SINAIS 3

Cantones Cine | Venres 5 de xuño | 17:00 | Entrada libre a todas as sedes ata completar capacidade. Non será posible acceder ás salas unha vez empezada a proxección.

Cascada
Raffaella Rosset | 2025 | España | Performance en 16 mm | 2 min

Con sorte, pódense ver arcos da vella ao pé dunha fervenza. Un río que cae libremente proxecta as súas propias imaxes. 

Hifas
Colectivo Avis Lumbre | 2025 | España | 16 mm | 4 min

Unha apertura na matriz, un círculo que se abre, múltiples visións afectadas por un mesmo campo, por unha cor. Un espazo intermedio, unha linguaxe primitiva anterior aos nomes. Dar a cada natureza de ser de obxecto un xeito de a filmar; estados do vivo na súa calidade transcendente. Unha coreografía orgánica e mecánica, conexión ceo-terra, subverter o arriba e o abaixo. Na cor, unha mensaxe. 

As hifas son os pequenos filamentos que compoñen o micelio, a parte vexetal dos fungos. Estas forman redes, producen impulsos eléctricos e crean padróns, que son a linguaxe con que os fungos se comunican entre si. A estrutura do filme parte desta linguaxe primitiva, combinando unha base matemática, numerolóxica e estrutural coa soltura da improvisación. Esta posibilidade dunha comunicación non verbal converteuse nun xogo de movementos e nunha conexión cun impulso máis enerxético, de presenza, observación, escoita e compasar de ritmos para unha visión común. 

Carta #10
Helena Estrela | 2026 | Portugal | 16 mm a dixital | 3 min

Carta de aniversario para un feitizo de amizade, conxurado á luz da lúa. 

Autodefinidos
Lucía del Valle Ramírez | 2025 | España | Super 8 a dixital | 3 min

Sur, onda, orar, ver, agarrar e logo comprar. A rentes. Na unión do río Mira co océano Atlántico. Sol, mosca, ou. Empeza como un xogo, usando a xeito de guión as verbas que van aparecendo no caderno de autodefinidos durante o verán. Logo ábrese. Aparecen unha mosca, un empardecer en Oia que xa foi, a paisaxe dun cadro que teño detrás. Un retrato de cando me movo e do acto de sinalar o sur. 

Aroma
Pablo Arenas | 2025 | España | 16 mm | 10 min

Un diálogo distante entre dúas figuras. O aire está a mudar; algo está a piques de suceder. É invisible, mais hai un olor. E pódese percibir en todas as superficies…

Kuñataĩ
Luis Lechosa | 2026 | España | Super 8 | 6 min

Da man tornada a outro paso, corta un ruído branco agora ovil. 

Cuxo suave canto non chega á paisaxe. Kuñataĩ.

Bang Bang Stefi!
Colectivo Super8eres (Natalia Lucía, Elena Maravillas, Meritxell Blanco, Antonia Cohen, Anna Molineros e Ramona Fernández) | 2025 | España | Super 8 a dixital | 7 min

Bang Bang Stefi! é un filme experimental en formato Super 8 que nos convida a emprender unha viaxe onírica onde realidade e ficción se disolven. Barcelona e o deserto deveñen en paisaxes intercambiables; figuras como un león, unhe cative e unhas loitadoras atravesan un mundo de paixón, xestos intuitivos e símbolos visuais que se mesturan entre o soño e a memoria. O filme parte da vontade de reinterpretar o xénero do western dende unha mirada feminista, simbólica e experimental. 

