O programa son dúas sesións, 27 e 28 de marzo, nas que Duque, unha das principais figuras da animación española, amosará as súas influencias cunha conferencia ilustradae máis unha selección da súa obra, con pezas inspiradas na Coruña e unha proxección performativa.

Elena Duque durante a film performance de Curso de pintura rápida para principiantes (2023)
Esta semana a Mostra de Cinema Periférico da Coruña arranca a súa programación expandida de 2026 cun foco dedicado a Elena Duque en colaboración coa Filmoteca de Galicia (A Coruña).Cineasta, programadora, crítica e profesora, o traballo de Duque (Avilés, 1980) móvese entre a animación e o colaxe, con formatos e métodos de traballo analóxicos cos que aborda temas como a identidade e a pertenza, sendo unha das principais figuras de animación en España. Ademais, é unha reputada programadora e investigadora do cinema contemporáneo, colaborando con festivais como o de Sevilla, o IFFR de Rotterdam e o FICX de Xixón. Tamén mantén unha estreita relación co (S8), onde é coordinadora de programación dende os seus inicios.
Para Ángel Rueda, comisario do ciclo e codirector da Mostra, este foco «é un acto de xustiza» pola conexión que a artista ten coa Coruña, cidade moi presente nunha filmografía «rica en formatos e ideas, onde todo brilla e cobra vida» e que ten estado en festivais e centros de cultura contemporánea de todo o mundo. Este foco abre ademais unha nova relación coa Filmoteca de Galicia, na que o (S8) programará de forma habitual.


Fist Fight, de Robert Breer (1964) e Winners Bitch, de Sam Gurry (2018)
DOUS DÍAS DE PROGRAMACIÓN
O foco, dentro do programa da Filmoteca Desencuadres, ten dúas sesións. A primeira é o venres 27 de marzo ás 19:00 horas e leva por título Por arte de magia: la animación experimental según Elena Duque. Nela amosará as influencias do seu universo creativo cun formato de conferencia ilustrada, con pezas, entre outros, de Jodie Mack, Isabel Herguera, Robert Breer ou Sam Gurry.
A segunda sesión é o sábado 28 ás 18:00 horas, ocasión para achegarse a súa obra co programa Cortar, coser y cantar: el refulgente cine de Elena Duque, que inclúe cabeceiras, videoclips e pezas que teñen participado en festivais internacionais como La mar salada (2014), Valdediós (2019), Pla y Cancela (2017), Ojitos Mentirosos (2024), ou a máis recente Portales (2025), estreada mundialmente na Berlinale e en España no Festival de Málaga. O peche será con Curso de pintura rápida para principiantes (2023), unha película performativa coa que percorreu medio mundo e na que a artista interactúa en vivo coa imaxe proxectada no seu formato orixinal en 16mm.


Valdediós (2019) e Portales (2025)


Pla y Cancela (2017) e La mar salada (2014), de Elena Duque
ACTIVIDADE PERMANENTE DO (S8)
Esta colaboración coa Filmoteca de Galicia ven a sumarse á actividade que a Mostra de Cinema Periférico mantén durante todo o ano, coa participación noutras citas cinematográficas como DocLisboa, a Seminci de Valladolid, ou o FICX de Xixón. O (S8) tamén celebrou unha nova edición do obradoiro de cinema analóxico de Corme, o taller Criaturas da Luz no festival Porto-Post-Doc, e encontros didácticos como o do CEIP Julio Gurriarán, en Valdeorras.
Outro evento destacado foi a xira BAICC on the road realizada en Canadá o pasado mes de outubro, con pezas feitas nas estadías artísticas que a Mostra promove dende hai 9 anos xunto a AC/E e LIFT, Liaison of Independent Filmmakers of Toronto, e que abrirá pronto a súa décima convocatoria.
Toda esta actividade de programación, formación e impulso do cinema de vangarda, mantén vivo o festival (S8) durante todo o ano, sendo un referente no circuíto das artes visuais en todo o mundo e colocando a A Coruña e Galicia no imaxinario colectivo como un espazo de creación e encontro de artistas, algo que se recarga, multiplica e expande con cada nova edición da Mostra.



O (S8) mantén unha intensa programación todo o ano. Nas fotos: Canadá, Lisboa e Valdeorras.
DATAS DA XVII EDICIÓN DO (S8)
Neste 2026 a XVII Mostra de Cinema Periférico celébrase na Coruña entre o 2 e 7 de xuño, coas sesións para escolares como apertura anticipada a partires do 7 de maio, contando de novo para esta edición co patrocinio da Concellería de Cultura e Turismo do Concello da Coruña e o apoio da Axencia Galega das Industrias Culturais da Xunta de Galicia (Agadic), a Deputación da Coruña, o Instituto de la Cinematografía y de las Artes Audiovisuales (ICAA), Acción Cultural Española (AC/E) e a Fundación Luis Seoane.





