PARAÍSO

FACULTADE DE BELAS ARTES DE PONTEVEDRA – UNIVERSIDADE DE VIGO

Filmoteca de Galicia | Viernes 2 de junio | 11:30 horas | Entrada libre a todas las sedes hasta completar aforo. No será posible acceder a las salas una vez empezada la proyección. 

(S8) Mostra Internacional de Cinema Periférico continúa, na súa XIV edición, a dedicar un espazo á proxección dunha mostra significativa de traballos xurdidos nas facultades e escolas de artes. A sección Paraíso congrega un grupo de estudantes atraídos polas potencialidades creativas da imaxe en movemento, que achegan as súas primeiras e suxestivas descubertas. A Facultad de Bellas Artes de Salamanca únese de novo este ano a unha experiencia que o pasado curso foi incriblemente enriquecedora para os estudantes. 

AQUÍ Y AHORA  
Susana Gómez García, 2023, Galicia, vídeo, 6 min.

Por veces correr o máis rápido posible non significa moverse en absoluto. Corremos, corremos, e agora que? Se xa nada permanece, só queda a miña propia respiración, o sangue que corre polas miñas veas, os meus pasos a se afundiren na neve. Aquí y ahora é un ensaio persoal que explora a idea do presente entre persoas de múltiples nacionalidades que comparten un mesmo contexto, un presente continuo e cambiante. 

305 HORAS 
Sara Glez, 2023, Galicia, vídeo, 3 min.

305 horas. 13 días. A miña irmá. A nosa primeira viaxe xuntas fóra da Península. Suíza. Máis de 2000 quilómetros. O inverno. A neve. O frío. A paisaxe. A natureza. As texturas da cidade. As sensacións e detalles que, como notas dun diario, capturaron a miña atención. 

NO ME OLVIDO DE TI 
Alba Amoedo, 2023, Galicia, vídeo, 4 min.

Unha resonancia sinestésica sobre o tempo, que non me deixa respirar. Un autorretrato que compón imaxes do caos, asocia cores, propón imaxes acústicas, suma obxectos sonoros á plasticidade das imaxes. Sentirse perdida, seguir adiante, construír un camiño posible. 

MIRADA AMATEUR 
Cristina Souto, 2023, Galicia, vídeo, 6 min.

Filmar con amor. Os primeiros sorrisos dun novo ser. As torradas da mañá. As tardes a xogar ao sol. As moras. As feridas que deixaron marcas nos meus xeonllos. Obsérvome a través da cámara devota dunha nai. O seu ollo é hoxe o meu ollo, que me ensina sobre o asombro de vivir. 

MORIR ES EGOÍSTA 
Cristina Insua, 2023, Galicia, vídeo, 5 min. 

A miúdo custa reprimir as ganas de o deixar todo atrás. Así que supoño que esta é a miña maneira de saír correndo sen saír correndo. Por iso, que mellor momento para che expresar desta forma, a través do cinema, o que doutra forma non sabería dicirche? Fállame a voz porque é difícil lembrar en certas cousas, como aquilo que dicías de que a morte, morrer, é egoísta. 

WHERE WE MEET 
Aniana Barreiro Seara, 2023, Galicia, vídeo, 5 min. 

Inducir deliberadamente o erro como punto de partida. Where we meet é unha conversa entre ecos, entre presentes aínda non formados, entre imaxes cuxa natureza destrutiva é a condición necesaria para a súa supervivencia. Unha pluralidade de forzas despréganse e reaccionan. Quizais sexa aí onde os fragmentos poidan finalmente reunirse, nalgún lugar no tempo. 

AMOR, LIBERDADE E CREACIÓN. O CINEMA EXPERIMENTAL NAS BELAS ARTES

FACULTADE DE BELAS ARTES DE PONTEVEDRA – UNIVERSIDADE DE VIGO

Aínda hoxe existe certo receo, mesmo dentro da escena de cinema independente autoral, para aceptar que o artista contemporáneo, na súa exploración estética, plástica, escultórica ou performativa, pode investigar de forma creativa e radical a relación espazo-tempo e que esta exploración, que no seu caso é solitaria, artesanal, poida suceder baixo o signo do cinema. Existe outro prexuízo que non termina de disolverse, que fai desmerecer o cinema autobiográfico por tachalo de ególatra ou narcisista, coma se o cinema só puidese elevarse cando é creación épica, colectiva e profesionalizada. Unha parte destes prexuízos poderían provir de certo snobismo remiso a sentir empatía cara ao cinema pequeno, como aventura do eu; unha resistencia a entender a praxe creadora como experiencia individual e «á man». Mais o cinema tamén permite transmutar a experiencia fronte ao espello para nos situarmos no mundo dunha maneira máis consciente. 