UNTIL WE MEET AGAIN
FLESH.WEBM | 2026 | España | Dixital | 6 min

No ano 1980 a Goombay Dance Band lanza a súa versión da canción hawaiana Aloha-Oe, Until We Meet Again. En 1989 Corea del Norte levou a cabo o Festival Mundial da Mocidade e dos Estudantes cun custo total de 4,5 billóns de dólares. O país encheuse de luces con padróns florais e faces estériles ao compás dunha temperá agrupación musical de Pochonbo a cantar unha cover de Brother Louie para mostrar unha imaxe de certo achegamento e entendemento con respecto a Occidente, mais cun resultado de alienación total. Aí acabaron os felices anos de luces, ombreiras e cores. En 1991 comeza o período de gran fame e completa desestabilización coñecido como a «marcha do sufrimento». Lonxe fica xa o presentar Pyongyang como unha cidade de luz que nunca dorme, enmarcada por padróns charramangueiros que son condensados en escenarios afastados da realidade. En 1995 (un dos peores anos da fame) realizouse unha serie de gravacións en que aparecían as bailadoras da agrupación de música lixeira e danza Wangjaesan a mostraren coreografías esaxeradas e sensualidade encuberta, mentres o réxime, alleo á crise, organizaba luxosos eventos para Kim Jong-il. Todo este despregamento era unha fachada: unha fantasía estética que ocultaba a dura realidade do país e un futuro inexistente. Todo iso vai ficar recuberto polas belas imaxes de fantasía presentes nos escenarios. 

Desayuno con Lara
Claudia de la Iglesia | 2025 | España | 16 mm | 4 min

Retrato en 16 mm de Lara durante un almorzo no seu cuarto. A partir dun audio de WhatsApp que ela me enviou, o filme traduce as súas palabras en materia: acuarelas pintadas directamente sobre o celuloide que encarnan o que sentimos. Un xesto de acompañamento mutuo, onde a imaxe tenta reter ese intre en que dúas persoas coinciden mentres pasan polo mesmo. 

El camino a casa
Ceci Romero | 2024 | España | Super 8 | 3 min

Ensaio poético sobre a idea de volver vivir no campo. Filmado en Super 8, a través da montaxe na cámara presta especial atención ao mínimo, que a miúdo pasa desapercibido, e trata de facer a volta para a casa máis amable. Mediante a animación e o texto formúlanse preguntas sobre o que significa ser humano e habitar o natural; a cidade tende a acabar cos animais que somos. 

El tuerto es el rey
Jorge Domingo | 2025 | España | 16 mm | 3 min

Unha película chosca en que o latente ten o mesmo valor ca o implícito. O visible ca o invisible, o concreto ca o oco, o mostrado ca o agochado. Un filme cun ollo en cada percepción, que se serve de ademáns narrativos como disparadores para a imaxinación. No país dos cegos, o chosco é o rei. 

OAO
Rocío Mesa | 2026 | España | 16 mm a dixital | 24 min

OAO é unha ópera cinematográfica en que a mezzosoprano Anna Wallace explora o trauma interxeracional, creando un feitizo para renacer a través do medio fílmico. 

SINAIS

O VISOR DA MENTE

Se hai algo que fai que a arte sexa emocionante é a súa capacidade para traducir a visión do mundo das persoas que o practican. A palabra latina imago significa «imaxe, retrato, sombra, pantasma», e dela vén imaxinación, que nos suxire a idea de «formar unha imaxe mental». A mente é un dominio pechado, privado, mais o cinema facilita que esas imaxes mentais poidan saír ao mundo e, xa que logo, á contemplación comunitaria. Do feixe de luz do proxector emerxen esas sombras, esas pantasmas, a imago mental. E é no cinema experimental onde realmente se lles pode dar libre curso: ao librarnos das constricións narrativas e de calquera regra predeterminada, é o medium perfecto para esta tarefa. 

A sección Sinais ofrece cada ano unha pantalla que funciona como visor da mente de todos eses seres imaxinantes de España, Galicia e Portugal que convocamos. Cada unha das tres sesións que propomos convida a unha viaxe diferente. 

