CAMERA OBSCURA: ALEXANDRE LAROSE

Martes 29 de Setembro | 20:00 h | CGAI | s8cinema.com
Martes 29 de Setembro | 20:00 h | CGAI | Reserva aquí a túa entrada gratuíta

De 1972 a 1981, na televisión pública de Boston, Robert Gardner conduciu un programa que, co paso do tempo, se transformaría nunha serie de culto e nun referente para a comunidade do cinema experimental: Screening Room. Por el pasaron os cineastas de vangarda máis relevantes do seu tempo, que eran entrevistados en profundidade por Gardner. O presentador daba aos telespectadores a oportunidade de coñecer a súa obra en fondura, polo que incluía no programa algunha das pezas destes cineastas. En 2020, pensando en novas formas de expandir e difundir o cinema experimental (empurrados polos tempos que corren, pero tamén propulsados polas facilidades que nos dá a tecnoloxía e internet), o (S8) inspírase no mítico programa de Gardner (tendo tamén en mente o Cinéastes de notre temps de Janine Bazan e André S. Labarthe) para crear Camera Obscura, un programa emitido en streaming nun formato renovado e adaptado aos nosos tempos, realizado cunha estética peculiar e cunha clara vocación creativa. Nel coñeceremos a fondo os procesos de traballo dun grupo de cineastas ao mesmo tempo que gozaremos dunha pequena mostra das súas pezas. O nome do programa, Camera Obscura, alude a ese enxeño luminoso que impulsou a pintura e imaxinou o cinema séculos antes da súa creación, dispositivo a través do cal un raio de luz procedente do exterior proxecta imaxes en movemento no interior dun cubículo escuro. Así, o (S8) quere ser ese raio de luz que viaxa polas ondas para proxectarse en calquera cuarto imaxinable no mundo.

Cunha formación que integra a enxeñería coas belas artes, o canadense Alexandre Larose leva máis de dúas décadas facendo películas que conxugan o enxeño técnico co poder da evocación. A súas películas son, con frecuencia, estudos e variacións sobre un mesmo tema. Son obras traballadas con intensidade ao redor da memoria, o movemento e o espazo. A través da súa labor con capas fotoquímicas (segundo o período da súa carreira, superpostas a través da copiadora óptica ou da propia cámara), Larose explora os límites da percepción, o movemento, a repetición e os bucles temporais, dando como resultado películas altamente pictóricas que transforman a pantalla nunha superficie de propiedades anovadas. Este especial de Camera Obscura levaranos a través dos seus experimentos e procesos a partir dunha entrevista en profundidade e a mostra do seu poderoso traballo.