Ana Domínguez y Ángel Rueda. Unha utopía que xa dura dez anos

Xuñ 11, 2019 | Entrevistas


Como, cando e por que vos vén á cabeza a idea de facer un festival?
Ana Domínguez: Estabamos xa cansos de traballar no formato do cinema e a televisión comerciais. Levabamos aí uns cantos anos, eu no departamento artístico (decorados e atrezzo). É un traballo que tomas como algo creativo (os dous viñamos do mundo da arte), pero decátaste de que esta voráxine do audiovisual é moi pouco creativa: é producir, producir, e producir rápido, e a creación queda de última. E iso acábache queimando, sobre todo cando tes o gusaniño da creatividade: precisas facer cousas que che fagan sentir realizada. Eu decidín que quería deixar ese traballo, e tivemos a sorte de atoparnos os dous nese punto. Eu comecei a colaborar con Ángel cando estaba con Lili Films e comezamos a profesionalizalo. Entón decatámonos que todos os festivais de cine que había daquela repetían o mesmo modelo. E entón pensamos: que cinema queremos ver? Que filmes e que artistas queremos coñecer? E se queremos isto, por que non o facemos? E así comezou todo.
Ángel Rueda: Si, é tamén unha cousa de contexto. Como di Ana, si que tiñamo srelación cun certo tipo de industria de produción cinematográfica tradicional: longametraxes, filmes y documentais para televisión, moitos deles interesantes, educativos, pero esa inquietude artística estivo sempre presente. Como dixo Ana, eu fundara un proxecto artístico que se chamaba Lili Films, no cal había xa un pouco do que despois ía ser o (S8) porque afondaba na idea do cinema feito en vivo, en tempo real, na performance, no traballo co, material, cos materiais analóxicos… ata poderíamos dicir que había xa unha semente do festival na celebración que fixemos polos cinco anos de Lili Films, que consistiu nunha semana de proxeccións con performances, durante cinco días, en distintos espazos da cidade. Desde proxectar na rúa ata un pianista sonorizando en directo un filme, a una proxección dentro dun obradoiro de costura. É dicir, sempre houbo, nesa parte artística, esa idea do cinema da intervención, fóra das normas da produción cinematográfica. Ante esa case frustración de ter ese impulso artístico, chimpamos á piscina de facer o festival ao que nós queriamos ir. Esa é a semente. Desenouse un proxecto, moi basado nesta experiencia con Lili Films, e desde ese momento foise desenvolvendo sempre desde o punto de vista de que a vangarda é a protagonista e o formato analóxico a columna vertebral.
De onde ven o nome (S8) Mostra de Cinema Periférico?
Ángel Rueda: Foi case unha consecuencia. Neses cinco anos de Lili Films descubrimos que o super 8 era un espazo de liberdade: para xente non profesional, amateurs ou familias, que poderían facer as súas proxeccións na casa cunha saba, dentro do inmediato, da improvisación e da intervención, é dicir: todo podería pasar nunha proxección. Por iso quedamos coas siglas de S8, porque queriamos propoñer un festival libre. Porque o super 8 é para todos, sexan cineastas recoñecidos ou artistas menos coñecidos. O super 8 foi unha ferramenta fundamental para romper o xeo e quedar namorado do cinema. E o do cinema periférico era precisamente por saír dese epicentro, o cinema como protagonista que condiciona todo, arredor do cal sucede todo, cando a nós interesábanos máis todo o que había arredor. Personalmente, eu penso que o cinema vampirizou todo o que o rodeaba: as artes plásticas, o teatro, a música. Queriamos sinalar con este nome de Periférico algo que está fóra do centro.
As dúas primeras edicións do (S8) tiveron lugar no Antigo Cárcere, como decidistes tomar este espazo e como foi a experiencia nesa primeira edición?
Ana Domínguez: De feito, o nome de Mostra de Cinema Periférico ten que ver con iso: queriamos levar o festival a un lugar especial, á periferia. Apetecíanos moito que fose un lugar que tivese esa pátina, un edificio cunha historia propia.
