JEANNE LIOTTA
PROGRAMA 2
Domus | Sábado 6 de xuño | 19:30 | Entrada libre a todas as sedes ata completar capacidade. Non será posible acceder ás salas unha vez empezada a proxección.
Moonplay (after Marie)
Jeanne Liotta | 2015 | Os Estados Unidos | Dixital | 1 min
A totalidade dunha eclipse lunar vista dende a miña azotea en Nova York o 27 de setembro de 2015. Igual que na sección «Moonplay» do precioso filme de Marie Menken Notebook (1963), aínda que esta película miña poida resultar demasiado pequena ou obvia como para a mencionar sequera, mais é tamén unha das miñas fillas favoritas.
(Jeanne Liotta)
Loretta
Jeanne Liotta | 2003 | Os Estados Unidos | 16 mm | 4 min
Un rayograma abstracto en movemento en forma de muller ou de aria. Que vive nun tempo sentido como de gran dramatismo, que se disolve no infinito. Unha manifestación dialéctica de fenómenos que se atopan en estado de mudanza, coma calquera outro filme.
(Jeanne Liotta)
«Encántame o que me deslumbra e que despois acentúa a escuridade que hai no meu interior.»
(René Char)
Blue Moon
Jeanne Liotta | 1988 | Os Estados Unidos | Super 8 a 16 mm | 3 min
Trauma lunar errático, erótico e arrítmico. Fortes texturas poéticas de experiencia psicosexual feminina, que alteran a superficie da película mediante un borrado e un raiado selectivos e un desacougante e potente traballo de edición. Este foi o primeirísimo filme que fixen para o Filmers Almanac de Owen O’Toole, proxecto colaborativo internacional inspirado a partes iguais no ciclo de películas Magellan, de Hollis Frampton, e na escena underground da música de casete. A cada unha das persoas colaboradoras solicitóuselles, como principio organizativo, que escollesen unha data concreta do calendario; idealmente, o proxecto estaría concluído ao chegarse aos 365 filmes. Eu elixín a data do 30 de maio de 1988, que foi a noite da lúa azul, e incluín imaxes tanto cotiás como emblemáticas que reflectisen as miñas obsesións daquela e as flutuacións da miña vida privada. Estarei sempre en débeda con Carolee Schneeman, cuxa vida e obra despexaron o espazo necesario para eu abordar as miñas.
(Jeanne Liotta)
Muktikara
Jeanne Liotta | 1999 | Os Estados Unidos | 16 mm | 12 min
O título, tomado do sánscrito, no cal significa «un ollar tenro trae a liberación», tamén é o nome da particular masa de auga que constitúe o tema das imaxes do filme. A paisaxe exterior como paisaxe interior, presente non de maneira inerte, senón apuntando a unha percepción activa; un ver e un ver no seo de algo.
(Jeanne Liotta)
«Coma se o meu ollo aínda estivese a medrar»
(Gerard Manley Hopkins)
Observando El Cielo
Jeanne Liotta | 2007 | Os Estados Unidos | 16 mm | 17 min
Sete anos de gravacións de campo celestes tomadas do caos do cosmos e rexistradas en película de 16 mm desde varios lugares, sobre o trípode xiratorio que é a Terra. Esta obra non é nin metáfora nin símbolo, senón un sentimento con respecto a un feito no medio da percepción, a través do cal transcorre o tempo. Un conxunto de gravacións de radio VLF natural da magnetosfera en acción permite que o universo fale por si mesmo.
Eclipse
Jeanne Liotta | 2006 | Os Estados Unidos | 16 mm | 3 min
O acontecemento que supuxo a eclipse lunar de novembro de 2003 obsérvase, documéntase e tradúcese polo medio sensible á luz que é a película Kodachrome. No s. IV a. e. c., Aristóteles fundou o Liceo, escola para o estudo de todos os fenómenos naturais, exercido sen a axuda das matemáticas, que se consideraban demasiado perfectas como para seren aplicadas a esta imperfecta esfera terrestre. A ollo e á man, logo, con aquel espírito.
(Jeanne Liotta)
Affect Theory
Jeanne Liotta | 2013 | Os Estados Unidos | Performance con dous proxectores de 16 mm | 10 min
Un complexo retrouso para dúas proxeccións en 16 mm en posicións de planetas e satélites, con variacións de Cole Porter.
(Jeanne Liotta)
JEANNE LIOTTA
DESCUBRINDO O UNIVERSO
Como se debeu de sentir no seu día Galileo Galilei cando perfeccionou o telescopio e foi quen de observar os corpos celestes? Catro séculos despois, todo o coñecemento científico acumulado non anula a impoñente sensación que pode dar a contemplación directa das estrelas, o que nos invade cando descubrimos o mundo experimentándoo directamente. Así o expresa Jeanne Liotta: «A descuberta acontece todo o tempo e pode ser persoal. Se eu descubro algo por min mesma…, segue a parecerme unha auténtica descuberta». E é así como o seu cinema, sexa cal sexa o tema que aborde, parte dunha observación atenta e demorada do seu obxecto de estudo, que logo se materializa en filmes que realmente activan esa sensación de descuberta en quen os ve.
