabo en colaboración coa Fundación Luis Seoane. Nel, a cineasta, programadora e coordinadora do programa audiovisual de Tabakalera (San Sebastián) Lur Olaizola; Vanja Milena Munjin Paiva, parte do comité de selección do Festival Internacional de Cinema de Valdivia (Chile) e colaboradora da área de programación de CineMigrante (Arxentina); e Concha Barquero, docente, membro do comité de selección da sección documental do Festival de Málaga e coordinadora do encontro Málaga Docs, asesorarán os proxectos Film Quilt, de Sofía Blanco; Como un buzo muerto en el ojo de Dios, de Rafael Guijarro e La peli del disco duro, de Claudia Negro.
Sumado a isto, a Mostra reforza o seu departamento de didáctica e aposta por crear novos públicos á hora de difundir a creación cinematográfica de vangarda con proxeccións organizadas para máis de 300 escolares procedentes de centros educativos como o IES Urbano Lugrís, o IES Ramón Otero Pedrayo, o CEIP Concepción Arenal, o CEIP Sanjurjo de Carricarte, o IES Ramón Menéndez Pidal ou IES Eusebio da Garda.
Sinais: así é a arte visual do presente e do futuro
Sinais alberga nesta edición obras que levan a cabo as novas cineastas das novas xeracións, xa non atende aos parámetros do cinema experimental ou de vangarda orixinal, senón que os cuestiona e os rompe.
Estarán presentes nesta sección Aura Vega, a través do seu Murmullo, na que recolle toda unha serie de conversacións alleas, de transcricións sobre a propia película de 16mm, que se transforman en marcas sinuosas e figuras abstractas. A peza Untitled Sketch #02 dá un paso máis neste xogo coas formas, xerando unha colaxe concéntrico en super 8 da man de Álvaro Feldman. O madrileño trae consigo ademais, Diorama, un autorretrato no mesmo formato e La Tarara. Corpo d’auga, de Claudia Pineda, tráenos a auga como elemento principal, como punto de unión e coexistencia. Continuando co ámbito da paisaxe e a análise dos seus elementos, unha habitual do festival, Carla Andrade fai unha cartografía do territorio galego tendo como protagonista esta peculiar variedade de granito única da Serra da Groba, que lle dá título á peza: Amarelo atlántico. Acacia Ojea, pola súa banda, busca e consegue en La bouche, promèner, non, non, non, unha viaxe onírica pola costa que parece deter o tempo e darlles un pouso diferente ás imaxes que se contemplan. A Casa do Norte, da portuguesa Inês Lima, podería considerarse como un agasallo cinematográfico a nivel compositivo: unha anatomía do fogar e dos seus elementos cunha poética visual e sonora exquisita. Saru Miras, pola súa banda, convídanos a percorrer varios miles de quilómetros coa súa obra A un FPM, unha peza en super 8 na que busca condensar percorridos de distinta índole a través da súa proposta de cinema estrutural.
A segunda parte de Sinais tamén alberga obras de carácter máis documental, nas que aspectos como o amor e a violencia trátanse desde diferentes prismas, nada convencionais. A cinquito, con derecho a tocar, de NUCBEADE ( Quiela Nuc e Andrea Beade), fala sobre a barraca, o agravio, a normatividade, a normalización da violencia e a construción da mirada. Doutra banda, en Descartes, Concha Barquero e Alejandro Alvarado rescatan a metraxe censurada en 1980 do documental Rocío: as imaxes esquecidas dunha película prohibida cobran vida na pantalla despois de corenta anos. Jaione Camborda é unha experta en atopar a beleza no mínimo, no sinxelo. Volve ao Super 8 nun Videograma animal protagonizado por dous bois que asolagan o plano e conquistan cos seus xestos, coas súas miradas. Transportation Procedures for Lovers é un paseo da man que Helena Estrela nos fai á súa intimidade.
Na terceira sesión do programa Sinais, o cineasta mexicano Claudio Sodi presentará tamén Sight, unha especie de visión, de xemido, de suspiro reflector en 16mm. Notas sobre a violencia chega da man de Marta Valverde: un work in progress sobre a actual relación entre a dor e o pracer, sobre a xestión da culpa. Sol Mussa volve ao ( S8) acompañada de Proxecto X, unha obra na que a galega dá un paso máis na súa carreira, presentándonos neste caso a xestión de residuos de Santiago de Compostela. Los apellidos, de Tamara Goberna, preséntase como unha procura, un bucle, un soño. Maria Pipla traballa coas cámaras da súa familia. Un día, nunha delas, atopa unha viaxe en metro gravada por erro no que posteriormente filmaron por encima. Así nace Metro, unha casualidade excepcional que mostra con maxia e tenrura o cotián. A artista Claudia Negro marabilla e fere coa súa obra El otro día soñé que se me caían los dientes. Un retrato xeracional totalmente frontal que aborda a vida como angustia, como gozo e como reto.
Apoios
A décimo terceira edición do (S8) Mostra de Cinema Periférico está organizada pola Asociación ese8 co apoio de institucións como o Concello da Coruña, a Deputación da Coruña, a Xunta de Galicia e o Instituto da Cinematografía das Artes Audiovisuais do goberno de España ICAA como parte do plan de Recuperación, Transformación e Resilencia e o programa Next Generation da Unión Europea.
Ademais, a invitación para a participación de Philipp Fleischmann (director da Schule Friedl Kubelka, Austria), Angelika Ramlow ( project manager de Arsenal – Institute for Film and Vídeo Art, Alemaña), Bryan Konefsky (director de Experiments In Cinema, EEUU), Ute Aurand (produtora e programadora especializada no cinema contemporáneo), Scott Miller Berry (director de Workman Arts, Canadá), Ieva Balode (directora de Process – Experimental Film Festival, Letonia), Vanja Milena (programadora do comité de selección do Festival Internacional de Cinema de Valdivia, Chile), Amy Halpern (creadora, programadora e docente na U.S.C., Los Ángeles) nesta nova edición do (S8) foi posible grazas ao programa de Acción Cultural Española (AC/E) para a internacionalización da Cultura Española (PICE), na súa modalidade de visitantes, que facilita que as entidades e institucións culturais españolas conten nas súas actividades e programas coa presenza en España de profesionais prescritores culturais internacionais, a fin de coñecer de maneira directa e persoal a oferta creativo-cultural española.
Cabe descatar que a Mostra puido beneficiarse tamén do mesmo programa na súa modalidade de mobilidade, que ten o propósito de que as entidades culturais estranxeiras conten con artistas, profesionais e creadores españois na súa programación, viaxando ata Italia para presentar o programa “La mecánica de la luz” dentro da programación do festival Nomadica.