PARAÍSO
FACULTAD DE BELLAS ARTES – UNIVERSIDAD DE SALAMANCA
Filmoteca de Galicia | Xoves 1 de xuño | 11:30 horas | Entrada libre a todas as sedes ata completar o aforo. Non será posible acceder ás salas unha vez empezada a proxección.
(S8) Mostra Internacional de Cinema Periférico continúa, na súa XIV edición, a dedicar un espazo á proxección dunha mostra significativa de traballos xurdidos nas facultades e escolas de artes. A sección Paraíso congrega un grupo de estudantes atraídos polas potencialidades creativas da imaxe en movemento, que achegan as súas primeiras e suxestivas descubertas. A Facultad de Bellas Artes de Salamanca únese de novo este ano a unha experiencia que o pasado curso foi incriblemente enriquecedora para os estudantes.
CUIDAR PLANTAS EN INVIERNO EN BURGOS
Cristina Guerrero Rey, España, 2023, vídeo, 9 min.
A miña nai Raquel ten multitude de plantas na casa. Traballa con paciencia e cariño nas súas flores, arboriñas e monsteras. Tamén adora os paseos polo bosque, o outono e a quietude da montaña. O noso álbum familiar está ateigado de escenas en faiais, piñeirais e xardíns. Buscando un punto de encontro entre as súas lembranzas e as miñas, situámonos no parque burgalés de Fuentes Blancas, onde o permanente ollar dos piñeirais nos viu crecer a ambas as dúas. A herdanza, a presenza, a ausencia e a mudanza conforman este retrato múltiple, onde a relación dunha nai e a súa filla se ve cuberta de follas e raíces. (Cristina Guerrero Rey)
PÉRDIDA
Paula Manzano Sastre, España, 2023, vídeo, 3 min.
Perderse un mesmo. Todo comeza cunha viaxe pola estrada na que as luces e a néboa te envolven ata te converteren noutro; ou, talvez, no verdadeiro eu, que permaneceu oculto á espera do momento idóneo para saír á luz e tomar o control sobre as túas decisións.
CÓDIGOS REPRESIVOS
Elena P. Cuesta, España, 2023, vídeo, 12 min.
O folclore charro recolle, por mor da súa complexa construción, un conxunto de códigos daniños que poden pasar desapercibidos. Nesta peza sinálanse as formas de represión encubertas que ameazan as corporalidades e identidades contemporáneas. Unha protesta organizada polos obxectos, que, polo seu carácter conservacionista da memoria, axudan a trazar un mapa do percorrido da violencia e operan como probas ou pistas dunha investigación contra ela. Destaca a concepción dos obxectos como corpos vivos e sensibles e a forma de estudar o que sofren a través dunha nova metodoloxía etnográfico-forense.
URBÁNICO
J. Saucedo, España, 2023, vídeo, 4 min.
Usando a paisaxe urbana como suxeito, a montaxe narra metaforicamente un proxecto humano con dirección ao éxito, ao fracaso ou a ningún dos dous. Experiméntanse ciclos de frustración, repetición e incerteza no andar dun continuo proceso de construción.
THOSE WHO WANDER
Adrián González Fernández, España, 2023, vídeo, 8 min.
Un relato de dislocada narrativa sobre a viaxe dun personaxe indefinido. A través de contornos liminares, caracteres atípicos e interaccións descontextualizadas, concede a posibilidade de crear significados inexplorados.
DE PLANTAS, CHAVES E ENAGUAS: OLLADAS A UNIVERSOS APARENTEMENTE COTIÁNS
FACULTAD DE BELLAS ARTES – UNIVERSIDAD DE SALAMANCA
O programa de pezas realizadas por alumnos do Grao en Belas Artes e do Mestrado en Produción e Prácticas Artísticas da Universidad de Salamanca que foron seleccionadas para a sección Paraíso propón diferentes maneiras de traballar coa imaxe en movemento e compón, deste xeito, miradas peculiares e mundos singulares. Así, Cuidar plantas en invierno en Burgos mostra, na súa visita a un dos parques máis populares da cidade e á casa familiar, os espazos compartidos entre nai e filla, as cales, pese a estaren unidas por lazos indisolubles, atopan a súa autonomía malia que compartan lugar na pantalla. Pérdida, contradicindo o seu título, encontra no seu deambular escintileos dun mundo que perde a súa materialidade para se conformar nun mosaico de figuras luminosas acompañadas por unha voz que xoga coa linguaxe e evidencia o lugar inestable desde o que se fala. Por medio do performativo, Códigos represivos converte os obxectos característicos do folclore charro en probas dunha investigación forense ocupada en desvelar as formas de represión que os ditos obxectos implican no seu contacto co corpo. Urbánico proponse como un traballo de rexistro da paisaxe consciente das súas vacilacións e mesmo da súa condición de fracaso, o cal dá como resultado unha mirada fragmentaria que revela disonancias coas sinfonías urbanas cinematográficas dos anos vinte. Por último, Those Who Wander, realizada cunha cámara de vídeo Hi8, percorre espazos situados nas marxes a través do deambular de personaxes enigmáticos involucrados en misteriosas situacións que conforman un mundo escuro con raíces no cinema de David Lynch.
Alén da súa heteroxeneidade, as pezas que compoñen o programa evidencian a capacidade e o desexo, por parte dos seus mozos responsables, de contribuír ao vital panorama da creación fílmica e artística. Diferentes entre si, todas elas son, no entanto, pola súa singularidade, expresións estimulantes dun paraíso exquisito.
Laura Gómez Vaquero
Investigadora e programadora de cinema. Docente na Facultad de Bellas Artes (USAL)