9 ANOS APOSTANDO POLA CREACIÓN CINEMATOGRÁFICA COMO MOTOR DE INCLUSIÓN SOCIAL

Nov 13, 2025 | Destacados, Novas

A IX EDICIÓN DE XPRESA FORMARÁ PARTE UN ANO MÁIS DO PROGRAMA “CULTURA ACCESIBLE E INCLUSIVA” DA FUNDACIÓN EMALCSA

No pasado mes tivo lugar no Concello da Coruña a firma do convenio anual coa Fundación Emalsa para a participación no Programa Cultura Accesible e Inclusiva, que este ano chegou á súa décima convocatoria. Unha das principais ferramentas municipais para fomentar a participación cultural das persoas con diversidade funcional e risco de exclusión social, da que o (S8) forma parte desde 2020. Un ano máis, a nosa asociación foi unha das 13 seleccionadas para participar do Programa co noso IX taller cinematográfico de inclusión social-XPRESA, que contará tamén co apoio da Fundación Luís Seoane e a colaboración con Fundación Adcor e Asperga (Asociación Síndrome de Asperger Galicia).

XPRESA emprega a creación cinematográfica como ferramenta a través da cal adultos e menores con capacidades diversas poidan expresarse emocionalmente e desenvolver as súas propias facultades da man de profesionais de arte cinematográfica con experiencia no traballo con persoas con diversidade cognitiva e/ou funcional.

Seguindo o espírito do festival que concibe o cinema como arma de autocoñecemento e exploración dos sentidos e as emocións, nace en 2018 este taller, froito da vontade de ofrecer un curso que lonxe de atraer a un proceso de creación tradicional a persoas de capacidades diversas, permita, ao contrario, brindarlles un mecanismo a través do cal poidan experimentar e expresarse a través da creación libre e estimulante de pezas cinematográficas persoais.

Grazas a esta renovada colaboración coa Fundación EMALSA e o Concello da Coruña co apoio de Vegalsa e a Fundación María José Jove, no 2026 poderemos seguir traballando para xerar espazos de liberdade nos que persoas de capacidades diversas poidan experimentar, xogar, crear e abrazar a súa visión particular das cousas que tanto ten que aportar ao mundo. Queremos seguir loitando por manter este espazo que lles brinde ferramentas de creatividade que poidan implementar no seu día a día. Dándollas estamos regalándonos a todas as chaves dunha sociedade mellor.

XPRESA, O NOSO TALLER DE INCUSIÓN SOCIAL, FORMOU PARTE DO X ANIVERSARIO DO FESTIGUAL

O pasado 8 de novembro celebróuse no Fórum Metropolitano o evento Freestyle People en Pure Free con Poten100Mos, Banda DiversidArte e Gallos del Norte. A actividade, que formaba parte do X Aniversario do Festigual – Festival das Artes Inclusivas da Fundación Emalcsa, que se estenderá ata o 28 de novembro, estivo acompañada dos visuais resultantes das pasadas edicións do noso proxecto Xpresa.


Un bolo que mesturou freestyle, percusión e cultura urbana nun estoupido de ritmo e enerxía en directo. Rimas improvisadas, ritmos tribais coa Banda DiversidArte e un gran peche colectivo con artistas convidadas de Gallos del Norte. Unha hora de creación libre e espontánea da que participaron varios dos autores das pezas de Xpresa e que fixeron vibrar o Fórum Metropolitano da Coruña.

PUBLICACIÓNS RECENTES