JOHN PRICE

PROGRAMA 2

Sala (S8) Palexco | Xoves 1 de xuño | 17:00 horas | Entrada libre a todas as sedes ata completar o aforo. Non será posible acceder ás salas unha vez empezada a proxección.

THE VIEW NEVER CHANGES
John Price, 1996, Canadá, 16mm, 6 min

O gran arremuiñado de Super 8 revelado á man… A textura como memoria (e iso é)… Un recordo impresionista da primeira infancia… Nado nos Estados Unidos no centenario de Canadá. (John Price)

WRECK 
John Price, 1997, Canadá, 16mm, 5 min

Pasei xunta o accidente non moito despois de entrar en Saskatchewan. Día 3…, só…, a conducir cara ao oeste rumbo a Vancouver. Ao outro lado da autoestrada, un amasillo retorto de ferro e aceiro. Vagóns estrados arbitrariamente en moreas, a romper a perspectiva simétrica da infinda pradaría. Media hora despois de ver esta imaxe esvaerse no horizonte do leste, a lembranza daquel cadro apocalíptico e a súa ironía, escuramente poética, empurraríanme a volver sobre os meus pasos e explorar. (John Price)

NATION
John Price, 1997, Canadá, 16 mm, 6 min

Un rolo de película rodada en Montreal no mitin de 1995 contra a secesión do Quebec tornouse no material bruto para unha meditación, de cor larpeirada e revelada á man, sobre o nacionalismo. (John Price)

FIRE #3
John Price, 2003, Canadá, 16mm, 3 min

Un rolo de película rodada en Montreal no mitin de 1995 contra a secesión do Quebec tornouse no material bruto para unha meditación, de cor larpeirada e revelada á man, sobre o nacionalismo. (John Price)

NAISSANCE #1
John Price, 2007, Canadá, 16mm, 11 min

Outro milagre… A miña filla… Rolos de antes e despois da súa chegada. (John Price)

SUNSET
John Price, 1997, Canadá, 16mm, 2 min

Eu a me meter co coche nun incendio forestal descontrolado, nunha das moitas travesías que fixen polos Estados Unidos, nunha Dodge Tradesman 300 de 1980 escangallada. Era o último rolo que quedaba na neveira e resultou ser paquete de película de 3 ASA. Dubidaba que puidese rexistrar algo da luz que se vía, pero vinme impelido a filmar igualmente. O rolo permaneceu un ano sen revelar e unha noite, cun baño químico novo, cargueino no tanque. O resultado foi unha agradable sorpresa. (John Price)

THE SOUNDING LINES ARE OBSOLETE
John Price, 2009, Canadá, 16mm, 11 min

Unha cápsula do tempo iluminada con películas domésticas e rituais humanos… As escuras predicións mundiais a refractárense a través dos ollos do meu fillo… Un documental de ficción científica revelado á man… (John Price)

DESERT SERIES #1
John Price, 2023, Canadá, 16mm, 10 min

Viaxando polos infindos mares de area… Calzado sen talón polo ardente deserto… Auga burbullante, tan quente que pela, a saír das profundidades da terra. (John Price) 

SIX
John Price, 2023, Canadá, 16mm, 12 min

Un retrato en proceso… Un espello de prata a reflectir as fases do crecemento… e de envellecer. (John Price)

JOHN PRICE

UNHA ÉPICA MÍNIMA

Se pensamos no transcendentalismo, esa corrente de pensamento filosófico que xurdiu nos Estados Unidos do século XIX, de seguido veñen á mente as ideas de Ralph Waldo Emerson e o seu ensaio Nature. A intuición e a observación son, para Emerson, os piares fundamentais nos que se apoia o ser humano para entrar en contacto coa «enerxía cósmica» (ou a idea que cadaquén teña de «Deus» ou da espiritualidade) a través do contacto coa natureza. Con todo, e coa súa base relixiosa, o transcendentalismo foi un movemento inconformista e idealista, capaz de prefigurar un mundo novo. Para os transcendentalistas, a alma de cada individuo é idéntica á alma do mundo e contén o que o mundo contén. 

Esta vía intuitiva baseada na capacidade da conciencia individual, sen necesidade de milagres, xerarquías relixiosas nin mediacións, que propuña Emerson atopa un eco a través dos tempos na obra do canadense John Price. Compostas en moitas ocasións por motivos simples —paisaxes marítimas, estradas, a observación dos fillos—, as películas de Price semellan aliñarse con ese xeito de entrar en contacto co transcendental, conectando, mediante o seu particular uso do cinema, o terreal e o ultraterreo. Trátase de películas mínimas e, ao mesmo tempo, épicas na súa conexión co mundo e nas resonancias que xeran en quen as ve. 

Price, que leva a traballar no cinema desde 1986, chegou a esta sorte de épica mínima a través dun uso do encadramento que parece encerrar o primordial, e da experimentación coas posibilidades da fotografía analóxica. Por unha banda, mecánicas. Todas as obras que veremos están feitas en 16 mm e 35 mm, utilizando diferentes tipos de cámaras: algunhas dos albores do cinema, accionadas a corda; aparellos que semellan conter, na súa maneira de impresionar a película, un cargamento de lembranzas propias e de capas de historia. As superposicións, que emprega en moitas ocasións, son unha capacidade única das cámaras fotográficas e cinematográficas: as imaxes ábrense, así, a unha profundidade de significados que conflúen e á riqueza visual dun follado visual. Por outra banda, Price bota tamén man da alquimia propia do cinema fotoquímico, ao experimentar con diferentes tipos de emulsión e con película caducada, por veces con resultados inesperados. As texturas xeradas achéganse, deste xeito, ao pictórico, grazas ao cal nos mergullan en paisaxes e en rostros de granulosa delicadeza e cores singulares. 

A primeira sesión do programa está dedicada aos seus traballos en 35 mm, quizais os máis característicos de Price. Dúas das partes das súas Sea Series, paisaxes marítimas retratadas case coma se dun cadro en movemento se tratase, o que lembra, así, o coñecido xénero pictórico das mariñas. Cada Sea Series reflicte unha preocupación ligada a cada unha das súas paisaxes de fondo: mesmo coa paz que transmiten, unha sensación de urxencia ecolóxica atravésaas. Tamén neste programa se atopan as «películas familiares» máis sofisticadas xamais vistas, dedicadas ao nacemento dos seus fillos, ás súas festas de aniversario, ao xogo dun dos seus fillos cunha pistola ou a unha acampada. A textura das películas e a maneira de filmar de Price confírenlles a estas efemérides mil veces vistas en fotos familiares un aire de soño, como de lembranza envolta entre os algodóns da memoria. Así mesmo, unha visita ás cataratas do Niágara, punto de concentración turística, dálle a volta a esa mesma idea de souvenir: Price filma os fotógrafos e cineastas amadores que por alí circulan, para logo retratar o mesmo monumento natural con rotunda sinxeleza. 

A segunda sesión está dedicada ás súas películas en 16 mm, que reflicten outra clase de preocupacións, alén das arriba mencionadas. Vemos, así, os experimentos coa solarización e coa manipulación fotoquímica da cor en pezas como Fire #3, Sunset e Wreck/Nation, que por momentos case raian a abstracción e mostran tamén unha visión por veces máis apocalíptica que lírica, e pezas como The View Never Changes, que se aproximan máis ao documental persoal arredor da propia infancia de Price. 

Chega así Price ao transcendental a través do sinxelo e o compartido: a natureza, os ciclos da vida, a descuberta do mundo. A fe nos misterios e caprichos da fotografía analóxica, da química e da óptica terminan de obrar o milagre. 

Elena Duque