AS ECLIPSES PROTAGONIZAN A IMAXE DA XVII EDICIÓN DO (S8) E MAIS A SÚA SESIÓN INAUGURAL, CUN PROGRAMA DOBRE

Mai 18, 2026 | Destacados, Novas

Na XVII edición da Mostra Internacional de Cinema Periférico da Coruña haberá 161 proxeccións con 8 film performancese a participación de 80 artistas e profesionais de todo o mundo.

A sesión inaugural inclúe o programa «O obturador cósmico» dedicado ao firmamento e unha orixinal proposta de Jeanne Liotta, quen creará unha eclipse cinematográfica.

Marcos Pérez, Bettina Kohlhaas, Carmen Jiménez, Avia Veira, Gonzalo Castro, Ángel Rueda, Dolores Meijomín e Ana Domínguez, na presentación da imaxe do (S8) na Domus | FOTOS: Andrea R. e A. Morandeira

A primeira semana de xuño de 2026, A Coruña volverá ser a capital internacional do cine de vangarda coa celebración da XVII edición do (S8) Mostra de Cinema Periférico, que este ano dedica a súa imaxe e sesión inaugural ás eclipses. Sendo esta cidade un dos mellores lugares do mundo para observar a eclipse solar deste ano, o (S8) quere celebrar esta oportunidade única incluíndo ao cine nesta conversa global sobre a luz e a contemplación, algo inherente á experiencia cinematográfica. O festival acontecerá entre o 2 e o 7 de xuño en cinco sedes: a Filmoteca de Galicia, Cantones Cines, a Domus, a Fundación Luis Seoane e a Atalaya.

A imaxe da Mostra deste ano é unha referencia simbólica ao fenómeno da eclipse, con dous animais inspirados nas formas que se crean no firmamento unindo estrelas, neste caso, representando ao Sol e á Lúa nunha danza na que se ocultan e se perseguen. Ese fenómeno é o que que o fotógrafo José Sellier —asentado na Coruña e pioneiro do cine en España— inmortalizou en Galicia nunha secuencia de doce fotografías que recollen a eclipse total de Sol de 1912. Foron realizadas cunha clara vocación cinemática e formarán parte tamén da imaxe do festival.

Ás eclipses dedicarase, ademais, a sesión de apertura da Mostra e cunha proposta dobre. O (S8) abrirá na Filmoteca de Galicia co programa «O obturador cósmico», que inclúe películas desde 1907 a 2019 de cineastas como Larry Jordan, Georges Méliès ou Bill Morrison, unha viaxe a través das diferentes miradas da experiencia de vivir unha eclipse. A continuación, na Domus, a cineasta estadounidense Jeanne Liotta invitará a imaxinar unha eclipse propia, coa súa obra Path of Totality, unha film performance que emula unha eclipse a partir da manipulación en vivo de diferentes dispositivos cinematográficos.

A imaxe do (S8) desta edición inspírase nos eclipses.

PRESENTACIÓN NA CORUÑA

A primeira en tomar a palabra foi Inmaculada Ballesteros, quen por videoconferencia desde Madrid anunciou a apertura do prazo de presentación de proxectos para as residencias artísticas BAICC 2026/27, promovidas polo (S8) co apoio de Acción Cultural Española (AC/E) e o Liaison of Independent Filmmakers of Toronto (LIFT). Ballesteros destacou a calidade e cantidade de propostas que chegan cada ano, o que demostra «que o cinema analóxico e a creación artística no noso país están nun dos seus mellores momentos».

Gonzalo Castro | Dolores Meijomín

Inmaculada Ballesteros | Avia Veira

Avia Veira, en representación da Deputación da Coruña, celebrou a temática das eclipses pola fascinación que teñen provocado a todas as civilizacións. «As incógnitas son a mellor materia para facer arte e este fenómeno é unha fermosa ponte entre a ciencia e a creación», subliñou a deputada.

En representación da Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC), a súa coordinadora de política audiovisual, Dolores Meijomín, sinalou a excelencia da proposta do (S8) e «a importante presenza no festival de cineastas de Galicia, que non aparecen de forma illada, senón convivindo con propostas de todo o territorio español, Portugal e América Latina».