Jeanne Liotta, neoiorquina, estudou teatro e somerxeuse a fondo na escena creativa do Nova York dos 80, na cal a colaboración, o «faino ti mesma» e a posibilidade de expresarse en calquera forma ou linguaxe artísticas eran algo fluído e aberto. Liotta tocou a batería nunha banda, foi modelo de debuxo ao natural, traballou en compañías teatrais como Gargoyle Mechanique e The Alchemical Theatre Company e mergullouse tamén na fotografía. De aquí foi chegando pouco a pouco ao cinema, ata completar o seu primeiro filme, Blue Moon (1988), que poderemos ver neste programa. E, se ben pasaron anos desde aquela, nos cales Liotta construíu unha extensa e prolífica carreira artística e tamén educativa, prevalece ese espírito de liberdade formal que a leva a traballar en instalacións, performances, colaxes e todo tipo de obras, sen límites. Malia que os filmes e performances que veremos neste programa se centran máis —pero non só— no lado «científico» da súa obra (que tamén abrangue investigacións como Climate Fictions (1–4) [2017-18], arredor dunha visión distópica do futuro climático da Terra), é importante sinalar que esta non é a única forma que tomaron os seus intereses e a súa observación do que a rodea, que tamén se moveu por rexistros máis documentais ou etnográficos en obras como Crosswalk (2010), ou partiu da poesía, como é o caso de filmes como Dark Enough (2011).
Transmitir unha descuberta non pasa necesariamente por filmala. Iso é o que aborda Liotta en Path of Totality (2017), performance que inaugura este ano a Mostra e que se centra en recrear a sensación dunha eclipse nunha sala de cinema sen usar ningunha imaxe fotográfica. O feixe de luz do proxector, intervido de distintas maneiras, é o que nos conduce á experiencia, e á toma de consciencia da nosa pequenez ante a inmensidade do cosmos e dos seus sucesos, que sacoden a Terra.
Conectando con Path of Totality e co tema desta edición (as eclipses), a segunda sesión ábrese cun pequeno filme, case un haiku (forma poética de que Liotta bebeu noutras das súas películas), titulado Moonplay (after Marie) (2015). Despois de empezarmos coa Lúa, baixamos á Terra, para tentar elucidar os efectos dos astros sobre o planeta e sobre os que o habitan. Primeiro intuímos unha forma humana en Loretta (2003). Realizado coa técnica do rayograma, o filme case se pode ver como unha intensa luz solar amarela que nos invade, e na cal se interpón a silueta escura dun corpo de muller, evocando así de novo unha eclipse. O corpo materialízase en Blue Moon (1988), película que parecería case un conxuro. O filme foi feito nun día de «lúa azul», que é un fenómeno astronómico pouco común: é cando hai unha segunda lúa chea dentro dun mesmo mes do calendario. Unha muller baixo o influxo desa lúa protagoniza este filme fragmentario, íntimo, en certo sentido «lunático», no cal vemos e ouvimos a auga e o seu fluxo, tamén movidos por fenómenos interplanetarios. A seguir, en Muktikara (1999) observamos unha gran masa de auga, un lago. No lago reflíctense o ceo, as nubes; na auga resplandece a luz dos astros. En determinado momento, o que está arriba e o que está abaixo confúndense; o punto de referencia xa non o dita a Terra, senón que esta se insire na orde relativa do universo. Só a gravidade nos indica ese «arriba e abaixo», mais realmente estamos sobre unha esfera que flota no espazo. O seguinte filme vai despegando o seu ollar da Terra para o dirixir á inmensidade. Observando El Cielo (2007), xa un clásico da historia do cinema experimental, precisamente xorde do sentimento de impresión que invadiu a Liotta ao contemplar o movemento do ceo nunha noite no campo. E son eses time lapses ultraterrenais da película os que nos confrontan co movemento do sistema solar. Un fenómeno que é ben coñecido, mais cuxa visión emociona e estremece coma se o pensásemos por vez primeira. O observatorio representa aquí a mirada científica, idea que Liotta recolle tamén en Eclipse (2006), só que evocando eses «filósofos da natureza» que nos tempos previos á fotografía rexistraban as súas descubertas debuxando e escribindo. Neste caso, o que Liotta toma da eclipse de 2003 é inscrito en película, no que é tamén unha investigación sobre unha fenda na historia da astronomía: a que hai entre o tempo en que estaba dominada pola xeometría e o cálculo, e a era posterior da observación empírica. Finaliza este programa, que tamén é parte da clausura do festival, coa performance Affect Theory (2013), unha dupla proxección que se ocupa das posicións dos planetas a base de metraxe atopada de películas educativas. Un último ollar ao universo, no cal a divulgación se converte en encantamento. A éxtase da descuberta ao noso alcance grazas á arte e, máis concretamente, grazas ao traballo de Jeanne Liotta.
Elena Duque
