Tânia Dinis, Paola Guzmán Figueroa e Beatriz Freire presentan as súas film performance na velada de Desbordamientos do venres 5 de xuño no patio da Fundación Luis Seoane.
O resto de propostas de cinema expandido da XVII edición da Mostra son o xoves 4, con Desbordamientos Sinais, e o sábado 6, cunha clausura irrepetíbel a cargo de John Porter, o rei do Super 8.

Os Desbordamientos celébranse no patio da Fundación Luis Seoane. Na imaxe, Morada aberta: onde o gesto cura (2025) de Tânia Dinis.
Na XVII edición do (S8), a mirada feminista e a transmisión do legado cultural entre mulleres ten unha importante presenza. A elo dedicamos integramente a velada de Desbordamientos do venres, con tres pezas performativas a cargo de Tânia Dinis, Paola Guzmán Figueroa e Beatriz Freire. Durante un tempo fugaz, as cineastas transformarán o patio da Fundación Luis Seoane nun universo cheo de profundidade e texturas, cunha superposición de pantallas, a intervención de dispositivos e a súa propia interacción durante a proxección.
TÂNIA DINIS, GARDIÁS DO SABER
A medio camiño entre o documental e a ficción, en Morada Aberta: Onde o Gesto Cura (2025), a portuguesa Tânia Dinis analiza a enfermidade e a curación no imaxinario popular, entendendo a curación no só como rito ou palabra, senón tamén como xesto, traballo, clase, cultivo e relación íntima coa natureza. Detense en prácticas que atravesan xeracións, acompañando o día a día de mulleres gardiás de saberes ancestrais ligados á terra, ao mar e aos ciclos naturais, xestos invisíbeis que sosteñen comunidades e manteñen vivas formas de coñecemento non oficializadas.
A obra —que ten no (S8) a súa estrea internacional—, estrutúrase en tres momentos que atravesan diferentes épocas, atmosferas e modos de presenza. Empregando diversas linguaxes e espazos, Dinis combina proxeccións de vídeo dixital e analóxico con técnicas de cinema expandido, compoñendo imaxes en tempo real e facendo de cada proxección un evento único.



Tânia Dinis, Morada aberta: onde o gesto cura (2025).
PAOLA GUZMÁN FIGUEROA, O ENREDO NA MEMORIA
O traballo da artista colombiana Paola Guzmán Figueroa móvese nos territorios da memoria interxeracional e as narrativas feministas, tomando experiencias persoais e colectivas para reflexionar en torno á identidade, a transculturalidade e o corpo como arquivo. En Trazos xeracionais (2025) propón unha experiencia inmersiva que explora a natureza ritualista da memoria, os coidados e a migración a través de catro xeracións de mulleres da súa familia.
Empregando tres proxectores de 16 mm e unha peza sonora creada polo artista finés Theo af Enehielm, a cineasta enrédase literalmente na película producindo fotogramas co seu propio pelo. Así vai construíndo estudos abstractos que intercala con documentación performativa da súa familia e vías de auga filmadas como conexión, representando os océanos dos seus desprazamentos e migracións. É a primeira vez que esta obra pode verse en España.



Paola Guzmán Figueroa, Trazos Generacionales (2025).
BEATRIZ FREIRE, CINE TECIDO
Beatriz Freire escolle o (S8) para a estrea mundial de A texture map of Monnegre River (2026), na que a proxección dunha película «tecida» é acompañada en directo pola artista traballando no seu tear. A orixe da peza foi un proxecto de investigación artística desta artista portuguesa desenvolto en torno ao río Monnegre, en Alicante. Nela propón unha tradución visual da notación téxtil, empregando códigos de tecedura como guión de rodaxe, onde cada fotograma corresponde a un cruce de trama e urda.
Este experimento fílmico-téxtil é a primeira film performance que Freire presenta no (S8), onde xa tivera ocasión de proxectar outras das súas pezas na sección Sinais. Tamén ten estado antes no festival Tânia Dinis, sendo a primeira visita á Mostra para Paola Guzmán. As tres forman parte dunha xeración de xoves artistas visuais que están transformando a escena de vangarda cinematográfica cunha mirada feminista e a aposta decidida pola creación performativa en formato analóxico.



Beatriz Freire, A Texture Map of Monnegre River (2026).
TRES NOITES DE DESBORDAMIENTOS
As noites de Desbordamientos son, sen dúbida, un dos grandes atractivos do (S8) con tres citas consecutivas, todas elas ás 23.30 horas na Fundación Luis Seoane. Comezarán o xoves 4 de xuño con Desbordamientos Sinais, coas pezas performativas creadas en España: Niño monaguillo y sus pecados (2024), do galego Pablo Agma; Descubro el rayo, tus ojos tiemblan (2026), de Guillermo Braga; e a proposta sonora e visual de Los Caballos de Düsseldorf (LCDD) que sonorizarán en directo a súa película Fifty, fifty (2025).
A última cita de Desbordamientos será o sábado 6 de xuño cunha sesión de clausura do festival a cargo de John Porter, quen presentará algunhas das súas aclamadas film performances, como Scanning 8 (2016) ou Shootout with Rebeca (1983). A presenza no (S8) do cineasta canadense —considerado o rei do Super 8— é todo un acontecemento e será unha oportunidade irrepetíbel, xa que as súas películas non están dixitalizadas e mesmo cualifica esta viaxe como a súa despedida da escena internacional.

Shootout with Rebeca (1983), John Porter.
A Mostra de Cinema Periférico celébrate entre o 2 e 7 de xuño de 2026 na Coruña. Está organizada pola Asociación Cultural eSe8 e conta co patrocinio da Concellería de Cultura e Turismo do Concello da Coruña e o apoio da Axencia Galega das Industrias Culturais da Xunta de Galicia (Agadic), a Deputación da Coruña, o Instituto de la Cinematografía en das Artes Audiovisuales (ICAA), Acción Cultural Española (AC/E) e a Fundación Luis Seoane.





