XARDÍNS SECRETOS

Sábado 3 de Outubro | 19:30 h | CGAI | Reserva aquí a túa entrada gratuíta

Amosamos aquí unha colección interxeracional de xardíns de luz secretos. Esta é a idea central da presente edición, esta vez proxectada na pantalla dunha sala de cine.

PLANTAS TREPADORAS | Julieta Averbuj, 2013, 35mm, 2 min.

Plantas que se atopan e trepan en forma de talo vexetal, e de tira de 16mm que serpea sobre un pedazo de película de 35mm.

TRANSCRIPT | Erica Sheu, 2019, 35mm (transferido dixital) 3 min.

Unha delicada película inspirada no filme de Terayama Shadow Film: A Woman with Two Heads (1977), e que bebe da intimidade persoal e familiar da súa autora. A gypsophila da memoria en forma de sombras, caracteres e cianotipos.

BAUMSCHATTEN A L’OMBRE D’UN ARBRE | Milena Gierke, 1996, super 8 (transferido dixital), 2 min.

A sombra das árbores en fermosa calma dá paso ás imaxes entretecidas do verde das súas follas e do azul do ceo.

BOUQUETS 26-27 | Rose Lowder, 2003, 16mm, 3 min.

Dúas entregas dos míticos bouquets de Lowder: arranxos orais fílmicos de pouco máis dun minuto, arduamente construídos na incesante procura visual da cineasta.

GARDEN PIECES | Margaret Tait, 1998, 16mm, 12 min.

O último filme de Margaret Tait, a cineasta e poeta das illas Orcadas. Unha peza en tres movementos ao redor dun xardín: dous gravados e un pintado directamente sobre a película.

AMARYLLIS – A STUDY | Jayne Parker, 2020, 16mm (transferido dixital), 7 min.

Un estudo das cores, texturas e arquitecturas dunha amarilis, flor do sur de África catalogada por Linneo en 1753.

THE GARDEN OF EARTHLY DELIGHTS | Stan Brakhage, 1981, 16mm, 2 min.

Unha película na que Brakhage, como en Mothlight, pega sobre unha tira de celuloide transparente elementos do mundo natural. Neste caso, herba, pétalos e follas, co Xardín das delicias como inspiración: “an homage to (but also argument with) Hieronymous Bosch”.

WASTELAND NO. 2: HARDY, HEARTY | Jodie Mack, 2019, 16mm, 7 min.

Un bodegón palpitante e insólito de plantas e flores arrincadas do seu contexto e xeadas. Ante os nosos ollos, os ciclos da vida nun desfile colorido e plástico.

INTERLUDE | Nathaniel Dorsky, 2019, 16mm, 11 min.

Un breve perdido intre que xace en suspenso.

I BEGAN TO WISH… | Julie Murray, 2003, 16mm, 5 min.

Flores e froitos repréganse sobre si propios. O tempo revértese nesta película de metraxe atopada na que unha escena inocente de pai e fillo encontra o seu reverso escuro.

THE SECRET GARDEN | Phil Solomon, 1988, 16mm, 23 min.

Unha mistura de imaxes de superficies acuáticas filmadas por Solomon (D.E.P.) seguen a pista dos fragmentos de metraxe atopada (d´O mago de Oz e dunha das versións cinematográficas d´O xardín secreto, unha historia suxestionada nos seus subtítulos), nunha película onde o forma e o emocional fúndense nunha sintonía perturbadora.

PUCHUNCAVÍ | Jeannette Muñoz, 2019, 16mm, 3 min.

Da serie Puchuncaví, lugar de Chile onde industria, turismo, vidas humanas e animais conflúen. Aquí, Puchuncaví convértese nun estado de ánimo e símbolo que nos leva á intimidade creativa da cineasta, de Suíza ao Cono Sur.

ALL MY LIFE | Bruce Baillie, 1966, 16mm, 3 min.

A mirada ao ceo da película de Baillie pecha a nosa colección de xardíns. Unha homenaxe ao cineasta e á pacífica relatividade dos nosos desvelos humanos, que se renden ante a luz do verán californiano.