BENJAMÍN ELLENBERGER

PROGRAMA

Sala (S8) Palexco | Mércores 31 de maio | 17:00 horas | Entrada libre a todas as sedes ata completar o aforo. Non será posible acceder ás salas unha vez empezada a proxección.

S/T
Benjamín Ellenberger, 2016, Arxentina, super 8, 5 min

Filmada baixo a primeira nevada do inverno, durante unha andaina por lugares próximos á fronteira entre Austria e a República Checa. (Benjamín Ellenberger)

DELTA
Benjamín Ellenberger, 2013, Arxentina, super 8, 3 min

Rexistro en branco e negro da luz sobre a illa en decembro. (Benjamín Ellenberger)

FRAGMENTOS DE DOMINGO
Benjamín Ellenberger, 2013, Arxentina, super 8, 4 min

Este filme nace polo simple desexo de capturar, documentar, gardar a luz dun espazo cotián que ao cabo de pouco tempo deixaría de habitar. Tentando que algo daquela atmosfera fique impregnado nas imaxes. (Benjamín Ellenberger)

REFLEJO NOCTURNO I
Benjamín Ellenberger, 2020, Arxentina, 16mm, 5 min

REFLEJO NOCTURNO IV
Benjamín Ellenberger, 2020, Arxentina, 16mm, 5 min

A luz non ten lingua, senón que é toda ollo.  (John Donne)

Unha serie de breves películas sobre como a noite nos mergulla nun mundo onde afloran os pensamentos máis profundos. Filmadas fotograma a fotograma con longos tempos de exposición e reveladas á man antes de que amenza. (Benjamín Ellenberger)

III NBR
Benjamín Ellenberger, 2015, Arxentina, 16mm x 2 (performance), 20 min aprox.

Performance para tres proxectores de 16 mm cunha cinta sen fin. O son provén da imaxe que pasa a través do lector óptico e é manipulado. Entrar nas posibilidades luminosas do cinema, poñendo a proba a fascinación pola intermitencia e a maxia da luz. (Benjamín Ellenberger)

BENJAMÍN ELLENBERGER

EVENTOS LUMINOSOS

A finais da primeira década deste século XXI, hai na Arxentina un renacer do cinema experimental que mira cara ao frutífero grupo de persoas que animaron ese campo nos anos 70: Claudio Caldini, Narcisa Hirsch, Jorge Honik, por nomearmos unhas poucas. Esa recuperación non só (ou non tanto) se basea en seguir unha pista estética, senón tamén en fixarse nalgúns modos de proceder, como é o caso do uso do Super 8, formato de cinema doméstico por excelencia, como material de creación. Un trazo único e distintivo da escena arxentina dos setenta, que fixo da súa capa un saio aproveitando o que se tiña máis á man sen que a precariedade fose motivo de desánimo, senón fonte de algo novo. É nesa segunda ondada do experimental arxentino (da que xa demos conta no festival a través da obra de varios cineastas) na que podemos engarzar a Benjamín Ellenberger, natural de Córdoba e residente en Buenos Aires, que empeza a facer películas tamén á calor do formato de cinema fotoquímico máis amigable. E, malia que logo o seu labor multiplicase por dous o largo da tira de película, para pasar ao 16 mm, é importante sinalar aquí o raizame estético e creativo do que provén. 

No programa que hoxe presentamos, mostramos dúas das liñas de traballo de Ellenberger. Unha en forma de películas en branco e negro que transcenden unha vocación aparentemente diarística (sen lles dar as costas á evocación e á emoción) para se ocuparen doutra clase de cousas. Nestas, o cotián duns días de asueto, unha planta ou un biscoito nun prato son o equivalente ás froitas e viandas das naturezas mortas na pintura: son as cousas que serven como obxecto de estudo dunha reflexión arredor do propio medio, cuxa materia primixenia é a luz. A outra liña de traballo é a da performance. Se nas películas ese estudo da luz tiña a súa base na cámara, aquí é o proxector o que ocupa o seu lugar e son o feixe emitido e as súas particularidades a base de todo.

