XPRESA

DIDÁCTICA

O (S8) concibe o cinema como ferramenta de autocoñecemento e de exploración dos sentidos e as emocións. Ese é o espírito que inspira Xpresa, programa didáctico cuxo obxectivo é impulsar a inclusión social. 

Unha das accións incluídas dentro deste programa é o obradoiro que todos os anos ofrecemos para persoas de capacidades diversas ou en risco de exclusión social, impartido por cineastas de recoñecida traxectoria. Rompendo os moldes á hora de espertar o entusiasmo polo cinema, Xpresa non se conforma con divulgar modelos de creación tradicionais, senón que aposta por lles brindar aos que participan un mecanismo a través do cal poidan experimentar e expresar o seu propio universo mediante a creación libre e estimulante de pezas cinematográficas persoais, feitas a partir da intuición previa ao aprendido. En edicións anteriores acollemos obradoiros de cineastas como Pablo Mazzolo, Jeannette Muñoz e Andrés Duque. 

Xpresa contou nos últimos anos coa colaboración de asociacións locais, como é o caso, nesta edición, da Asociación Galega de Asperger (ASPERGA) e a Fundación de Adultos Discapacitados da Coruña (ADCOR), ás que se achega o traballo dos cineastas convidados. Alén diso, o programa de Xpresa inclúe a presentación e proxección das obras fílmicas resultantes do obradoiro na Mostra como parte da súa programación, a itinerancia destes traballos en colaboración coa Universidade da Coruña e outras institucións e eventos de inclusión (máis alá das datas do festival e coa presenza dos seus autores e autoras) e unha programación expandida en colaboración con centros socioculturais da cidade para traballar con persoas en idade de escolarización que se atopen en risco de exclusión social. 

OBRADOIRO XPRESA CON AINHOA RODRÍGUEZ 

A XANELA FÍLMICA: ESPAZO VISUAL E ESPAZO SONORO 

Neste obradoiro profundaremos nalgúns dos principais códigos da narrativa fílmica, afondando nas decisións narrativas e dramáticas da directora mais rachando cos padróns normativos dun cinema sistemático e mainstream para cuestionarmos o pensamento único, tamén desde unha perspectiva de xénero. Experimentaremos coas posibilidades da linguaxe fílmica, especialmente arredor do espazo cinematográfico e do valor do cadro e do fóra de cadro construído pola cineasta, porque «fotografar é apropiarse do fotografado» (Susan Sontag). A través das distintas sesións do obradoiro, trataremos de lles devolver ao plano e á súa contemplación a súa identidade desde un punto de vista lúdico e experimental, aprendendo á vez que xogamos coa linguaxe. 

O obradoiro será impartido pola directora, produtora e guionista Ainhoa Rodríguez, cuxa primeira longametraxe, Destello bravío (2021), se estreou na sección oficial Tiger Competition do Festival Internacional de Cine de Rotterdam (IFFR) e formou parte da selección do 50 aniversario do New Directors/New Films de Nova York, organizado polo MoMA no Lincoln Film Center. A película foi premiada no Festival de Málaga 2021 coa Biznaga de Prata Premio do Xurado e a Biznaga de Prata á Mellor Montaxe dentro da Sección Oficial. Rodríguez obtivo moitos outros recoñecementos por este traballo e polas súas anteriores curtametraxes.