De 1972 a 1981, na televisión pública de Boston, Robert Gardner conduciu un programa que, co paso do tempo, se transformaría nunha serie de culto e nun referente para a comunidade do cinema experimental: Screening Room. Por el pasaron os cineastas de vangarda máis relevantes do seu tempo, que eran entrevistados en profundidade por Gardner. O presentador daba aos telespectadores a oportunidade de coñecer a súa obra en fondura, polo que incluía no programa algunha das pezas destes cineastas. En 2020, pensando en novas formas de expandir e difundir o cinema experimental (empurrados polos tempos que corren, pero tamén propulsados polas facilidades que nos dá a tecnoloxía e internet), o (S8) inspírase no mítico programa de Gardner (tendo tamén en mente o Cinéastes de notre temps de Janine Bazan e André S. Labarthe) para crear Camera Obscura, un programa emitido en streaming nun formato renovado e adaptado aos nosos tempos, realizado cunha estética peculiar e cunha clara vocación creativa. Nel coñeceremos a fondo os procesos de traballo dun grupo de cineastas ao mesmo tempo que gozaremos dunha pequena mostra das súas pezas. O nome do programa, Camera Obscura, alude a ese enxeño luminoso que impulsou a pintura e imaxinou o cinema séculos antes da súa creación, dispositivo a través do cal un raio de luz procedente do exterior proxecta imaxes en movemento no interior dun cubículo escuro. Así, o (S8) quere ser ese raio de luz que viaxa polas ondas para proxectarse en calquera cuarto imaxinable no mundo.
En xuño de 2020 abandonábanos de xeito prematuro unha das personalidades máis especiais que pasaron pola historia do festival: Luther Price. A súa obra visceral, que combinaba como poucas a dor, a violencia, a escatoloxía e a transgresión, para transformalas en accións sandadoras, conmovedoras e puras, será o obxecto deste Camera Obscura. A través da guía de Ed Halter (Light Industry, Bard College), un dos principais promotores da súa obra, e da entrevista a Price realizada durante a súa estancia na Coruña en 2017, descubriremos máis facetas dos seus filmes, que van desde o super 8 dos anos 80, ao seu último traballo en 16mm; do performativo ao seu xeito único de entender a metraxe atopada. Ademais, teremos a oportunidade de ver algunhas das súas películas no que desexamos que sexa unha homenaxe á súa persoa e á súa obra, lembrando o seu torturado e fermoso paso por este mundo mortal.