Na sección que ocupan as películas, imos desde fóra cara a dentro. empezamos cun rexistro captado en territorio alleo, en S/T, onde Ellenberger semella estar a seguir as pegadas de luz dun sol débil e case esquivo. Ás luces e sombras, que trazan o seu claroscuro ao longo da película, termina gañándolles o poder reflectante da neve sobre a terra. Delta, por outra banda, é unha película estival filmada no Delta del Tigre, onde esta persecución da acción da luz sobre as cousas se centra nos reflexos e nas sombras: a sombra do propio Ellenberger, o sol a entrar lateralmente polas fiestras, a que se reflicte na auga, a que traza marcadas luces e sombras ao pasar entre as árbores. O relato duns días de asueto tórnase así nun estudo de luz pictórico e poético. Fragmentos de domingo parece concentrar aínda máis esa tarefa: esta vez trátase dun espazo pechado e a variedade de elementos redúcese, mais tamén aumenta a pureza das formas e a concreción do estudo. Un estudo que tamén parece examinar a propia idea do rectángulo que debuxa a proxección de cinema na pantalla (e a xanela do proxector e da cámara) a través do xeométrico (as formas das raiolas a traspasaren a fiestra que as delimita, un marco, a superficie dun libro aberto) e no que o ritmo do rexistro, a xogar cuns poucos elementos e coas superposicións, adquire un cariz musical que se vai intensificando a medida que avanza a película. Coma se as imaxes (o marco, o libro, a planta, o biscoito, as raias de luz que debuxan marcos e persianas) fosen notas cuxa combinatoria rimada, mudando en sucesión e en duración, fose compoñendo un padrón melódico en progreso. 

Faise de noite; a luz rasante do sol neste trío de películas en Super 8 tórnase en luz artificial. A serie de películas Reflejo nocturno, en 16 mm, segue unha particular técnica para captar a noite dunha fantasmal Buenos Aires. Unha paisaxe urbana de edificios, tendas de ultramarinos, árbores solitarias e interiores silandeiros aparece fronte aos nosos ollos en rítmica intermitencia. A técnica de Ellenberger, que filma cadro a cadro con longas exposicións a fin de poder verter na película a luz necesaria para aquela se impresionar, mestúrase con superposicións que marcan unha segunda capa de ritmos. A profundidade do negro das zonas escuras vai deixando xurdir outros obxectos na escena. Un limón, unhas flores (volvendo á idea da natureza morta) e os escintileos que emiten no medio da nada negra un farol, unha lampadiña de noite ou a propia lúa serven de puntuación nesta busca incansable de eventos luminosos e de formas humanas (e mecánicas) de os captar. 

No que á performance se refire, III NBR, o propio Ellenberger explica como consiste en «entrar nas posibilidades luminosas do cinema, poñendo a proba a fascinación pola intermitencia e a maxia da luz». Aquí Ellenberger traballa con dous proxectores e tres elementos: o branco e o vermello luminosos e o negro da escuridade. Ponse así en marcha unha combinatoria na que entra en xogo a interacción dos dous proxectores e o que por eles pasa: fotogramas polos que non pasa a luz ou que a deixan pasar por completo, branca ou vermella; anacos de película nos que só deixan pasar dúas regañas ou crean marcos (parecería que emulando o sol filtrado das xanelas retratadas nos seus filmes) e o tremelucir branco-negro-vermello que todo iso xera. Un proxector sobre doutro na pantalla e a interacción sempre variable na que eses chorros intermitentes de luz van bailando. Se todas as películas de Ellenberger eran silentes, o que soa en III NBR é o que hai impreso nos fotogramas ao pasar polo cabezal de son óptico dos proxectores. E, como non podía ser doutro xeito, pois, o único son da sesión é tamén un evento luminoso. 

Elena Duque