ACCIDENTES FELICES: PHIL HOFFMAN E A FILM FARM

Xuñ 9, 2024 | Artigos, Destacados

Phil Hoffman cóntanos a historia do seu proxecto, a Film Farm de Ontario (O Canadá), que este ano celebra o seu trixésimo aniversario.

A INSPIRACIÓN

A finais dos 80, eu xa rematara unha serie de películas autobiográficas que me deron a oportunidade de viaxar. Nesas viaxes fixen obradoiros de cinema, realmente precursores da Film Farm e dos obradoiros de cinema procedemental que desenvolvín máis tarde, e empecei a dar outros en diversos lugares, como Helsinqui. Estar fóra brindoume a ocasión de empezar de cero e concedeume tempo e espazo para imaxinar outra clase de ensino, máis aberto que o que a universidade podía ofrecer. Esta vivencia evolucionaría arredor dun proceso de descuberta. 

O outro aspecto foi loitar polo comunal. Eu vira, por unha experiencia previa, a intensidade que se dá cando un grupo de xente afín se reúne unha semana nunha sorte de burbulla creativa. Aínda que só pasásemos aquel tempo xuntos, esas amizades parecían seguir a resoar toda a vida grazas a un intercambio tan intenso como aquel. As películas emerxían desta intensidade, por veces ao cabo de sete días; outras veces ían xurdindo despois de varios anos. 

OS COMEZOS DA FILM FARM

O primeiro obradoiro do Retiro Independente da Imaxe (para o que máis adiante o escritor e cineasta Chris Gehman cuñaría afectuosamente o termo «Film Farm» [Granxa de Películas]) foi en maio de 1994. De feito, levamos a cabo unha especie de proba, o obradoiro Cinematografía para mulleres, a través da escola de verán do Sheridan College, onde eu ensinaba Artes dos Medios, e para iso convencín algúns dos meus alumnos de cinema de que viñesen á granxa para acondicionar o celeiro. Foi bastante traballo, pois estaba cheo ata arriba de palla, e tivemos que lle pedir a empacadora a un granxeiro veciño para poder sacala. Algúns destes alumnos, Rob Butterworth e Tracy German, desempeñaron un papel fundamental no establecemento do obradoiro, e Rob segue no colectivo no seu trixésimo ano e Tracy aínda fai películas e dá aulas hoxe en día no Sheridan College. 

O meu recordo da primeira Film Farm é frío e chuvioso. Apenas tivemos participantes dabondo para empezar e eu estaba preocupadísimo pensando que aos seis aquilo lles ía resultar aborrecible. Aínda por riba, a película de alto contraste en branco e negro con base de acetato 7378 (agora usamos 3378, que é o mesmo pero con base de tereftelato de polietileno) saía verdísima; segundo pensamos despois, debido ao alto contido en ferro das augas subterráneas da granxa. Pero o que pasou foi que os participantes quedaban moi contentos simplemente de ver que obtiveran unha imaxe e que a fixeran eles mesmos! Aínda vexo os seus sorrisos de entusiasmo ao mirar para elas… Meu! Máis adiante Rob resolveu o problema da película verdosa engadindo sulfito de sodio ao revelado reversible da película para lle quitar o matiz verde, e así vén sendo como evolucionou o obradoiro, por medios imprevisibles que nos levaban nunha dirección ou noutra. Aínda estou máis ou menos en contacto coa maioría deses primeiros participantes, moitos dos cales continúan a súa práctica fílmica de diferentes xeitos. 

A EVOLUCIÓN

Ao principio revelabamos a película nunha máquina de revelado pequena, mais pronto cambiamos ao revelado en baldes, a raíz da viaxe que fixo Rob Butterworth a Europa uns meses despois do noso primeiro retiro na Film Farm; alí asistiu a un obradoiro de revelado en Lovaina (Bélxica), en Stuc/Kapstuc, dirixido por Yann Beauvais, Jürgen Rebel, Karel Doing e Xavier Auerel. Este obradoiro influíu directamente no noso paso do revelado a máquina ao revelado á man. 

O cambio ao revelado en baldes concedeunos unha maior liberdade e máis posibilidades de nos relacionarmos coa imaxe de forma directa, seguindo o camiño de Man Ray. Para nós os accidentes seguiron a ser un sinal que nos conduciu a novos procesos e prácticas, igual que Man Ray e Lee Miller descubriron a solarización cando por accidente se acendeu unha luz. 

Karel Doing marcou outra mudanza importante na Film Farm cando veu en 2018 e nos ensinou os procesos dos fitogramas que estaba a desenvolver. Nós xa estivéramos experimentando con cafenol e con prácticas de revelado e tinguidura con flores antes de 2010, mais non foi ata a visita de Karel cando decidimos que era hora de nos dirixirmos a toda máquina cara ao revelado con plantas, concentrando o obradoiro na relación coa terra e cos seus habitantes florais dos arredores da granxa.

Un dos fitos máis recentes desta viaxe de trinta anos que leva facendo a Film Farm a través do cinema elaborado á man foi durante unha colaboración coa Primeira Nación de Saugeen de Chippewa Hill, unha hora ao norte da granxa. O obradoiro concibiuse como un intercambio. Os maiores de Saugeen ensinaríannos as propiedades medicinais das plantas e nós aprenderiámoslles a artistas locais de diversas prácticas (pintura, danza, narración de contos, traballo con abelorios) como revelar película con flores. O obradoiro abriuse cunha cerimonia de benvida encabezada pola educadora e maior herborista Lori Kewaquom. Cando lle dixen a Lori con certo orgullo que na Film Farm, ao apañarmos plantas para revelar, nunca collemos máis do 25 % da planta para esta poder rexenerarse, ela xenerosamente observou que a semana seguinte nos ensinaría como preguntarlle á planta canto podiamos coller. E así fixo. Todo o proceso se baseaba en respostas corporais ás plantas e nunha lúdica conversa con nós mesmos.

A INFLUENCIA DA FILM FARM

Ao principio foi a miña práctica fílmica de traballar mediante sucesos fortuítos e con procesos aleatorios a que me levou a querer iniciar un obradoiro no que o proceso fose máis importante que a obra rematada. Algo que ficaba moi lonxe da maneira en que o cinema semellaba estar a evolucionar a primeiros dos 90, especialmente no cinema convencional e no conxunto dos centros de ensino de cinematografía. Vía cineastas mozos caer en prácticas industriais, nas que o financiamento e a escrita do guión os mantiñan afastados do acto en si de facer cousas. Na Film Farm primeiro filmas e logo fas preguntas, o que xorde dunha confianza na espontaneidade como punto de partida. 

A Film Farm é un evento anual que me recorda esta máxima da espontaneidade. Coido que os meus traballos se volveron moito menos elaborados por mor da influencia daquela. É unha ecoloxía derivada da miña vida cotiá. Por suposto, Vulture (2019) e Deep 1 (2023) están feitas sobre o terreo e nun lugar concreto da granxa. Revelo o que filmo coas plantas que estean a florecer nese momento e teño que conxelar algunhas para o que se filma no inverno. Xa sei cando e onde van saír determinadas plantas na primavera. Todo se basea nunha conexión con eses ciclos.

Máis información sobre os comezos da Film Farm aquí.

PUBLICACIÓNS RECENTES