SINAIS

PROGRAMA 1

Sala (S8) Palexco | Xoves 1 de xuño | 13:00 horas | Entrada libre a todas as sedes ata completar o aforo. Non será posible acceder ás salas unha vez empezada a proxección.

2023
Olmo Cuña y Rodolfo Cuña | Galicia | 2022 | Super 8 a vídeo | 4 min

É o cambio de ano: ábrense portais, completouse unha nova volta solar. Para celebralo, un ritual en cor oficiado por un anacrónico personaxe. 

O AMOR É ÁGUA QUE CORRE
Claudia Pineda | Galicia | 2022 | Vídeo | 7 min

Nesta curtametraxe preséntase a deusa galaico-lusitana e indíxena Navia como fío condutor que me leva a reflexionar sobre as nosas emocións, a redención do amor e a morte deste. Navia como «a Barqueira», mensaxeira da Morte e psicopompa; Navia como deusa do amor humano, animal e vexetal. A través deste mito intercultural, proponse unha viaxe sensorial para recuperar o arquetipo da muller salvaxe, buscando que nos reencontremos co intuitivo da nosa natureza. Curtametraxe creada para o Chanfaina Lab de San Sadurniño, onde me introduzo na fervenza de Narahío mentres entendo que é Navia quen me guía polas frías augas como unha forza que debo escoitar para entender meus ciclos; así, a curta vai mutando a medida que a miña propia percepción do amor varía. 

LX VISAGES 
Céline Latil | España | 2022 | 16mm | 4 min

Lx Visages é un encontro traducido a película; unha feita desde —e cara a— o afecto. O retrato de trece rostros que se funden a través dunha luz fráxil e imperfecta. Un recordo, agasallo, escusa, para seguir compartindo.

ULÍA
Laura Moreno | España | 2023 | 16mm | 3 min

Os límites da paisaxe son sempre os mesmos. Ulía é unha colaxe paisaxística onde a partir do frame se unen espazos de diferentes xeografías para recrear unha paisaxe propia partindo dos límites dunha paisaxe montañosa. 

ENTRE L’ESPILL I EL RIU
Natalia Rabaneda Vergara | España | 2022 | 16mm | 3 min 

Reflíctome de xeito invertido e lémbrome distorsionada. A percepción volumétrica de min configúrase a través e a pesar do espazo. O espello non me mira e o río devólveme fría e ondeante. 

FRACTURA
Biviana Chauchi | España | 2023 | 16mm | 3 min

Rotura dunha cousa sólida, especialmente dun óso do corpo ou unha materia. 

HÁ OURO EM TODO O LADO 
Rita Morais | Galicia | 2023 | 16mm a vídeo | 12 min

Con Há ouro em todo o lado entramos nas subterráneas reminiscencias dunha mina de ouro romana para atopar a multiplicidade de subxectividades que rehabitan o territorio da antiga mina.

MUESTRARIO (WIP)
Sofía Hansen | España | 2023 | 16mm a vídeo | 26 min

Nestas terras destruídas, o único que queda é un mundo que fala de volta. 

Desarquivar un territorio. A punto de desaparecer debido ao extractivismo industrial, comezamos a enxergar o que aínda subsiste no bosque de Hornopirén, ao sur de Chile. Non só o observamos, senón que el tamén nos mira de volta. 

SINAIS

VIAXE A UN MUNDO PROPIO

Ás veces é necesario mirar a través dos elementos para atopar as respostas que andamos buscando. Filtrar a visión por medio da terra, do aire, do lume, da auga, para conformar así unha imaxe case onírica pero verdadeira ante o noso interese máis artístico e sincero. É difícil atopar esa maxia que inunda o cine e fai que a luz se dilúa ata perderse nos nosos ollos. Pero, unha vez máis, demos con ela para a nosa sección SINAIS. Unha escolla de filmes que se presenta como un espazo de busca e abstracción dunhas cineastas que crean desde o miúdo pero co foco posto nas grandes cuestións humanas. SINAIS é unha viaxe a un mundo propio, como o que Urbano Lugrís (pintor galego cabeceira desta edición da mostra) foi ideando e percorrendo ao longo da súa vida. E onde atoparemos moitos aspectos comúns coa obra do pintor. 

SINAIS

PROGRAMA 1

O correr da auga, de xeito literal ou metafórico, é o fío condutor deste primeiro bloque de SINAIS. Este foi o ente principal de toda a expresión artística de Lugrís e preséntase agora nestas obras como aspecto unificador, representante da calma e máxima expresión da vida. A terra e a corporalidade aparecen intimamente ligadas a ese elemento. Estas películas presentan o percorrer, o fluír e o confluír como principios básicos. 

Olmo e Rodolfo Cuña, fillo e pai, abren a sección con 2023, un filme ritual dedicado ao comezo do ano. Unha película de celebración e agradecemento. O AMOR É ÁGUA QUE CORRE é a última obra de Claudia Pineda, filmada durante o Chanfaina Lab en San Sadurniño. Unha reflexión sobre o amor coa deusa Navia como guía. Céline Latil segue dando as grazas á vida e ao encontro coa súa primeira obra, LX VISAGES. Os rostros das súas amigas fundidos a través da luz. Continuamos con ULÍA, de Laura Moreno, unha fermosa colaxe paisaxística na que os límites da paisaxe se volven protagonistas. Natalia Rabaneda agasállanos con ENTRE L’ESPILL I EL RIU, un filme no que o seu corpo se dilúe entre a auga, a paisaxe e o espello. Un poema visual de grandes dimensións. O programa segue con FRACTURA, de Biviana Chauchi, unha película que flúe como un río a pesar da agresividade da súa continua rotura e recomposición. Rita Morais pasa este ano polo (S8) con HÁ OURO EM TODO O LADO, unha película que traballa cos elementos, que introduce o corpo, que rehabita o territorio. Pechamos este primeiro programa da sección SINAIS co WIP de MUESTRARIO, de Sofía Hansen, unha película que intenta desarquivar o territorio nun mundo que trata de falar de volta.

Aldara Pagán