SINAIS LATINOAMÉRICA
Cantones Cine | Sábado 6 de xuño | 13:00 | Entrada libre a todas as sedes ata completar capacidade. Non será posible acceder ás salas unha vez empezada a proxección.
Meu Amigo Pedro Mixtape
Lincoln Péricles | 2023 | O Brasil | Dixital | 9 min
O realizador Lincoln Péricles (LK) revisita lembranzas gravadas dende as primeiras cámaras e micrófonos aos que tivo acceso, construíndo un filme en formato rap mixtape, mesturando sons e imaxes do cinema brasileiro e desnaturalizando imaxes de traballo.
(Lincoln Péricles)
Pompa y circunstancia
Daniela Delgado Viteri | 2026 | Ecuador, España | 16 mm e 8 mm a dixital | 11 min
Neste país o sol cae a noventa graos e sen piedade: non che deixa proxectar sombra nin mirar para o ceo. A cousa xa nos ten medio fartas. Daquela, con estes corpos que semellan cativos, pegados ao chan, e a mirada obrigada a manterse baixa, igual xa vai sendo hora de lle facer fronte a tanto exceso de luz.
(Daniela Delgado Viteri)
Trizas
Luciana Decker | 2026 | Bolivia | 16 mm a dixital | 15 min
A colección de arte boliviano do Museo Británico, a colección de xoias do Museo Vitoria e Alberto e unha colección privada de arte latinoamericana en Londres: nestas tres localizacións aparecen ante nós figuras antropomórficas, colares exuberantes, pinturas modernas. Lonxe do seu lugar de orixe, esta curtametraxe preséntaos como suspendidos no aire e envoltos nunha aura de tenra solemnidade. As consideracións sobre a dispersión destas obras convidan a un diálogo entre os dous extremos que parece querer redefinir a escala con que percibimos a distancia transatlántica.
(Camilo Falla)
Amor
Javiera Cisterna | 2025 | Chile | Dixital | 8 min
O sol deu relevo e as paisaxes reveláronse dende o texto e o papel cara ao movemento. Este é un percorrido por palabras atopadas que enuncian unha descuberta. As súas texturas constrúen o mar e as ondas nunha bitácora da primeira exploración, do primeiro paso sobre a area cara á beiramar. Amor escribe esta ledicia para a recalcar nun tempo capturado no papel. Esta película foi composta a través da exploración cun escáner e é o primeiro capítulo da serie Reír al sol.
(Javiera Cisterna)
Lima
Biviana Chauchi | 2026 | Perú, España | Super 8 a dixital | 4 min
Lima travesa, Lima indómita.
Lima brumosa, Lima decorosa.
Lima ferida, Lima querida.
(Biviana Chauchi)
Nada fuera de la isla: puentes
Dalissa Montes de Oca | 2024 | A República Dominicana | 16 mm a dixital | 15 min
Lembranzas e visións fragmentadas atopan un fogar na luz e nas sombras, a teceren a fenda entre o pasado, o presente e a perda dunha nai.
(Dalissa Montes de Oca)
SINAIS LATINOAMÉRICA
INSISTIR NOS AFECTOS
Por veces xorde esa pregunta, se é que o cinema pode salvarnos un pouco. Procuro respostas, e decido crer que os filmes son portais de lugares, persoas, memorias, desexos, luz, movemento, son, poesía. Grazas a eles, créanse intersticios en que cada unhe procesa a experiencia no seu interior, ao tempo que roza ombro a ombro con outres. Algunha vez teño sentido que era necesario aceptar que o cinema non serve para nada, que acaso era preciso quitarlle esa carga, que o cinema non vai cambiar o mundo. Pois si, e logo que ou quen pode cambiar este mundo? Non quero adentrarme na desesperanza, mais si quero achegarme ao vital. Quero achegarme á auga, ao vento, ás bágoas e risas; quero practicar a escoita activa, quero crer que os filmes abren en nós canles para un movemento interno e externo, que os filmes resoan en comunidade. Quero afirmar que os filmes son acompañamentos afectivos en tempos que precisan unha insistencia na humanidade.
