ENTRE O FEIXE DE LUZ E A PANTALLA. PROGRAMAR CINEMA EXPERIMENTAL HOXE 

OBSERVATORIO

Sala (S8) Palexco | Sábado 4 de xuño | 11 horas | Entrada libre a todas as sedes ata completar o aforo. Non será posible acceder ás salas unha vez empezada a proxección.

Co entendemento da importancia de defendermos un espazo hoxe fráxil, como son as salas de cinema, o ano pasado congregamos no noso Observatorio representantes dalgúns dos nosos microcinemas favoritos. Como un xeito de continuarmos algunhas reflexións que saíron á luz nese encontro, no presente ano reunimos nesta mesa redonda varias figuras internacionais da programación. Logo do que aconteceu co cinema nos tempos de pandemia, os desafíos neste eido multiplicáronse. Falaremos no encontro de como se enfronta a programación de salas e festivais, hoxe en día, ao reto que supón a avalancha de contidos en liña que nos inunda. Temas como a reactivación das proxeccións presenciais, a creación de públicos e o compromiso co cinema experimental e cos formatos analóxicos percorrerán esta conversa, coa afán de acharmos no pensamento colectivo posibles solucións a estas interrogantes. 

Angelika Ramlow 
Programadora e encargada de distribución de Arsenal (Berlín, Alemaña) 

Scott Miller Berry 
Director do colectivo de curadoría re:assemblage collective e director executivo de Workman Arts (Toronto, Canadá) 

Ieva Balode 
Fundadora do Baltic Analog Lab e directora do festival Process (Riga, Letonia)

Bryan Konefsky 
Director do festival Experiments in Cinema e da organización sen ánimo de lucro Basement Films (Albuquerque, Novo México, EUA)