Jodie Mack, Juan Sebastián Bollaín, Pablo Marín e David Domingo, primeiros protagonistas da 12ª edición do (S8) 2021

Abr 30, 2021 | Destacados, Novas

Os catro creadores formarán parte do que foi un dos contidos estrela da pasada edición do festival: Camera Obscura, sección inspirada en Screening Room, o programa de referencia nos anos 70 para a comunidade do cinema de vangarda. A Mostra, que se celebrará entre o 28 de maio e o 6 de xuño na Coruña, incluirá tamén no seu Camera Obscura parte dun ambicioso programa de cooperación internacional que desvelará proximamente.

30 de abril do 2021 – O (S8) Mostra Internacional de Cinema Periférico celebrará entre o 28 de maio e o 6 de xuño a súa duodécima edición cun formato dual, apostando tanto pola divulgación de contidos online a nivel internacional como pola presencialidade e a experiencia colectiva que supón o cinema en si. Nela combinará un ano máis diversas performances, encontros e proxeccións na cidade da Coruña cunha serie de formatos deseñados para a súa emisión a través da web e as redes sociais do festival.

A Mostra volve apostar esta vez por un dos formatos favoritos do público na pasada edición: Camera Obscura, un espazo na rede inspirado no coñecido programa de cine experimental Screening Room. Por este programa, presentado por Robert Gardner de 1972 a 1981 na televisión pública de Boston, pasaron os máis relevantes cineastas de vangarda do seu tempo, a quen o conductor entrevistaba en profundidade ofrecendo tamén aos televidentes a oportunidade de coñecer a súa obra emitindo algunhas das súas pezas.

O (S8) recolle o ‘testigo’ de Screening Room para crear Camera Obscura, un programa emitido en streaming e cun formato renovado que contará nesta edición con artistas e creadores como Jodie Mack, Juan Sebastián Bollaín, Pablo Marín e David Domingo. Todos os programas estarán dispoñibles online e en aberto durante a celebración do festival e, ademais, Juan Sebastián Bollaín visitará a cidade da Coruña para estar presente no programa doble que o festival fará arredor da súa obra.

O público poderá coñecer a fondo os procesos de traballo de Mack, Bollaín, Marín e Domingo cunha entrevista en profundidade e repasando a súa obra a través do visionado online dalgunhas das súas películas. Ademais, o festival incorpora a esta sección parte dun ambicioso programa de cooperación internacional que dará a coñecer nos próximos días. 

Camera Obscura: os protagonistas

Jodie Mack. Desde que empezou a súa actividade para mediados dos 2000, Jodie Mack revelouse como unha das cineastas máis brillantes do noso tempo. Cunha concepción única do traballo fotograma a fotograma (guiada por unha creatividade sen límites e un extenso coñecemento da animación experimental), Mack parte do collage no sentido máis estrito para emprender unha extensa investigación arredor dos téxtiles, en animacións abstractas nas que patróns e cores son protagonistas, indo máis alá do formal para alcanzar unha aguda visión da historia da arte abstracta, a cultura popular e das implicacións políticas de todo iso. 

Juan Sebastián Bollaín. Cineasta, arquitecto e urbanista, é o responsable dunha filmografía insólita no panorama español. Cunha imaxinación e un sentido do humor desbordantes, Bollaín pon en xogo os elementos que o cinema lle ofrece para inventar cidades utópicas e para expor agudas visións de todo aquilo que o rodea, cun foco especial en Sevilla. Nesta edición do (S8) descubriremos da súa man os seus comezos no cinema, as ideas e circunstancias detrás de obras emblemáticas como La Alameda (1978) e a súa tetraloxía Soñar con Sevilla (da que veremos dúas das súas entregas, nas súas versións restauradas pola Filmoteca de Andalucía), ademais da súa particular visión da creación cinematográfica e do mundo, aínda revolucionariamente cargada de futuro. 

Pablo Marín. É un axente vital do cinema experimental arxentino: ademais de como cineasta, o seu labor esténdese pola investigación, a escritura, a edición, o ensino e a programación. A súa obra, case integramente feita en super 8 (un formato esencial na historia do cinema experimental arxentino), continúa e expande dalgún xeito a herdanza de cineastas como Claudio Caldini, á vez que nace dun profundo coñecemento da vangarda mundial, en películas que absorben o cotián e o persoal. Marín foi construíndo así unha sorte de libro de memorias fílmico, oblicuo e abstracto, no que as superposicións, o uso de máscaras e reservas e a filmación cadro a cadro, entre outras estratexias, poñen a proba as capacidades e potencias do cinema.

David Domingo. É unha das figuras máis queridas e apreciadas do (S8) desde a súa primeira edición, cando a Mostra dedicou un foco ás súas películas. Domingo, alias Stanley Sunday, é un dos renovadores do cinema underground español, continuador do legado de Zulueta, e dono dun imaxinario único no que conflúen referencias pop, experimentos visuais de todo tipo, animacións (desde o stop motion ata as súas últimas creacións en 3D), épica doméstica, referencias homoeróticas, sentido do humor e unha deslumbrante e colorista estética. 

PUBLICACIÓNS RECENTES