O programa de Sinais América Latina deste ano é unha canastra de acordanzas que nos iluminan dende o afecto, apelando ao que Jonathan Schwartz denominaba como «lembranzas sensoriais», que son aquelas sensacións inconscientes do estarmos nun lugar e que por veces se esvaen coa distancia, o pasar do tempo e a vida, mais que retornan a nós como reminiscencias ou déjà vu cando unhe volve experimentalo. Schwartz propono como «un xeito de reescribir lembranzas tras un longo período de tempo». No seu conxunto, os filmes seleccionados cóllennos da man e lévannos por relacións afectivas a través de lembranzas sensoriais de urbes latinoamericanas, do mar, do sol, dunha casa familiar e de fragmentos materiais de América Latina en museos e coleccións europeos.
O tren é un símbolo de progreso, de industrialización, e é parte da historia fundacional do cinema. Unha estación de metro: Capão Redondo, na cidade de São Paulo (O Brasil). Unha estación de metro cotiá do cineasta Lincoln Péricles, quen reuniu unha serie de imaxes e sons que son os primeiros rexistros que realizou cando tivo acceso a cámaras e micrófonos. Meu Amigo Pedro Mixtape convértese nunha aproximación á orixe do cinema nel, pensando a orixe e o sentido do cinema en si. Abandonamos o tren dos irmáns Lumière e subimos ao metro de São Paulo ata Capão Redondo, na periferia dunha cidade latinoamericana. O renxedor poema Trem sujo da Leopoldina, do poeta afrobrasileiro Solano Trindade, móvenos nun ritmo no tren que carga espíritos con fame e que son silenciados polo mesmo tren do progreso. As imaxes que o cineasta comparte connosco pertencen ao seu ámbito persoal, á súa comunidade; son imaxes de ledicia, de momentos da vida diaria, de celebracións colectivas; son cápsulas de fortaleza e de resistencia, a ritmo de mixtape.
O mediodía nalgúns lugares é o momento en que toca fuxir do sol. En que as forzas solares traspasan a cotiandade e urxe abeirarse na sombra. Na costa ecuatoriana, o sol pode irradiar tan a 90 graos que non existe a sombra, que o descanso ante a súa forza queda extinto, e, malia iso, a vida cotiá ten que continuar. Daniela Delgado Viteri observa con moito afecto aqueles sinais de sombra que se presentan como actos de xustiza nun contexto en que a sombra é un privilexio. Afastándose dun culto ao sol, en Pompa y circunstancia, a través da súa mirada, colecciona acenos cotiáns aos cales lles fai fronte. Unha muller recita en forma de décima esta relación solar, recita resistencia e memoria. As imaxes teñen unha cor cobreada que evoca o momento do ocaso, un momento de respiro e de liberación. Delgado Viteri constrúe unha poética das sombras, do barrio e da poesía popular, dende un lugar de afecto e homenaxe.
Nas huacas —monumentos, lugares sagrados, prehispánicos— pódense atopar fragmentos ou cachizas de cerámicas precolombinas, as cales eran entregadas como ofrendas. Na cultura ichma de Lima, por exemplo, os artistas rompían as súas cerámicas como ofrenda para a huaca, para lle entregar a súa arte e o seu traballo. En Trizas a cineasta Luciana Decker visita coleccións no Museo Británico, no Museo Vitoria e Alberto e nunha colección privada, nos cales se atopa con fragmentos ou cachizas de cerámicas precolombianas, alfaias realizadas a partir de prata extraída nos Andes e obras de arte latinoamericana que adornan cuartos de luxo. A modo de diario, a cineasta retrata o seu proceso cunha compaña afectiva a distancia, grazas aos medios dixitais; ao mesmo tempo, comparte as cartas que un explorador lle enviou á súa parella tamén cando exploraba territorios. Ante a dificultade de reparar a extirpación destes materiais, a cineasta decide relacionarse de maneira afectiva, mediante unha comunicación háptica a través da cámara e das súas mans, co xesto de acariciar os vestixios da violencia e de recoñecer a súa historia. Ao mesmo tempo propón unha cuestión clave: como esta colonización epistemolóxica se continúa perpetuando na contemporaneidade? O rastrexo coa súa cámara de cuartos de luxo, onde se atopan obras de arte latinoamericanas, toca feridas persistentes e neste proceso a cineasta acode aos seus afectos e á súa vida íntima como abeiro.