Ángel Rueda: O cinema ten esa capacidade de transformación, e non o fai só cos que ven os filmes, senón que transforma tamén o espacio no que está a suceder. Había un espacio en Coruña, o Antigo Cárcere, que tiña unha historia de represión, e pensamos que o cinema podería cambiar esa historia por unha de inclusión, que incluso podería abrir ese espzo á cidade por medio dun evento cultural, que era aínda por riba un evento cinematográfico aberto á liberdade. Penso que é o eixo motor do proxecto en si, nun proxecto que tiña ese perfil tan arriscado e que queria ser tan rompedor, era necesario que houbese un plus de transformación no lugar onde sucedese. E polas circunstancias tivemos a oportunidade de comezar alí como epicentro do festival.
Ana Domínguez: Foi moi complicado a nivel loxístico que nos cederan o espazo, pero conseguímolo, e só foi posible quedar dous anos. Tamén tivemos moito coidado á hora de falar da memoria do espazo. Queriamos que esa pegada estivese presente. O primeiro ano fixemos unha instalación sobre a memoria do cárcere, editouse un pequeño libro, e foi moi emocionante porque ese ano veu moita xente que estivera no cárcere, o familiares de xente que estivera no cárcere, que quería visitar de novo o lugar, agora transformado en algo lúdico e festivo.
Ángel Rueda: Máis que lúdico, aberto, para eles era como pechar un ciclo, pasar páxina: reencontrase co espazo pero desde a liberdade, que era dalgunha maneira o que queriamos conseguir co festival tamén.
Algunha vez imaxinastes que o evento chegaría aos dez anos?
Ana Domínguez: Nunca pensas que pasará. Vives no presente e loitando por levar adiante cada edición, non pensas «quero facer cinco, dez edicións». Cada ano queres continuar, o tempo vaicho dando. Pero un día daste de conta de que, sen pensalo, levas dez edicións. Non sabes como, pero son dez. Pero cada ano é moi complicado levalo adiante, é unha loita continua e nunca sabes se vas continuar ou non, pero non pensas niso. Pero bueno, a nosa intención é seguir.
Ángel Rueda: Sobre todo porque estabamos ocupando un espacio vacío, estabamos partindo de cero, non había unha tradición de eventos cinematográficos ao longo do tempo no noso país ao redor da vangarda, por iso o noso era unha construcción diaria, era vivir o presente. Así que sen dúbida: nunca pensamos máis que en facer a seguinte edición coa soa ambición de seguir aprendendo nós co festival, non vimos sentar cátedra, senón que queremos abrir un espazo no que xerar coñemecento, no que poder traer artistas que nos van ensinar moitas cousas, e así xerar un caldo de cultivo. É como cociñar a lume lento. Sempre dixemos que non era un proxecto nin a corto nin a longo prazo, que era un proxecto do presente.
Que diferencias hai entre esa primeira mostra e a número dez?
Ana Domínguez: Eu penso que foi collendo corpo, que cada vez estamos máis seguros do que estamos a facer: en canto á programación, en canto ao que queremos facer. Despois seguimos estando pendurando dun fío: deixarannos facer isto, darannos permiso para isto outro? Iso é igual que o primeiro ano. Sorprendentemente, despois de dez anos, seguimos coa mesma incerteza. O que si que fixemos é consolidar o equipo, cada vez somos máis conscientes do que temos entre máns, e a programación tamén está cada vez máis consolidada. Fidelizamos un público que vén de fóra de Galicia, de fóra de España, de outros países, porque queren estar aquí para ver cousas que non se poden ver en case ningún sitio. Iso si que vemos que o conseguimos, cando no comezo pensabamos só en facer algo especial e diferente, sen saber cara onde ía ir.
Ángel Rueda: Eramos conscientes desde o comezo de que o festival tiña que ter un labor case didáctico, entón a transformación pode ser que si que sementara algo. Vemos que temos un público, nun cinema destas características. Tamén pasamos de que sexa algo formativo, divulgativo, a que sexa unha ferramenta para a creación e para impulsar aos creadores. Podemos estar orgullosos porque nestes dez anos algunhas das persoas que viñan como público agora son creadores. Tivemos a sorte de estrear traballos de xente nova que se veu impactada polo tipo de cinema que mostramos e que a partir de aí animáronse a experimentar. Iso fai que todo teña sentido. Iso nótase co paso do tempo, como podes chegar a ser unha referencia e unha influencia. Sendo modestos tamén, polo que nos chega vemos que é un festival cunha proxección internacional moi importante, e que hoxe en día é un punto de encontro, de coñecemento e de impulso, pero tamén de apoio aos creadores.
