XORNADAS DE CINEMA PARA CENTROS PÚBLICOS DE ENSINO
DIDÁCTICA
Durante os últimos anos, o (S8) inclúe na súa programación previa aos días da Mostra unhas xornadas de cinema para centros públicos de ensino co obxectivo de ampliar o radio de acción do festival, afianzando o seu compromiso coa formación e creación de novos públicos.
Durante o mes de maio de 2022 o museo Domus-Casa do Home da Coruña acolleu varios programas especiais para centros públicos de diferentes cidades de Galicia. Un ciclo de proxeccións para nenas e nenos de entre 10 e 16 anos composto por catro sesións en versión orixinal, en películas cuxa temática se move entre o social e o coidado do medio natural, mostrando tamén obras de narrativa experimental. A través destas películas, algunhas delas contadas desde a perspectiva dos propios nenos e nenas protagonistas, bríndaselles a ocasión aos espectadores mozos de se asomaren á realidade dos seus pares doutros países e contextos e de coñeceren outras linguaxes do cinema.
As xornadas contaron este ano coa participación dos seguintes centros: IES Urbano Lugrís, IES Ramón Otero Pedrayo, CEIP Concepción Arenal, CEIP Sanjurjo de Carricarte, IES Ramón Menéndez Pidal e IES Eusebio da Guarda.