O programa 1 está composto dunha serie de filmes que trazan unha visión e unha cartografía privadas de varias cidades, en todos os casos miradas por persoas que non son orixinarias delas. Quen vén de fóra trae unha bagaxe persoal e cultural que fai que a súa mirada se pouse sobre detalles non connotados, novos aos seus ollos. Béal, de Juana Robles (quen foi beneficiaria da última edición de BAICC), ensínanos diversos recantos dun barrio de Toronto cuxas imaxes son tinguidas polos (duros) testemuños de vida daqueles que o foron habitando. Claudia Claremi fai en Banana Plant unha delicada analoxía entre esa planta e unha parella de migrantes caribeños en América do Norte: esa clase de transplantes sempre vén cunhas condicións especiais. Esperanza Collado, no seu caso, lévanos a Taiwán en Formosa’s Paradox; hai un punto de estrañeza e fantasía nas imaxes e sons que Collado nos ofrece dese país que suxire esa mirada curiosa, allea, que casa coa paradoxal situación a que fai alusión o título: a dun Estado independente non recoñecido de maneira unánime. Pola súa banda, tocant la llum, de Valentina Alvarado Matos, redobra a estrañeza encantada permitindo que nos adentremos nunha comunidade india en Cataluña. Alvarado Matos, migrante en territorio catalán, observa dun modo particular unhas persoas coas cales comparte condición, mais dunha cultura diametralmente oposta. Mirar y aprovechar amósanos o xeito de procuraren o seu sitio en El Cabanyal, en Valencia, dúas persoas vidas de Cuba: Orisel Castro e York Neudel. A recolección de obxectos no Rastro convídanos a pensar que é o que se aproveita e que o que se desbota tamén en relación co propio cinema. Finalmente, o ecuatoriano Francisco Burneo fai en Vereda unha sorte de estudo formal e xeométrico da arquitectura de Madrid. Nesa figura de pezas que encaixan que nos presenta, nun momento dado hai cabida para o ser humano. Os fogares non son as casas, senón as persoas. 

Se o programa 1 nos leva polas ideas e sensacións proxectadas en distintas cidades por xente de fóra, o programa 2 preséntanos lugares, espazos, cuxas imaxes latexan delatando a existencia doutras capas subxacentes, quer lendarias, quer históricas, quer mesmo procesuais. Constant, Co-present, de Nicole Remy, remítenos a isto último: árbores de distintos puntos xeográficos filmadas cun método preciso que nos conduce á presenza intensa que invoca o acto de filmar, á súa concentración e á conexión co que se ve a través da cámara. En Rachar en dous Area Erina tamén bota man da paisaxe, que, mediante a figura dunha muller vestida de branco ás veces e outras de negro, parece simbolizar as dúas polaridades da alma. O procedemento animado de Erina reforza esa idea dos impulsos contraditorios e os sentimentos divididos irreconciliables mais en convivencia. Entrando nese mundo simbólico, Tiago Almança ofrécenos un rexistro sensorial e abstracto dun ritual dunha vila de Castela-A Mancha. Porén, Una dança non sancta non semella tanto un evento folclórico filmado coma a propia orixe do rito, as propias forzas sobrenaturais a danzaren ante os nosos ollos. Nesa procura do oculto, Catalina Giordano amósanos en Luz ígnea as pegadas invisibles da abadesa alemá Hildegard von Bingen nas ruínas do lugar que noutrora habitou. Sumímonos xa de todo nese dominio entre o mundo dos vivos e o dos mortos mediante a experimentación fotoquímica na segunda parte. Nese sentido, el agua disuelve su imagen, el paisaje desaparece, de Delfina Vázquez, aproveita esa calidade de estar entre dous mundos que ten a película deteriorada polo paso do tempo. As imaxes viradas a maxenta vanse inundando da «choiva» das raias e rabuñaduras da emulsión nunha sensible metáfora. No caso de Mirar el agua, de Cristina Souto Pita, adentrámonos nas augas dun encoro e nos seus paradoxos: dende a beleza dos momentos de baño e pracer ata o que fixo falta para ese lugar existir, que é a violencia somerxida baixo a superficie cristalina e apracible. Esa silenciosa carga da paisaxe emerxe tamén en A Pena, de Iria Silvosa. Os megálitos, a súa función ritual e máxica, a calidade inmutable da pedra e como encapsulan en si o tempo e a memoria propios daqueles que só coñeceremos pola súa imaxe e que só é posible imaxinar. Facéndonos ver tamén máis do evidente, Blanca García lévanos en dashed in here, seeing you green pola súa imaxe mental dun fragmento de As ondas, de Virginia Woolf, construído a través da luz, as sombras, os reflexos, as texturas e as formas das cousas mínimas que a rodean. Nese acto de ver con coidado o aparentemente intranscendente está así mesmo Poco a poco, de Álvaro Feldman. Un rexistro diarístico de momentos, algúns cotiáns, outros excepcionais, que porta en si unha carga emocional palpable, e mesmo certa melancolía do efémero. Nesas miradas cotiás está tamén o que cada persoa ve pola súa fiestra. En Li’s Fenster, de Antonio Trullén, apréciase como o inamovible se move, e como o paso do tempo o denotan as mudanzas dunha vista que sempre é a mesma e nunca o é. Se Li’s Fenster mira para fóra dunha casa, Destellos, de Emiliano Reyes, é un rexistro alucinado do que pasa nela. A través dun intricado proceso de filmación cadro a cadro de zonas de luz e sombra, a casa de Reyes parece ter vida propia, unha vida que comparte coa da familia que a habita, para a cal tamén hai un espazo. 