A linguaxe empézase a crebar, tal vez cando resulta insuficiente ou talvez cando existe a dificultade de comunicar; como traducir a experiencia do mar en palabras?, como describir o ritmo das ondas, o sal, a area, o aroma da marea, o golpe no corpo, o arrastre e a empuxada? En Amor, de Javiera Cisterna, a experimentación coa palabra e cun escáner son a consecuencia poética dunha mitoloxía que a cineasta crea a partir do papel, o texto, o sol e o mar. Esta experimentación recorda o letrismo polo seu achegamento sonoro á linguaxe, esa ruptura das palabras para indagar nunha sensación, nun alén do significado. A materialidade do papel e a súa experimentación dixital como posibilidades evocativas. Existe a linguaxe para describir a nostalxia polo mar? Cisterna demostra mestría na experimentación dixital coa imaxe, dende un proceso artesanal da intervención do papel nun escáner: deste xeito evócase un movemento durante o proceso de dixitalización e no momento da montaxe, inspirado no devir dunha corrente incesante do Pacífico, que decanta e succiona sen piedade.
Nalgunhas cidades, o espazo non alcanza, o urbano non ten unha planificación digna para todes, o cal reflicte desigualdades e corrupción. En Lima, de Biviana Chauchi, a cineasta explora un movemento circular que lembra as exploracións de Claudio Caldini no seu filme Gamelan (1981), co cal as paisaxes se abstraen e nos embarcamos nun movemento circular de manchas de luz e sombras. É así como Chauchi nos incita cara a unha paisaxe interior, unha paisaxe emocional, aínda que o son nos mantén ancorades ao contexto, ao popularmente coñecido como centro de Lima, un dos sectores con maior percorrido cotián de transeúntes, comerciantes, turistas, de persoas do común na capital. A abstracción do tumulto e a perda de dirección interveñen a temporalidade do momento e, pese a que o son nos insiste nun presente, o filme séntese como unha inevitable nostalxia que se quere achegar a unha ferida, a unha desigualdade e a un caos que son reflexo dun estado inestable das cousas. Ouvimos que a acompañante de Chauchi sufriu o roubo do seu móbil mentres filmaban. A decisión de deixar este suceso como parte da película transmítenos esa dimensión da realidade, a pesar da nostalxia e a pesar da beleza do cinema.
O dó e a memoria do invisible, do que xa non está, pódense vivir de xeito individual e de xeito colectivo, percórrense cos anos e reflíctense nun. En Nada fuera de la isla: puentes, a cineasta Dalissa Montes de Oca convídanos a un desprazamento temporal cara á memoria da súa nai a través das voces de mulleres maiores da súa familia e a través do territorio. Créase a sensación dun retorno, dunha viaxe, dun tránsito que cruza corpos de persoas próximas, no cal as siluetas traspasan corpos celestes e paisaxes, ou no cal o ceo e as árbores os atravesan a eles. Cunha gran sensibilidade, a superposición de imaxes outorga maiores significados poéticos e a memoria convértese nunha ocasión de honrar dende o afecto. Os nenos xogan, o día pasa, a calma de escoitar atentamente e de observar como o lugar e a súa xente falan, como presenzas invisibles seguen a habitarnos. O dó segue presente, dende xeracións maiores que comparten as súas lembranzas e que encarnan a aqueles que xa non están. Nun momento do filme a relixión católica é presentada como unha alternativa para o dó por parte dunha das mulleres da súa familia; porén, ao longo de todo o filme sentimos a espiritualidade e o dó alén das prácticas relixiosas tradicionais. Montes de Oca comparte connosco unha homenaxe persoal á memoria da súa nai no cal a imaxe flúe e transita como luz que traspasa afectos.
Ivonne Sheen Mogollón
