CAMERA OBSCURA: AMY HALPERN
Luns 28 de Setembro | 20:00 h | s8cinema.com
Mércores 30 de Setembro | 19:00 h | CGAI | Reserva aquí a túa entrada gratuíta
De 1972 a 1981, na televisión pública de Boston, Robert Gardner conduciu un programa que, co paso do tempo, se transformaría nunha serie de culto e nun referente para a comunidade do cinema experimental: Screening Room. Por el pasaron os cineastas de vangarda máis relevantes do seu tempo, que eran entrevistados en profundidade por Gardner. O presentador daba aos telespectadores a oportunidade de coñecer a súa obra en fondura, polo que incluía no programa algunha das pezas destes cineastas. En 2020, pensando en novas formas de expandir e difundir o cinema experimental (empurrados polos tempos que corren, pero tamén propulsados polas facilidades que nos dá a tecnoloxía e internet), o (S8) inspírase no mítico programa de Gardner (tendo tamén en mente o Cinéastes de notre temps de Janine Bazan e André S. Labarthe) para crear Camera Obscura, un programa emitido en streaming nun formato renovado e adaptado aos nosos tempos, realizado cunha estética peculiar e cunha clara vocación creativa. Nel coñeceremos a fondo os procesos de traballo dun grupo de cineastas ao mesmo tempo que gozaremos dunha pequena mostra das súas pezas. O nome do programa, Camera Obscura, alude a ese enxeño luminoso que impulsou a pintura e imaxinou o cinema séculos antes da súa creación, dispositivo a través do cal un raio de luz procedente do exterior proxecta imaxes en movemento no interior dun cubículo escuro. Así, o (S8) quere ser ese raio de luz que viaxa polas ondas para proxectarse en calquera cuarto imaxinable no mundo.
Amy Halpern, cineasta radicada nos Ánxeles, é a man detrás dun grupo de películas ameigadas e poderosas que aproveitan ao máximo a capacidade asociativa e sensorial do cinema. Halpern comezou a facer filmes nos primeiros anos dos setenta. Neles utiliza luz, elementos como substancias e obxectos de diferentes densidades, texturas e cores e distintas clases de seres en películas que posúen unha especial concepción do encadre e da “posta en escena”. Ademais, a montaxe establece asociacións poderosas e primarias. Sensacións físicas de todos os calibres e que abarcan todos os sentidos, sinestesia, xestualidade e sensualidade conflúen en composicións que, en ocasións, suxestionan o relato xa na primeira ollada. Unha mistura na que ás veces intervén o son de xeito imaxinativo e inesperado, e cuxos títulos poéticos engaden unha capa máis de significado. En este Camera Obscura, introducirémonos no meigallo do seu cinema a través das súas
palabras e películas.