Despois deste programa 2, que trata de mirar alén do evidente, das capas que hai detrás de cada imaxe, no programa 3 movémonos cara á fantasía que colorea de maneira directa o que se filma, quer mediante postas en escena, quer mediante dispositivos, quer mediante fabulacións varias. Abre a sesión Cascada, de Raffaella Rosset, co baño de cor da luz descomposta (en directo) en todo o seu espectro cromático. O comezo «mayadereniano» de Hifas, do colectivo Avis Lumbre, é o sinal de partida dun xogo de creación colectiva en que o medio de comunicación entre os seus participantes parecen ser os reflexos luminosos e a intuición. A comunicación cun destinatario concreto é, así mesmo, o motor de Carta #10, de Helena Estrela, que funciona tamén como caderno de apuntamentos mínimos e como aproximación imaxinativa e lúdica ás posibilidades da combinatoria de imaxes e sons. Autodefinidos, de Lucía del Valle Ramírez, é outra obra que leva en si o ton enigmático de ser unha linguaxe en clave compartida cunha persoa afín, expresada co xogo das respostas visuais ao enigma do autodefinido. Aroma, de Pablo Arenas, formula unha ficción abstracta e mínima a través da interacción de dúas figuras e da sinestesia subxacente nas súas imaxes, evocadoras do tacto e do olfacto. Kuñataĩ, de Luis Lechosa, presenta, pola súa banda, como domar un cabalo, mais ese xesto amansador parece ser máis ben o de o transformar, primeiro por medio do cinema e logo da pintura, en representación. Bang Bang Stefi!, do colectivo Super8eres (composto por Natalia Lucía, Elena Maravillas, Meritxell Blanco, Antonia Cohen, Anna Molineros e Ramona Fernández) establece tamén un diálogo de ida e volta co cinema de ficción, neste caso cos filmes do oeste: como transformar o cotián en western, como tornar o xénero cinematográfico da masculinidade nun filme feminista? Esa idea de representación percorre tamén o último traballo de FLESH.WEBM, UNTIL WE MEET AGAIN, feito con metraxe atopada de Corea do Norte. Performar o brillo e a fantasía no medio do maior caos social converte este filme nunha crítica que volve, así mesmo, o seu ollar á nosa sociedade capitalista. A acción de colorear a realidade tórnase practicamente literal en Desayuno con Lara, de Claudia de la Iglesia. A intimidade do retrato dunha amiga e o ton confesional da súa voz vénse arroupados pola intervención física da artista a colorear a película. Un xesto de proximidade e amizade. Nesa intimidade caseira móvense El camino a casa, de Ceci Romero, e El tuerto es el rey, de Jorge Domingo. No caso de Romero, trocando o real polo extraordinario a través dos xogos de espellos, o texto e a animación stop motion. E, no caso de Domingo, o que acontece nun cuarto fragméntase en distintos cadros e retallos que fixan ou dispersan o ollar, funden tempos distintos e condensan a vida vivida nun espazo. Finalmente, en OAO, Rocío Mesa fai un retrato da súa amiga Annie Wallace que é unha sorte de ritual de sandar por medio da cor, do movemento e de distintas postas en escena. O surrealismo e a fantasía fan virar un pasado difícil cara a unha caleidoscópica nova realidade que a libera e, de paso, tamén nos sanda a nós. 

Elena Duque