Charlotte Pryce. Alquimia en movimento

Xuñ 9, 2019 | Entrevistas


Pintura e historia natural
Cando comecei a facer arte estaba interesada sobre todo na pintura. Pero decateime de que era un medio demasiado estático para min, que, dalgún xeito, o resultado final non reflectía realmente todos os procesos de pensamento que estaban a ocorrer na miña mente, no meu mundo. O meu referente era Borges, acadar algo como o que el facía na súa faceta de escritor: eso era o que me fascinaba realmente, algo que mesturase elementos de ficción, de observación, referencias a outras obras de arte… E para min, en xeral, iso é o que sempre representara o cinema, o que sempre me fixera sentir: para min é como soñar esperta. E, dalgún modo, é algo no que flotaban tamén referencias a outras características da arte, da pintura, ou tamén da literatura, que eu tiña presentes. Estas referencias son como as cores dos meus pensamentos, que eu tento destilar ou sintetizar. Aínda que a xente non ten por que estar interesada en que eu teña todas estas referencias, o certo é que para min son moi importantes, é importante ter conseguido transmitilas no meu traballo e expoñelas ao mundo, como en The Fall of Icarus, que é unha pintura de Brueghel que sempre me fascinou. E ter feito un filme sobre ela, utilizar imaxes da historia natural para facelo, como esas imaxes dun saltón que parece que está en voo pero ao mesmo tempo parece que está caendo… faime sentir que esa imaxe está, dalgunha maneira, arredor, presente na vida que me rodea. E que fai que me pregunte: cal o sentido deste ser que ten unha ambición, que tenta vivir máis alá… quizáis máis alá do cotián? Polo menos eu non o entendín como algo catastrófico, como a consecuencia dunha ambición mal levada… senón máis ben como un intento de buscar, digamos, algo máis na vida. E quizáis iso era o que eu estaba tentando facer como artista: dar ese salto… e quizáis ao final dar cos fociños no chan [risas]. Pero si, quizáis é un exemplo do que eu cría que significaba esa pintura, que para min é algo que queda reflectido en algo moi… moi cotián, como o voo truncado dun saltón.
A alquimia
A idea de que existe unha imaxe oculta, esa imaxe latente do proceso fotográfico é algo que sempre me pareceu máxico e que, ao mesmo tempo, é algo en parte científico. E penso que son esas partes máis lúdicas do xogo cos materiais as que me levaron a unha especie de comunión cos primeiros alquimsitas. Tentar conseguir algo xogando, explorando, para despois sintetizar todos eses pensamentos que viven en min para convertilos en algo… en algo máis, o quizáis en algo especial. E ese foi o meu principal interese. Ademáis, mergulleime tamén na miña fascinación polos debuxos procesuais dos primeiros alquimistas, como por exemplo Robert Fludd, que utilizábanos para explicar, precisamente ese proceso que estaban a representar, co que a alquimia tivo sempre unha ligazón cunha compoñente moi visual. E todos eses debuxos comezaron a atraerme moito por si mesmos, todos eses matices e calidades que tomaban ao tratar de expresar os elementos do seu mundo. Teñen tamén certa resonancia dun imaxinario científico, así que comecei a intersarme pola fotografía científica dos primeiros anos, e a combinación desas fotografías coas imaxes do mundo alquímico foi moi importante no meu traballo. É probábel, tamén, que a maneira solitaria que teño de traballar tamén teña moito que ver con esa sensación de conexión que sinto co mundo dos alquimistas.
As lanternas máxicas
No caso das lanternas máxicas pódese dicir que funme namorando pouco a pouco. E iso fíxome lembrar que eu tivera unha de nena, que de feito deixou de funcionar, levaba pilas… Pero todo iso fixo que me interesara por tentar atopar maneiras de facer ilusións cinéticas que non precisaran realmente dispositivos mecánicos. Ocorréuseme, entón, utilizar proxectores Kodak, pero en realidade son tamén moi mecánicos, todo vai de facer clic, clic, clic. En calquera aso, fascinábame a historia dos primeiros anos das ilusións cinéticas, quería saber como eran orixinariamente, como eran eses movementos que xa se perderon… porque agora estamos atrapados na repetición do fotograma, e na limitación a un só fotograma. Así que, a partir de aí comezou a medrar ese interese que xa tiña na lanterna máxica. E non só por iso, senón tamén pola súa luz proxectada, esa marabillosa sensación como de luz atravesando unha vidreira, e as imaxes que parecen xurdir da escuridade… é algo que me ten namorada desde sempre. A maoires, está tamén a posibilidade de narrar historias dun xeito máis íntimo. Íntimo no sentido de que a xente podía ter lanternas na casa e proxectalas na parede ou nas cortinas… e así é como que pasan facer parte da historia, dos fíos que tecen as vidas da xente. Entón decidín comezar a escribir, pensando… que podería escribir eu, como podo facer estas historias? E é algo que sempre me atraeu moito, que para min é realmente marabilloso. A partir de aí comecei a desenvolver as miñas técnicas de procesamente manual de diapositivas de lanterna máxica.
As narrativas tras da lanterna
Durante moito tempo estiven interesada en facer obras que fosen totalmente alleas á linguaxe. Eran algo moi semellante os soños que tes cando soñas esperto, e que eu sempre sentín que pertencían ao reino do visual, que están fóra da linguaxe. Pero coa lanterna máxica apeteceume retomar a idea de historia, de contar unha historia. E collín e comecei a escribir. En realidade creo que tamén escribira algo para os outros filmes, que a linguaxe sempre estivera presente dalgunha maneira, pero esta vez, observando a lanterna máxica, veume moi claramente a sensación de que o que quería era escribir unha historia que tivera que ver co que a lanterna é. E foi algo que veu moi motivado polas ideas que eu tiña daquela, que estaban influídas polas miñas lecturas de W.H. Hudson, un ornitólogo estupendo –isto é algo que de novo está vencellado ao meu interese pola historia natural– que pasou case toda a súa vida escribindo sobre as aves de Arxentina, pero na distancia, desde a súa residencia en Inglaterra. Así que o tipo de historia natural que facía vía da súa prodixiosa memoria pero tamén, penso eu, un pouco da súa imaxinación. E eu, que estaba a ler a súa obra, comecei a desenvolver un apego cos seus recordos e as súas fantasías sobre os paxaros que vira. E pareceume que era moi semellante a unha aula, que podería convertila nunha clase ao estila das primeiras manifestacións de clase ilustrada nas que a lanterna máxica tivera un papel tan importante, e comecei a mesturar isto coas ideas que emerxían das miñas lecturas. Mentres tanto, continuaba o meu proceso de escritura, do que saiu The Tears of a Mudlark, e agora estou escribindo unha terceira peza para lanterna máxica. No meu caso, diría que este é un punto de partida relativamente novo, pero moi estimulante, á hora de escribir.

PUBLICACIÓNS RECENTES