ULTREIA ET SUSEIA

EN LIÑA

Máis información proximamente.

Desde o comezo da súa andaina en 2010, unha das patas máis importantes da programación do (S8) foi o cinema feito desde a periferia, fóra dos circuítos comerciais. Ese era un momento no que empezaba a despuntar unha xeración de creadores que agora son referentes internacionais, aos que lles brindamos no seu momento unha plataforma de difusión coa que chegaren a programadores, críticos e cineastas de todas as partes do mundo. É o caso dun aínda case descoñecido Oliver Laxe, que abriu esa edición de 2010 coas súas curtametraxes. 

Ese apoio segue a ser un compromiso en firme, acollendo o cinema desa xeración xa consolidada e tamén concedendo espazo ás voces do futuro. Esta andaina deu de si esta sección en liña que hoxe presentamos baixo o nome de Ultreia et Suseia. Co mesmo espírito co que se saudaba o peregrino animándoo a seguir a avanzar no seu camiño coa expresión «Ultreia!» («Adiante!» ou «Máis alá!»), ao que o peregrino respondía: «Et suseia!» («E máis arriba!»), desde o (S8) queremos seguir axudando as creadoras e creadores do país na súa senda. A nosa Ultreia et Suseia consiste nunha colección de programas monográficos dalgunhas das voces máis destacadas do cinema galego hoxe en día. 

Esta colección de pílulas documentais en forma de entrevistas favorece o impulso do noso cinema máis recente, a través da plataforma dixital do Xacobeo 21. Artistas como Helena Girón e Samuel Delgado (2021), Carla Andrade (2019), Berio Molina e Alexandre Cancelo (2019), Tono Mejuto (2018), Xisela Franco (2017), Diana Toucedo (2017) e Xiana do Teixeiro (2016), aos que este ano engadimos a María Ruido (2018), falan nestas pezas da súa obra e dos seus procesos de traballo nunha serie de entrevistas exclusivas realizadas polo (S8), ilustradas con fragmentos das súas películas. Todos os monográficos, ademais, están subtitulados en inglés para facilitar a súa difusión internacional.