Ademáis de directores de festival, de activistas culturais, tamén sodes creadores. Cal foi a influencia do festival nese aspecto?
Ana Domínguez: É algo que enriquece, porque compartes tempo cos artistas que veñen. Eu sempre digo que estaría encantada de ser público do (S8) pero claro, non o es. Coñecer aos artistas é moi inspirador. É moi complicado sacar tempo para a creación porque levar adiante esta maquinaria leva moitos meses de incerteza, porque nós non temos unha base sólida. Nós presentámonos a convocatorias e a subvencións, pero sempre está a incerteza de que puntos vas recibir, qué diñeiro vas recibir. Podes estar todo un ano xustificándoo despois, son meses e meses. Despois tes pouco tempo para as túas cousas, pero algo imos facendo. De feito Os fillos da vide durou nove anos, comezamos a facelo co festival. O filme da vendimia é un proxecto meu pero que o fixemos os dous.
Ángel Rueda: Pois acertaches co de activista cultural. Realmente un artista ten tamén ese impulso. Estás na túa torre protexido e creando, pero tamén hai unhas precariedades nos proxectos culturais, e o artista debe ter tamén ese compromiso de activar eses espazos. Nós si que acollimos esa responsabilidade e implicámonos como artistas no desenvolvemento e no deseño dun proxecto cultural, un festival de cinema destas características. É algo que non pensas no comezo, pero ao final vaste decatando de que non podes ser moi egoísta, tes que ser moi xeneroso, porque vas ter que sacrificar o teu tempo para dedicalo a cousas das que no sabes: a xestión, cousas financieras…
Ana Domínguez: Eu se non fose polo proxecto esas cousas non as faría.
Ángel Rueda: É a xenerosidade de implicarte en corpo e alma para darlle alma a algo no que cres. O activismo cultura e o egoísmo eu penso que non son compatíbels, realmente tes que estar comprometido. Lóxicamente iso ten un prezo, que é que reduce a túa capacidade sobre todo á hora da reflexión e a introspección para poder crear algo para a túa obra. Eu, por exemplo, penso que durante estes anos fixen un par de pezas, moi curtiñas, puntuais, pero tamén porque realmente no deseño dun evento como este hai unha parte creativa moi importante, entón hai que bascular. Ana si que dedicou tempo nestes anos ao seu proxecto personal, a súa primeira longametraxe, e foi unha loucura, marabillosa, pero unha loucura. E difícil, pero realmente paga a pena, e penso que no fondo tamén estás sendo creativo desta maneira. Nunca deixamos de ter unha perspectiva artística, estamos implicados nalgúns proxectos de futuro.
Lembrades algún momento destes anos que vos marcara especialmente?
Ángel Rueda: Primeiro, algo que non ten nada que ver coa parte artística, que é a comunidade de compañeiros que se creou, para min eso é vital. Unha cousa que me marcou destes anos é ter coñecido a tantos profesionais que se implicaron no desenvolvemento do proxecto, que dedican todo o seu talento a seguir creando. Isto é un festival de creación: aquí vense a curar, a deseñar os programas. Temos sorte de ter atopado almas xemelgas durante estes dez anos, xerando unha familia. Nós alimentamos o noso círculo de amigos cos nosos compañeiros, e para min iso é moi importante. Quédome con iso. E a nivel artístico, tampouco é cousa de pór nomes e apelidos, quédome coa parte humana dos artistas, iso é fascinante. Nestes anos gañamos novos amigos. Por exemplo: hoxe chegou Naomi Uman a Coruña, despois de participar no festival en 2012, e é como se nos viramos onte. Admiramos o seu traballo, pero admiramos tamén a persoa que hai detrás.
Ana Domínguez: O que di Ángel é totalmente real. A min nestes dez anos mesturáronseme todas as emocións, é un conxunto de emocións. Xúntase todo, e convértese nunha liña temporal paralela. Temos un proxecto aí con nós, que cre no proxecto. Non es ti soa a que te emocionas, senón moita máis xente. E iso faiche pensar que aínda que isto che faga sufrir, non estás equivocada, porque hai moita xente aí contigo. E os artistas…
Ángel Rueda: A conclusión é que paga a pena seguir loitando polas utopías. Porque isto realmente é unha utopía.

PUBLICACIÓNS RECENTES