GUILLERMO BRAGA
DESCUBRO EL RAYO, TUS OJOS TIEMBLAN
DESBORDAMIENTOS
Fundación Luis Seoane | Xoves 4 de xuño | 23:30 horas | Entrada libre a todas as sedes ata completar capacidade. Non será posible acceder ás salas unha vez empezada a proxección.
Entre a fotografía e o cinema experimental, Descubro el rayo, tus ojos tiemblan explora novas posibilidades arredor da luz: non só como fonte de iluminación, senón tamén como principio capaz de transformar a imaxe e os sentidos do espectador. Dende esta premisa, a obra reúne unha serie de filmacións en que os rostros de oito actores son sometidos á intensidade cegadora e intermitente dunha luz estroboscópica, manipulada en directo polo propio artista.
A peza trata de levar ao límite ese proceso mediante a iluminación pulsatoria que anima os rostros, facéndoos oscilar entre a presenza e a desaparición. Só accedemos a eles a través dese escintileo que revela e escurece: un mecanismo que sitúa o actor no bordo da súa percepción e arrastra o espectador cara a ese mesmo límite, mediado por unha pantalla desbordada pola imaxe e o son.
(Guillermo Braga)
Descubro el rayo, tus ojos tiemblan
Guillermo Braga | 2026 | España | Performance, dous proxectores de 16 mm modificados, luces estroboscópicas, son | 28 min
