O CINEMA EXPÁNDESE NAS NOITES DO (S8), SEIS PEZAS E UNHA CLAUSURA CON PROXECCIÓNS POLA CIDADE

Mai 22, 2025 | Destacados, Novas

A Fundación Luis Seoane será o escenario dun programa de proxeccións performativas con producións de España, Canadá, Francia, Portugal e Venezuela. Estas sesións terán lugar o xoves 5, venres 6 e sábado 7 a partir das 23:00 horas.

Smokeshow, Aurélie Percevault y Pierre Pierre Pierre

Un dos grandes atractivos do (S8) volven ser as sesións de film performance que terán como escenario principal o patio da Fundación Luis Seoane. Desenvolveranse en tres sesións, con propostas que nalgúns casos foron creadas especialmente para a súa presentación na XVI Mostra Internacional de Cinema Periférico.

ESTREA BAICC E SINAIS DESBORDAMIENTOS

É o caso de TORTUGA [pasaje cromático #4], unha creación de Brenda Boyer desenvolvida en Toronto durante as residencias artísticas BAICC, impulsadas polo (S8), que se estreará na sesión do xoves 5 de xuño. Nesta obra, Boyer presenta en formato de multiproxección unha peza na que experimenta coloreando con capas e filtros RGB sobre un mesmo plano en momentos diferentes do día. Para iso, filmou os parques urbanos de Toronto, construíndo unha película na que a contorna natural vibra a través da luz.

A continuación, será a quenda de Sinais Desbordamientos co colectivo vasco Tekno Fantasy e LA BELLEZA EN LOS RAYOS DE LUZ FRACTURADOS. Trátase dunha peza desenvolvida neste 2025 no laboratorio de Medialab en Tabakalera (Donostia), coa que os artistas Laura Ibáñez López, Camila Reyes e Iker González crean un particular universo visual e sonoro integrando vestiario e dispositivos ópticos durante a proxección.

TORTUGA [pasaje cromático #4],Brenda Boyer

VENRES 6, ALVARADO E MWANBU 

O venres 6 de xuño, será a quenda de Valentina Alvarado, quen regresa ao (S8) para presentar a súa nova performance: voy raspando la hoja y la voz. Nela, esta artista venezolana afincada en Barcelona continúa a súa exploración da imaxe en movemento cunha mirada crítica cara á diáspora, a paisaxe e o xesto. Fusionando imaxe, texto e voz, Alvarado propón un percorrido sensorial e conceptual pola memoria da paisaxe empregando proxección en 16 mm, diapositivas e loops de casete. 

A segunda peza da noite será Maono Mzimi, do artiste canadense de orixe ugandés Sonya Mwambu, quen centra o seu traballo nas interseccións das súas identidades, explorando cuestións como a raza, o xénero e a linguaxe. Mwanbo experimenta as conexións entre elas mesturando proxección analóxica, dixital e voz en directo. 

Maono Mzimi, Sonya Mwambu | voy raspando la hoja y la voz, V. Alvarado

CLAUSURA, MIRE (NANTES) E LAIA COOP (OPORTO)

A última sesión de Desbordamientos terá lugar o sábado 7 e estará protagonizada por dous espazos dedicados ao cinema experimental: Mire (Nantes) e Laia Coop (O Porto). Ambos forman parte dunha rede europea de espazos que rescatan tecnoloxías dedicadas ao tratamento de película analóxica para evitar a súa desaparición e crear contornas de autoxestión para proxectos artísticos. De feito, a clausura do festival será unha ocasión única para experimentar unha das súas innovacións técnicas.

Os Desbordamientos do sábado comezarán con Argentique de Nantes, un conxunto de películas de Aurélie Percevault e Antoine Ledroit, onde se proxectarán obras realizadas por ambos desde o seu encontro no laboratorio Mire. Despois será a quenda de Smokeshow, de Aurélie Percevault e Pierre Pierre Pierre, na que proxectarán sobre unha pantalla de fume, coma se dun rito cinéfilo se tratara, creando imaxes furtivas.

Como peche do festival sumaranse os artistas Mónica Baptista, Rita Morais e Sofia Arriscado, do Laia Coop do Porto, para presentar Wandering Projection, unha film performance desenvolvida en colaboración con Mire dentro do proxecto europeo de investigación cinematográfica SPECTRAL. Wandering Projection é unha sesión ambulante nocturna na que empregan un proxector portátil de 16 mm ideado en Mire e que permite proxectar cinema pola cidade. Trátase dunha ocasión irrepetible na que se empregarán películas de Oskar Fischinger, Kurt Kren, Patrice Kirchhofer, Malena Szlam, Cécile Fontaine, Pedro Paiva e João Maria Gusmão, Gary Beydler e Charlotte Pryce.

Wandering Projection, un proyecto conjunto de Mire y Laia Coop 

O (S8) Mostra Internacional de Cinema Periférico está organizado pola Asociación Cultural eSe8 e conta co patrocinio da Concellaría de Cultura e Turismo do Concello da Coruña e o apoio da Axencia Galega das Industrias Culturais da Xunta de Galicia (Agadic), a Deputación da Coruña, o Instituto de la Cinematografía y de las Artes Audiovisuales (ICAA), Acción Cultural Española (AC/E) e a Fundación Luis Seoane. As sedes son as habituais: Filmoteca de Galicia, Sala de Exposicións Palexco, Fundación Luis Seoane e a Domus.

PUBLICACIÓNS RECENTES