BARBARA STERNBERG

PROGRAMA 1

Filmoteca de Galicia | Xoves 1 de xuño | 19:30 horas | Entrada libre a todas as sedes ata completar o aforo. Non será posible acceder ás salas unha vez empezada a proxección.

TRANSITIONS
Barbara Sternberg, 1982, Canadá, 16 mm, 10 min 

Transitions é unha película de vida interior e fala do tempo, a realidade, o poder. Representa as desacougantes sensacións de estar entre o soño e a vixilia, entre o aquí e o alí, entre ser e non ser. Estes temas metafísicos son evocados pola imaxe central dunha muller vestida de branco sobre a que as capas de imaxe e son (voces) se superpoñen. (Barbara Sternberg)

BEGINNING & ENDING Barbara Sternberg, 2008, Canadá, 16 mm, 7 min 

Nesta película corta, muda, en branco e negro e en cor, as imaxes axítanse e móstranse intermitentemente en ritmos orgásmicos. As referencias visuais ao «ano solar» de Bataille, á unión romántica, aos monos e aos homes conéctanse coa dicotomía que as sostén, dos principios e os finais.

SURFACING Barbara Sternberg, 2004, Canadá, 16 mm, 10 min 

Represéntanse as nosas atarefadas idas e vidas, en marcha, a traballar na vida, pero diversas capas de imaxes e de emulsión rabuñada fan que supoña un esforzo ver a través das profundidades. Se rabuñamos a superficie, porén… Outros estados que se entrevén apuntan a que podemos emerxer. «O mundo é demasiado para nós: sempre /  a recibir e gastar, disipamos as forzas…» (W. Wordsworth). 

BEATING
Barbara Sternberg, 1995, Canadá, 16 mm, 63 min 

Beating —en inglés, to get beaten (‘recibir unha malleira’), ou give a beating (‘golpear’), to beat oneself up (‘darlle á cabeza’). Vencer (beat) as adversidades. O metal fórxase golpeándoo (beating). Os paxaros baten as ás (beat their wings), o sol pega forte (the sun beats down), o corazón latexa (beat)… Baixo este tropo central beating, coas súas implicacións positivas e negativas combinadas, a película une as perspectivas individuais vividas persoalmente coas comunais e históricas; o odio e o perdón; a risa e o pranto. Tamén se relacionan as políticas de xénero e o Holocausto; o Vello Mundo e América do Norte. Paisaxes de emoción —a nosa vida como a experimentamos hoxe— móvense a través dun terreo de memoria e análise. 

Beating existe nunha zona liminar. Traballo coas imaxes tal e como poden ser rexistradas entre a abstracción e a representación, entre o borroso e o definido, no espazo que existe entre o que non ten forma e o que está formado, en movemento. Trato de representar as imaxes de maneira suxestiva, corporal, e de usar vocalizacións e palabras como texturas e tamén como información. «A auga, como o lume, é unha dimensión do carnaval que insiste no apátrida e no fluxo…, un mundo no que as xerarquías colapsaron, as fronteiras se disolveron…, un estado de devir, non de ser» (Robert Kroetsch). A superficie da película, rabuñada e con pintas, negativa e positiva, en branco e negro e en cor, dá testemuño de tormentas de emoción. Dunha sección a outra, hai repeticións, fanse conexións —reminiscencias, equivalencias entre diferentes imaxes— para conseguir o sentimento de recoñecemento de que todo está conectado. Está todo alí todo o tempo. (Barbara Sternberg)

BARBARA STERNBERG

EN PROFUNDIDADE

Ao ver as películas de Barbara Sternberg, tense a curiosa sensación de que o fotograma xa non é unha superficie plana, senón que constitúe unha especie de portal infindo, coma se contemplásemos o principio dun túnel que, sabemos, contén mil e un estratos de profundidade que van emerxendo da escuridade. É algo que non só suxiren as imaxes, pola súa complexidade plástica que reúne capas e capas, como un lenzo ao óleo cheo de veladuras e reservas, senón que tamén ten que ver coa riqueza de significados que esas imaxes convocan (máis como medio de indagación que de formulación de axiomas) e, nas súas películas sonoras, con como o que oímos engade novos planos ao que vemos na pantalla. Na súa obra abundan as superposicións, que non xorden tanto do espontáneo como da colisión buscada de significados e padróns gráficos; o labor case obsesivo con certas imaxes recorrentes, traballadas e retraballadas; os padróns rítmicos de movemento nunha axitación por veces vital, por veces desgarrada. Un torrente de ideas vértese a cada paso e ese torrente configura, pola súa vez, imaxes igualmente desbordantes e atafegantes, que se reparten por unha obra prolífica. 

Tentar comprimir este universo en dous programas é, xa que logo, imposible. Así que, partindo desa imposibilidade, pensamos polo menos en achegar un punto de acceso a esas profundidades que a súa obra presenta. Barbara Sternberg, natural de Toronto (Ontario), empezou a facer películas a mediados dos anos 70, cun claro interese por facer visible a través do cinema o que non é naturalmente visible, ou o que non poden aprehender as palabras. En obras como o seu Opus 40 (1979) reflexiona sobre a repetición alienante da vida fabril utilizando as posibilidades do medio (o fotoquímico) ao máximo. Isto é quizais unha das máximas do seu traballo: o explorar as posibilidades do cinema en canto material con todo tipo de técnicas, e que esa exploración vaia alén do visual, para ir en consonancia cunha investigación arredor de como experimentamos o mundo, visual, emocional e intelectualmente. É dicir, forma e contido son unha mesma cousa. 

