Venres 2 de outubro. O mapa e o territorio: Sinais en curto, Valentina Alvarado e Carlos Vásquez

Set 30, 2020 | Artigos

Levantamiento de una isla, Valentina Alvarado

Chegamos ao venres, día no que nos prodigaremos máis de forma presencial que pola rede. Para comezar, a sesión de Sinais en curto (de cuxos autores levamos falando toda a semana nos programas especiais que fomos emitindo) poderase ver enteiramente online, así coma na sala Palexco e no CGAI. A nosa entrega do día de Camera Obscura estará protagonizada por Valentina Alvarado, cuxo traballo tamén poderemos ver esta noite na Fundación Luis Seoane xunto co de Carlos Vásquez. A noite culminará cunha performance realizada en colaboración entrambos os dous.

Valentina Alvarado no LIFT, Toronto

Valentina Alvarado foi “a elixida” da nosa convocatoria deste ano da BAICC (bolsa artística de creación cinematográfica organizada en colaboración co LIFT de Toronto e AC/E), e hoxe poderemos ver, na súa estrea mundial, a peza resultante da súa residencia, tanto online en Camera Obscura coma de xeito presencial na Fundación Luis Seoane. Oriúnda de Maracaibo, Venezuela, actualmente Alvarado vive e traballa en Barcelona. Ao longo da entrevista que lle fixemos puidemos falar dalgúns temas clave no seu traballo como cineasta. Procedente das belas artes, as súas películas constrúense a partir de exercicios plásticos que orbitan arredor de temas diversos. Collage, pintura, traballos con cerámica e con distintos materiais habitan os seus filmes, que versan sobre a identidade na diáspora, o sentido de pertenza e as distancias xeográficas e sentimentais. Propiedades de una esfera paralela, a súa nova peza, leva todas estas premisas un paso máis alá. Trátase dun traballo en 16mm en dobre proxección, no que a frialdade da paisaxe canadense se somete a unha serie de experimentos que lle confiren unha atmosfera tropical. Por medio de espellos, pintura, lume, paisaxes recortadas e diversos xogos ante a cámara (que se interpelan mutuamente na dobre proxección), Alvarado parece estar tentando construír un fogar portátil ou mesmo cuestionar que é o que realmente constitúe para ela dito lugar incerto.

Ensayos sobre el exotismo (parte I), Carlos Vásquez

Na sesión da Luis Seoane o traballo de Alvarado irá seguido do de Carlos Vásquez. O cineasta chileno radicado en Barcelona, cunha longa carreira no relativo ao cine analóxico, constrúe un traballo que creba as fronteiras entre a non ficción e o cine experimental. Por unha banda, cunha peza que evoca as maneiras do cine etnográfico para cuestionalas: Ensayo sobre el exotismo (parte I) toma o seu título da obra inconclusa do etnógrafo e escritor francés Victor Segalen para reflexionar sobre esa ollada que converte o alleo en pintoresco. Vásquez filma a paisaxe e as xentes dun país asiático nunha serie de bobinas montadas en cámara que despois dispón en orde cronolóxica. A idea é precisamente poñer en evidencia a mirada allea a través desa montaxe en cámara, sen agochar as costuras por medio dunha reflexión e montaxe posteriores. Queda, xa que logo, o que se filma de acordo co primeiro impulso de quen descobre un lugar novo con ollos estranxeiros. O caso de La troya é máis ben un estudo acerca da esencia mesma do cine, a sucesión de fotogramas fixos, que une o traballo de cronofotografía de Muybridge coa evocación do mítico Berlin Horse de Le Grice. Se en La troya Vásquez filma a súa terra, Chile, en mtDNA 1Ca hg a paisaxe islandesa enlaza dalgún xeito as premisas de ambas as dúas pezas: dende o estudo da paisaxe á reflexión arredor da mirada allea sobre esa paisaxe e as súas implicacións.

Paracronismos II, Valentina Alvarado y Carlos Vásquez

A noite culmina con Paracronismos II, unha performance conxunta de Vásquez e Alvarado na que se inclúen proxeccións de materiais atopados de diversa natureza. Precisamente é o exame e cuestionamento destes documentos, pensados para presentar unha realidade axiomática artellada nun discurso sen fisuras, o que serve de base a esta obra que, nas palabras dos seus creadores, se ocupa da “dualidade entre natureza e cultura, puntuada pola ciencia, o extractivismo e a dominación”.

PUBLICACIÓNS RECENTES