Ángel Rueda, codirector do (S8), amosou unha animación realizada polo festival da secuencia de fotografías tomadas por Sellier durante a eclipse de 1912, a cal presentou como unha homenaxe «a ese regalo do fotógrafo pioneiro que conecta co espírito deste festival e nos fai reflexionar sobre como os ceos tal vez foran a primeira pantalla de cine da humanidade».

Despois de facer un repaso pola programación da Mostra, Rueda explicou que se está a vivir unha auténtica revolución analóxica, como demostra o programa Sinais, no que teñen cabida «as xeografías periféricas, onde as cineastas novas abrazan os formatos analóxicos».

Gonzalo Castro, concelleiro de Cultura e Turismo do Concello da Coruña, patrocinador principal do festival, destacou que o (S8) é un proxecto referencial da cidade «esencialmente transformador e con dimensión social que é a única maneira de entender a cultura». Castro valorou tamén que a Mostra achega a arte a todos os públicos «sen renunciar á excelencia, tanto no contido como nos protagonistas da programación».

Gonzalo Castro, concelleiro de Cultura e Turismo do Concello da Coruña, patrocinador principal do festival, destacou que o (S8) é un proxecto referencial da cidade «esencialmente transformador e con dimensión social que é a única maneira de entender a cultura». Castro valorou tamén que a Mostra achega a arte a todos os públicos «sen renunciar á excelencia, tanto no contido como nos protagonistas da programación».

O (S8) en cifras:

  • Número de obras que se van proxectar: 161
  • Cineastas participantes: 88
  • Procedencia das películas: (16 países) Galicia, España, Portugal, Chile, Brasil, Bolivia, EE.UU.., México, Perú, Austria, Francia, Venezuela, Argentina, Canadá, Colombia, Ecuador, República Dominicana.
  • Estreas mundiais: 35. 
  • Pezas de autoría galega: 20
  • Film performances: 8
  • Convidados/as Máis de 80 persoas, entre cineastas, profesionais, estudantes de Belas Artes e prensa especializada.
  • 5 sedes: Filmoteca de Galicia, Cantones Cines, Domus, Fundación Luis Seoane e Atalaya.
  • Actividades paralelas: 3 formativas e 2 profesionais.
  • Alumnado participante nas proxecciones educativas: preto de 400 alumnas/os de 7 centros educativos da cidade da Coruña e 1 de Carballo.

ABERTA A CONVOCATORIA BAICC

A presentación da programación do (S8) na Domus comezou co anuncio de apertura do prazo de presentación de proxectos candidatos para as residencias artísticas BAICC 2026/27. Este programa está promovido polo (S8) e Acción Cultural Española (AC/E) en colaboración co LIFT, o Liaison of Independent Filmmakers of Toronto. BAICC é a única residencia internacional de creación cinematográfica en funcionamento en España desde 2017 e este ano cumpre a súa décima edición.

O obxectivo destas residencias é impulsar un cine máis artístico e autoral, que abra novas vías, brindando a posibilidade a un cineasta de orixe español ou residente en España de desenvolver un proxecto nun entorno internacional exclusivo. O traballo resultante sempre ten a súa estrea na seguinte edición do (S8), para despois continuar o seu percorrido por festivais e centros de arte de todo o mundo. Este pasado ano, ademáis, algunhas obras BAICC protagonizaron unha xira internacional que levou a varios cineastas a presentar as súas películas en Canadá. Ese BAICC on the road foi apoiado por Acción Cultural Español AC/E, o LIFT, a Agencia Española de Cooperación Internacional para el Desarrollo AECID e a Embaixada de España en Canadá.

A Mostra de Cinema Periférico está organizada pola Asociación Cultural eSe8 e conta co patrocinio da Concellería de Cultura e Turismo do Concello da Coruña e o apoio da Axencia Galega das Industrias Culturais da Xunta de Galicia (Agadic), a Deputación da Coruña, o Instituto de la Cinematografía en das Artes Audiovisuales (ICAA), Acción Cultural Española (AC/E) e a Fundación Luis Seoane.