TORONTONTERO, PROXECTO SELECCIONADO – BAICC 2022

Xuñ 30, 2022 | Novas

Álvaro Feldman é o autor de TORONTONTERO proxecto gañador desta sexta edición de BAICC- Residencias Artísticas Internacionais de Creación Cinematográfica 2022. A comisión de valoración integrada por un representante de cada unha do tres entidades responsables da convocatoria, AC/E – Acción Cultural Española, (S8) Mostra Internacional de Cinema Periférico da Coruña e Liaison of Independent Filmmakers of Toronto – LIFT, decidiu que esta proposta fose a seleccionada para ser desenvolvida durante seis semanas entre setembro e outubro de 2022 en Toronto (Canadá).

Feldman propón construír un mecanismo que posibilite proxectar en ambas as direccións, así como explorar as posibilidades do copiado óptico, e distintas técnicas de revelado manual para conseguir unha diversidade de estruturas coas que construír a película, filmada en Toronto. Unha película o máis reversible posible, que puidese verse en ambas as direccións simultaneamente, cara adiante e cara atrás, e a experiencia de vela en sentidos opostos dese lugar a un mapa de imaxes que se repite infinitamente pero nunca da mesma maneira. 

Na performance resultante que poderá verse na súa estrea na Coruña na próxima edición do (S8) 2023, Feldman continuará fragmentando e expandindo as imaxes, buscando descentrar a mirada para que poida desprazarse libremente entre os múltiples encadres para reconstruír a película en cada momento, sen principio nin fin.

O Comité de Valoración considera que TORONTONTERO de Álvaro Feldman é o proxecto máis completo por ser o que mellor combina a parte poética e artística coa parte técnica. O Comité tivo en conta a súa experiencia e os amplos coñecementos técnicos de Feldman así como a súa traxectoria artística que reflicte unha gran sensibilidade. O seu proxecto busca o desenvolvemento dun dispositivo (instalación e performance), non só dunha película, senón dunha obra con moitas maneiras de ser que rompe coa linealidade temporal (física e conceptual) do cinema. 

Álvaro Feldman (1996) cursa os seus estudos de Cinematografía na Escola Superior de Cinema de Cataluyna ESCAC, onde comeza o seu interese polo cinema analóxico e as súas formas. Especialízase en dirección de fotografía. Traballa en Sevilla, Barcelona e Madrid. En 2021 desenvolve e coordina o Laboratorio Fóra de Campo, e participa en diversos proxectos audiovisuais como técnico e creativo. Comeza a traballar en super8 realizando A Tarara, unha película diario/retrato que segue crecendo con cada estancia en Sevilla. Ese mesmo ano cursa os estudos en Master LAV, o que lle permite seguir profundando nos procesos analóxicos. Realiza Diorama, Untitled Sketch#01 e #02 onde profunda en procesos máis estruturais. Actualmente coordina o laboratorio da Master LAV onde explora o cinema como artesanía, as posibilidades e materialidad da imaxe analóxica.

O seu traballo foi programado en: (S8) Mostra Internacional de Cinema Periférico (A Coruña, 2022), ESPAZO ASIMÉTRICO (Madrid, 2022), Festival Curta Cinema (Rio de Janeiro, 2021), Scotland Catalan Filme Festival (Glasgow, 2021), Festival Cortogenia (Madrid, 2021) e 65 Festival Internacional de Cinema de Valladolid SEMINCI (Valladolid, 2020).

PUBLICACIÓNS RECENTES