A FLOR DO DÍA #4

UN XARDÍN AUSTRAL: CLAUDIO CALDINI

Xoves 1 de Outubro | 18:30 h | s8cinema.com

A flor do día é o nome co que bautizamos unha serie de programas en streaming ao redor do tema desta edición: o xardín segredo e a primavera que non vivimos, pero que recuperamos nesta edición de outono. En cada sesión d´A flor do día veremos un pequeno ramallete de pezas de diversos cineastas que traballan ao redor das flores e o mundo vexetal, precedido dunha presentación rodada en distintos recantos da Coruña.

O cineasta arxentino Claudio Caldini, que nos visitou en 2013, cultiva no seu xardín real e fílmico algunhas das flores máis fermosas nunca vistas. As delicadas visións vexetais en super 8 de Cuarteto van aparelladas cun paseo meditativo por un campo de xirasoles, nunha maneira particular de entender e explotar as posibilidades do vídeo dun dos nosos cineastas favoritos.

  • CUARTETO | Claudio Caldini, 1978, super 8, 20 min.

  • POILEAN | Claudio Caldini, 2020, vídeo, 9 min.