O primeiro programa que lle dedicamos está artellado por certa inquedanza existencial, pola expresión do desacougo, pola fugacidade da vida e os seus ciclos que se repiten, pola expresión do trauma e da ferida. Transitions, peza que abre a selección, é a expresión da subxectividade dunha muller, atribulada, incapaz de conciliar o sono e, polo que suxiren as superposicións e as repeticións, de «apagar» o seu cerebro nin un minuto. O pasado en forma de lembranzas recorrentes e o futuro en forma de arelas incertas semellan perseguila, coliden na imaxe, mentres que na banda sonora dúas voces rumorosas se mesturan, en dúas liñas de pensamento distintas. Beginning & Ending, pola súa banda, aborda outro tema cíclico como é o sexo, coa súa parte animal, a través de imaxes fugaces, próximas por momentos á abstracción, que evocan a axitación sensorial e transmiten tactilidade. Precisamente a textura é un dos puntos fortes de Surfacing, que reflicte o traballo de Sternberg coa emulsión e que nos pasa desde a intimidade de Transitions, unha subxectividade unitaria, ou a de Beginning & Ending, compartida de portas para dentro, ao público, en imaxes de transeúntes que se abren paso a través de intricadas capas de emulsión. Pouco a pouco imos retornando por medio do filme a certa comuñón coa natureza e co propio ser. Beating, quizais unha das obras máis impactantes e complexas de Sternberg, parte dun xogo semántico coa palabra beating, que en inglés pode aludir tanto á violencia, significando ‘golpear’, como aos latexos do corazón ou ao bater das ás dun paxaro. A partir desta idea, Sternberg constrúe unha película que aborda temas tales como o Holocausto, a colonización, o fascismo e a súa semellanza co machismo, mais tamén as violencias cotiás, a agresividade, a dor e o trauma individual. As asociacións entre imaxes, que son sometidas a todo tipo de procesos —a alternancia entre positivo e negativo, a refilmación, o traballo directo sobre a tira de película rabuñándoa ou destinguíndoa, a tinguidura, as montaxes rápidas e as superposicións, entre outros—, son a raíz da forza case subliminar coa que opera o filme. Imaxes da rúa, acenos vehementes, paxaros ao voo, unha muller a nadar (imaxe recorrente nos seus filmes), partes fragmentadas do corpo, fotografías e vídeos refilmados, rápidas e axitadas varreduras compoñen, entre outras cousas, a imaxinería do filme. Esta visceralidade vén acompañada pola banda sonora (e en ocasións tamén polo texto sobre a pantalla), na que, ademais de citar textos de Virginia Wolf, Hélène Cixous, Hanna Arendt, Dorothy Dinnerstein e Sylvia Plath, entre outros, Sternberg utiliza sons humanos que poñen os pelos de punta: gruñidos, alaridos, xemidos (que tardamos un anaco en discernir se son arquexos de pracer, pranto ou esgotamento). Unha película bela e brutal, que semella afectar mesmo fisicamente (algunhas partes escintilantes contribúen a iso) e que nos conecta coas sombras da condición humana. 

Nun ton máis balsámico, o programa número dous artéllase arredor da cor, que é un dos motores chave do pensamento fílmico de Sternberg, mais que, como veremos, tamén alberga connotacións filosóficas. Colour Theory establécese como un tratado en miniatura sobre as teorías da cor para abrir a sesión. A esta segue unha das máis recentes películas de Sternberg, Sunprints 1, 2, 3. De maneira literal, o resultado do sol a actuar directamente sobre a tira de celuloide, conxugado co sol sobre distintas paisaxes, nunha liña de investigación que continúa a doutros filmes recentes como Untitled #1 (sun vision), que semellan camiñar na dirección de pensar o sol como o factor que colorea o mundo coa súa acción sobre as cousas e a través das estacións. Finalmente, a longametraxe midst camiña tamén nesa dirección do paso do tempo e das mudanzas reflectidas pola luz e as gradacións cromáticas, engarzados por unha reflexión arredor dos vencellos afectivos entre os seres humanos e destes coa natureza, e tamén sobre a memoria e a presenza, nunha película cuxa montaxe está estruturada pola cor. A pintura parece ser tamén un dos motores do filme, cuxo raizame lírico tamén se expresa na inspiración de Sternberg en obras como As ondas, de Woolf, e no selo persoal da escritora, ese fluxo de conciencia que tenta captar a percepción precisa de cada intre. 

Non podemos rematar sen resaltar tamén outro aspecto que dota de profundidade o traballo de Sternberg, que é a súa implicación polifacética no cinema. Ademais de abordar outros medios expresivos como a performance, a instalación e o vídeo, Sternberg exerceu como docente, traballou en diversas organizacións e eventos para a difusión do cinema (que mesmo fundou) e tamén escribiu sobre artistas e cineastas.

Elena Duque