MASTERCLASS ANTHONY MCCALL

Filmoteca de Galicia | Sábado 3 de xuño | 11.00 horas | Entrada libre a todas as sedes ata completar o aforo.

A obra de Anthony McCall baséase nun arduo traballo conceptual que veu levando a cabo desde principios dos 70 e que pensa de maneira multilateral a idea fundacional do cinema; isto é, a luz proxectada. McCall é amplamente coñecido no panorama da arte contemporánea grazas aos seus traballos de «luz sólida», impresionantes esculturas inmateriais exhibidas nos máis importantes museos e galerías do mundo. Un traballo que é parte dun proceso que el mesmo explicará nesta master class, charla ilustrada con imaxes e clips, e que parte de obras como Landscape for Fire (1972) —performance ao aire libre con esculturas de lume—, Landscape for White Squares e Earthwork. A seguir, abordará os seus Cone Films e tamén obras como Long Film for Four Projectors (1974), Four Projected Movements (1975) e o fito que supón á hora de pensar o cinema Long Film for Ambient Light (1975). Unha charla ilustrada na que tamén chegará ao seu traballo máis recente en formato vertical, a instalacións no espazo público como a monumental Crossing the Elbe e ás súas obras con espellos, como Split Second (Mirror), entre outras recentes preocupacións e investigacións conceptuais e visuais.