Observo todos os anos estudantes de Belas Artes que se achegan ao cinema por vez primeira. O que me preocupa, alén dos contidos da materia, é o desánimo xeral, o cansazo, o sufrimento xeneralizado, os traumas que os afogan ou os problemas de saúde mental que padecen. Observo que existe depresión xeneralizada, disforia, trastornos de distinta natureza; en definitiva, sufrimento colectivo. A situación parécenos a moitos que se agudizou nos últimos anos, desde as medidas desapiadadas ditadas na pandemia, que amputaron a maior parte da súa experiencia universitaria. Penso que a arte, o grao de Belas Artes que escolleron, lles dá a posibilidade de se enfrontaren a esas sombras e por iso anímoos a abrazar a materia sen medo, con amor cara a si mesmos e á vida. A ensinanza do cinema pode abordarse de moitos xeitos; a educación tamén pode incorporar o afecto e a compaixón. Sempre é bo lembrar palabras como as de Maya Deren no seu texto «Amateur Versus Professional» («Amador fronte a profesional», 1959) cando advirte o cineasta amador de que non caia en sentir complexo de inferioridade porque precisamente esa condición de artistas precarios lles outorga unha radical liberdade que é a máis marabillosa das condicións de partida. 

Xa no seu primeiro contacto coa imaxe en movemento, observo, é doado para o alumnado integrar esta nova forma expresiva desde unha mirada aberta que se intersecta con outras artes. Os vetustos plans de estudo actuais do Estado español non permiten moita marxe de emancipación. Sabemos que algo vai mal, que segue a se enquistar: este é un tema que chama a un debate por unha revolución do ensino en xeral, mais desde dentro dun sistema enfermo tamén hai marxes de acción que permiten espertar o desexo de facer cinema naqueles estudantes que teñen esa pulsión, esa forza creadora latente. 

Na aula de Audiovisuais da que saen case todas as películas deste programa, propóñolles un exercicio de cinema persoal, xa sexa un autorretrato, unha carta ou un breve ensaio de temática libre. Teñen pouco tempo para o facer, mais trátase de entender a obra como proceso e non tanto como meta. Narrarse a si mesmo, expresarse cadaquén no seu rexistro emocional e que sexa a obra a que vaia guiando o seu proceso. 

Por terceiro ano, teño a honra de acompañar un grupo de estudantes de BB. AA. da Universidade de Vigo a un festival que é o máis próximo que van atopar a un xardín do Edén do cinema experimental. Trátase de inscribir o artista nun contexto vibrante que acolla as súas obras con respecto, que motive un espertar, onde aprendan doutros creadores/as, os admiren, compartan algo con eles e conecten con eles.

Presentamos aquí seis películas en primeira persoa seleccionadas do curso 2022-2023, autorretratos íntimos que falan de temas como o tempo, a ansiedade, a familia, a vertixe do presente. Son pezas singulares que nacen como exercicios da clase. Susana Gómez García, Sara González, Alba Amoedo, Cristina Souto, Cristina Insua, Aniana Barreiro. Seis mulleres artistas que xiran a cámara cara a si mesmas e se aproximan ao cinema desde as emocións e os sentimentos máis viscerais. Varias pezas son videocartas, carta a unha nai, a unha irmá, a unha mesma. Todas exploran o cinema alén do narrativo, desde o abstracto, o ritmo, a luz, a cor, as texturas, o son. 

Sen dúbida, este convite ao Festival (S8)-Mostra Internacional de Cinema Periférico abriralles unha porta. Agradézolles a estas mozas creadoras a súa implicación, o seu entusiasmo e que nos confirmen que o cinema é, primeiramente, un acto de xenerosidade e amor. 

Xisela Franco
Cineasta e docente da Facultad de Belas Artes de Pontevedra dentro da Universidade de Vigo